caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > O carro do misterio
> O carro do misterio <

Estou convencido -alegremente convencido, se mo permiten- de que ao longo deste ano si se foron producindo mudanzas pequenas e pausadas, pero moi significativas, dentro da programación da CRTVG, tanto na radio como na televisión. Que se cometeron moitos erros, con certeza, pero que tamén se foron superando algunhas inercias do pasado, moitas delas típicas dos medios de comunicacións públicos, e non sempre doadas de evitar. Podemos queixarnos da ás veces extrema limitación de recursos, ou o inapropiado de certos horarios, pero paréceme que en xeral programas como Ciencianosa e Libro aberto, como Miraxes ou Alalá, como Onda curta ou Planeta cine, son proba dun alento novo que xustifica sobradamente a importancia e a utilidade dunha televisión de noso.

Por iso hoxe lamentei tanto descubrir a existencia de Antes do silencio, unha revista presentada por Carmen Chao e dirixida por Xosé Antonio Perozo que se ocupa do "mundo do descoñecido". Nos poucos minutos que tiven o televisor prendido houbo tempo para ver a unha astróloga, unha vidente e un tarotista dando o seu parecer sobre o estado actual dunha parella de Vigo desaparecida hai dous anos, e tamén saiu un crego que busca cousas cunha variña de zahorí e que só por iso debera ser excomungado pola autoridade eclesiástica correspondente. Dóeme que a televisión de todos ceda espazo á ignorancia e ao oscurantismo medieval, á trapallada magufa disfrazada de "investigación" e aos fantoches que de boa ou mala fe se aproveitan da necesidade de esperanza da xente e aos cales aínda por riba se lles chama "expertos" e "especialistas". A semana que vén falarán de exorcismos, disque, e imaxino que logo chegarán os ovnis, as medicinas alternativas, a telepatía ou a memoria da auga, até ir completando a lista de temas que transporta habitualmente o carro do misterio. Os martes pola noite a Televisión de Galicia dalle vacacións ao pensamento crítico, ou ao pensamento a secas, e salta irracionalmente ao abismo da escatoloxía ocultista. A min dame moita pena. E se do que se trata é de ir na procura de mellores audiencias, que poñan a esa hora filmes pornográficos, que para a saúde mental do país será menos nocivo.

2006-10-18, 02:13 | 37 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/43813

Comentarios

1
De: ghanito Fecha: 2006-10-18 07:18

Mr. Pawley, a vostede, (e dígollo con certo respeto) vaille a marcha.
Non lle chega con 'desfrutar' con certa frecuencia do Señor Iker Jiménez, como aquí temos noticia habitualmente, senon que anda na percura de outros espazos similares.

No de pedir porno na galega non vou disentir, devezo por escoitar esas dobraxes, causarían case tanto impacto na poboación coma a Sue Ellen bébeda mentras o JR estaba a morrer. :>



2
De: leco Fecha: 2006-10-18 10:03

Concordo co que di mais o ton saiulle unha miga... Daban á mesma hora Veredicto Final noutra cadea e andaba a zapear?



3
De: Martin Pawley Fecha: 2006-10-18 10:56

leco, adiviñe quen era o tarotista. Doulle unha pista: "infancia en Coroso" ;-)



4
De: folerpa Fecha: 2006-10-18 11:23

Eu sentin vergoña da nosa televisión pública. E hoxe comeza o seu reality do 1906.



5
De: webense Fecha: 2006-10-18 11:34

O programa é unha merda, pero a presentadora ten o seu aquel. Qué dicía vostede do porno?



6
De: Marcus Fecha: 2006-10-18 12:38

Eu non estou dacordo en que a TVG faga este tipo de programa, pero teño que admitir que souberon clonar ben a fórmula de Fríker Jiménez. Incluso aplaudo a cara de póquer da presentadora, que soubo aguantar a risa (aínda que supoño que sería nos momentos que facía que escribía cando estaría a punto de rir, e tería que disimular).



7
De: Don J. Fecha: 2006-10-18 12:44

Supongo que es un efecto secundario del éxito de Iker 'amigo, compañero' Jiménez. Radio Nacional ya ha empezado a emitir un engendro a imagen y semejanza de 'Milenio 3' y las teles se lanzarán a clonar el 'Cuarto Milenio' con ilusión. Es lo que hay.



8
De: cineclube Fecha: 2006-10-18 13:13

moi boas... aquí uns novos que van dar unha volta pola rede...
saúde

http://cineclubedecompostela.blogaliza.org



9
De: carmenchao Fecha: 2006-10-18 14:07

Moi boas,

Jejeje..Imaxinaba que dariamos que falar...

Grazas ós que tiveron compaixón coa presentadora, grazas tamén ós que ofreceron a súa crítica constructiva ou destructiva...Porque todos estivestes aí, un ratiño, onte pola noite.

...Existen espectáculos televisivos disfrazados de telexornal...Penso que nós non enganamos a ninguén.


Apertiñas para todos



10
De: descalza Fecha: 2006-10-18 16:08

O que sería ideal era ter un programa escéptico en vez de ir da mán do Iker; xa postos a meter un espazo na "telegaita" a lo menos, que fose un contrapunto. Estaría ben botar por terra os falsos argumentos "magufos".

Carmen Chao:
"Existen espectáculos televisivos disfrazados de telexornal...Penso que nós non enganamos a ninguén".
Enganar, non enganades no formato do programa pero non se pode tachar de veraz o contido.



11
De: carmenchao Fecha: 2006-10-18 16:13

Somos un programa de entretemento, non un dogma de fe. A audiencia non é tonta, sabe o que crer e o que non crer.
Non creo que o noso papel sexa tan perigoso para a sociedade...non?

Un saúdo a descalza



12
De: descalza Fecha: 2006-10-18 16:25

Só pido un pouco de escepticismo no que se conta ou dí porque pola miña expericencia a xente é bastante crédula coas cousas de meigas e tal.
¿Perigoso? Non, claro que non. O malo é que sempre se prefire afondar nises temas fáciles que non decir: "oes, as pantasmas non existen por esto, esto e esto." Que é, realmente, o que eu como espectadora boto en falta.



13
De: descalza Fecha: 2006-10-18 16:29

Saúdos, por certo. ;-)



14
De: webense Fecha: 2006-10-18 16:35

A audiencia non é tonta, pero gran parte dela é crédula, e Antes do silencio alimenta esa credulidade e contribúe a manter baixo mínimos o pensamento crítico da xente.
Quizais se a presentadora poidese aportar un pouco de retranca escéptica ante as afirmacións dos invitados, o programa cobraría interese ;o)



15
De: Don J. Fecha: 2006-10-18 16:45

Oia Pawley, deixoume intrigado o misterio que se trae vostede coa identidade do astrólogo de Antes do silencio. ¿De quen se trata? ¿É algún brujo especialmente coñecido en Galicia ou algo así?



16
De: Don J. Fecha: 2006-10-18 16:47


Ah, que non era astrólogo, que era o tarotista. Bo, tanto dá.



17
De: rábade Fecha: 2006-10-18 17:45

Para gustos, cores. Eu riome moito vendo este tipo de shows, e creo que o tema das meigas e demáis sempre dará xogo en Galicia.
Só decir que parte do equipo do programa este xa o fixera a finais dos 80 na Tvg (A noite das badaladas). Supoño que se a galega decidiu volver a facelo será porque 4ºmilenio ten moito éxito aqui (é a 2ª comunidade onde máis se vé).
saudos



18
De: Don J. Fecha: 2006-10-18 18:11

Que quere que lle diga, Rábade. Eu antes tamén me ría a mandíbula batiente con este tipo de trapalladas, pero cada vez esgótalleme antes a paciencia. Cando o outro día vin ao navegante do misterio Iker Jiménez tratar de autoridade mundial a un suxeito que afirma que se lle fai vostede mimos ao seu tarro de arroz sairalle mellor a paella, púidome a indignación. Parecíame que nos estaban chamando parvos á cara.



19
De: zacarias Fecha: 2006-10-18 18:11

unha vez máis ponse de manifesto a falta de ideas e de orixinalidade no panorama televisivo actual. Onte asistimos ao nacemento doutra copia máis de algo xa visto. Pareceme ben que o "cuarto milenio" teña tirón aquí, pero non creo que ese sexa motivo suficiente para que teñamos que lanzarnos a facer unha copia (e si copias, polo menos faino ben). Asi nos vai, que primeiro hai que ver o que funciona noutro lado e despois facer unha (casi sempre mala) copia. Alguen viu algo arriscado ultimamente na "nova" tvg?.
Recordo un programa que chimparon fai pouco: LubaTV, ese si que era unha proposta nova e fresca. Tamen se foi á merda, si, pero polo menos era un experimento que non se vira antes. Creo que tamen hai que saber fracasar con dignidade (ou que me dicides do "Programon" de Mon Santiso).
A ver hoxe coa 1906.
Saudos.



20
De: Anxo D Fecha: 2006-10-18 18:42

Terá que haber de todo, programas para os máis cultos e outros máis a ras de chan. Digo eu. Cada programa ten o seu público, eso sí, Carmenchao, baixará un pouco a cousa, polo menos por esta banda "estranha".
Sorte, pois, sen máis nada.



21
De: Martin Pawley Fecha: 2006-10-18 19:52

O problema non é que un programa sexa máis ou menos culto, cousa esa ben difícil de definir, senón que conte trolas ou non. As "naves do misterio" que tanto abundan agora xogan a deixar que o espectador saque as súas conclusións, pero iso é unha pura falacia cando o que se lle está aportando é unha versión falsa e sesgada duns feitos (no caso de que se lles puidera chamar así). A pura existencia deses misterios dos que falan, por iren contra o coñecemento que do mundo temos, deberían ser probada con claridade e en condicións controladas, sen risco de fraude; pero nunca fan iso: bástalles citar mil veces unha mesma panochada e confiar, ao xeito Goebbels, en que a súa repetición acabe por facer dela unha verdade, como iso de que a policía emprega a videntes para resolver certos casos. Que nos digan quen, cando e como, e sobre todo que nos digan o nome do inspector que fixo tal.



22
De: carmenchao Fecha: 2006-10-19 10:39

Boas,

Grazas a todos polos vosos comentarios. Gústame saber o que opina a xente que non vexo cando miro a cámara. É o máis importante.

Pawley, non pretendemos resolve-lo misterio da santísima trindade, pero teño que matizar que si ofrecemos máis información da que pensas. Durante o programa démo-lo nome de Santiago Delgado, inspector de policía retirado co que colaboraron parapsicólogos na busca de desaparecidos.
O que escoita pode crelo ou non, pero o dato démolo.

Unha aperta, Martin



23
De: homedareia Fecha: 2006-10-19 13:29

home, Pawley, tampouco hai que ser tan riguroso, pensa que na ciencia están descubrindo cousas que parecen "maxia" :P
eu penso que verdadeiramente o problema maior do programa está na dirección e na realización, que polo menos no cacho que mirei (tiña curiosidade por ver a presentadora, que xa a coñecía das novas nouturnas de Localia Santiago) era bastante regularciña dentro do meu ponto de vista. Se cadra eses mesmos temas tratados doutro xeito e sen tanta posta en escea "misteriosa" irían mellor. O caso dos desaparecidos pareceu-me de pésimo gusto; e a presentadora pareceu-me algo incómoda, se cadra era o debú, pero é unha moza con potencial.



24
De: ifrit Fecha: 2006-10-19 13:33

Eu non vin o programa, pero fágome unha idea po-los comentarios de que vai a cousa...
Do que estou seguro é de que Carmen o fai moi ben, como xa o facía no telexornal de Localia :)

Como di Pawley, o problema destes programas é que contan as cousas a medias...
Estaría ben que ademáis dos típicos magufos tamén houbera científicos e outro tipo de especialistas comprobados. Jorge Mira, por exemplo :)
Non digo facer un debate, pero si conta-las dúas versións e entón si que o espectador podería tira-las súas conclusións :)



25
De: shrek Fecha: 2006-10-19 13:36

homedareia, pódoche decir que a boa parte dos que traballamos no programa o caso dos desaparecidos resultounos un pouco incómodo, pero onde hai patrón non manda mariñeiro.
En canto a posta en escea "misteriosa" como ti dis, é unha elección consciente, acertada ou non, e que por suposto gustará a algúns si e a outros non.
A nós gústanos así, aínda que apreciamos a crítica



26
De: shrek Fecha: 2006-10-19 13:38

Por certo, ifrit, Jorge Mira estará no segundo programa, explicando por que non cre nas psicofonías ;)



27
De: Martin Pawley Fecha: 2006-10-19 15:35

Non, shrek: non nos preocupa o que Jorge Mira crea ou non, senón o que Jorge Mira sabe, que é moito. E Jorge Mira sabe que o das psicofonías é unha trapallada.



28
De: shrek Fecha: 2006-10-19 17:01

Sabemos que sabe, por eso chamámolo



29
De: homedareia Fecha: 2006-10-19 17:50

sherk, se cadra, se fose mais seria a posta en escea, igual tiña unha audiencia distinta da que se procura :) mas, talvez tratar eses temas doutro xeito, como aponta ifrit, por exemplo, podería ser un camiño mais dificil, porén co tempo sexa o camiño axeitado e fórmula de grandes audiencias, quen sabe? a "tele" é unha criatura estraña e caprichosa :)



30
De: shrek Fecha: 2006-10-19 19:19

O que desde logo está claro é que non intentamos facer REDES de Punset, senon algo que poida chegar a un público máis amplo. Pero non vos caiba dúbida de que intentamos ser honestos; e no caso concreto de Jorge Mira, houbo confrontación co outro invitado (xa o grabamos hai tres días) que era o que buscabamos.
Se queredes velo, sairá o vindeiro martes



31
De: Martin Pawley Fecha: 2006-10-19 21:27

Moitas grazas pola información, shrek; se quere facer publicidade do meu blog no seu programa non me queixarei.



32
De: shrek Fecha: 2006-10-19 23:31

Lamento que interprete que a miña intención é facer publicidade, pero non fun eu quen empezou a falar aquí do programa. Crín que pretendía vostede comentalo, e que outras persoas puxeran tamén a súa opinión, aínda que non coincidira coa súa. Non o molestarei máis, non se preocupe.
Un saúdo



33
De: Perozo Fecha: 2006-10-20 09:32

Ola, grazas a todos polos comentarios. Dende a dirección do programa tomamos nota. So dicir que neste tipo de propostas o equibro non sempre é posible. A rigorosidade é un terreo esvardizo porque a meirande parte destes asuntos das paraciencias non sempre son demostrables.
¿Por que o facemos?
Pois simplemente porque tentamos entreter e espertar a curiosidade sobre estes asuntos. Hai moita xente interesada por estes aspectos que tamén merecen o seu curruncho na tele.
Non perdamos de vista que temas como os procedentes da alquimia dereron lugar a avances na mediciña, aspectos da radiostesia abriron a porta a investigacións magnéticas, actuacións de videntes abriron as portas a misterios cotidianos resolvendo asuntos luctuosos, etc.
Todo pode ter explicación co paso do tempo.
Grazas a todos polo voso interese.



34
De: Martin Pawley Fecha: 2006-10-20 12:25

shrek, pode deixar a súa opinión sempre que queira, libremente, pois nos foros de Internet hai espazo para todas as opinións, cousa que por certo non acontece nos espazos esotéricos. Tamén pode convidar no meu blog á xente a ver o próximo programa se lle parece ben; o único que lle digo é que en xusta correspondencia pode convidar aos espectadores a ler o meu blog no seu programa.

Perozo, dicir que a radiostesia abreu portas á investigación magnética, ou que a alquimia permitiu avances na medicina, é confundir o touciño coa velocidade (pode soltar iso de que Kepler facía horóscopos, xa postos a dicir tópicos estúpidos). Eu non nego a posibilidade dun programa sobre ocultismo na TVG; o indignante é que se faga cunha credulidade raiana na idiotez, dando por bo todo o que di calquera espantallo que bota as cartas. Por que non fan ese mesmo programa con espírito crítico, rigoroso, enfrontando a representantes do paranormal con individuos escépticos, ou poñendo a proba as supostas capacidades predictivas dos seus convidados, ou analizando con rigor as gravacións de psicofonías, as fotos de ovnis, e un longo etcétera? Non: é máis doado e máis vendíbel vender misterios que non se sosteñen, xustificándoo como un "puro espectáculo". Vostedes venden desinformación, ignorancia e incultura, e deberían sabelo.

Por certo, lembren que a fundación de James Randi leva anos ofrecendo, sen éxito, un millón de dólares a calquera que poida demostrar con probas evidencias de fenómenos sobrenaturais ou paranormais ou de poderes ocultos non explicábeis pola ciencia, baixo condicións de laboratorio pactadas polas dúas partes. Quen estea seguro de que existen forzas ocultas, ten un millón de dólares -e a celebridade eterna- ao seu dispor.



35
De: leco Fecha: 2006-10-21 22:22

Tarde pero chego. Efectivamente, Mr. Pawley, non vin o programa mais xa imaxino quen andaba por alí ;)



36
De: Mestre Fecha: 2006-11-19 23:02

Ola. Vexo que andan por aquí Carmen Chao e Xosé Antón Perozo. Eu pouco vin do voso programa, pero paréceme interesante. E vexo que Carmen mellora con respecto aos primeiros programas... Pero para a semana que vén, está programado á mesma hora do programa unha nova serie, "Fiscal Chase"... Significa isto que o programa foi cancelado? Espero que non... Un saúdo para todos, en especial para Carmen e Perozo. Agardo a vosa resposta... Chao!



37
De: luna Fecha: 2006-11-19 23:34

el programa es un caos y a mi parecer a la presentadora le falta experiencia y carisma para dirigir un programa de estas caracteristicas quizas le resultaba mas localia.de todas formas existen mas cadenas que nos dejan eleguir una programacion mas inteligente.la television de galicia con este programa no acerto.un saludo a todos.



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley