caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Extrarradio, 16 de setembro
> Extrarradio, 16 de setembro <

Hai historias que sempre paga a pena que nos lembren; mágoa non nolas contaren ben. No Extrarradio do pasado sábado ocupámonos da extremadamente antigua película de Ken Loach O vento que axita a cebada, que vén sendo teatro filmado ou televisión arcaica cos fermosos paraxes irlandeses como fondo; e da insulsa, moi insulsa Salvador, de Manuel Huerga. Non deixo de preguntarme qué sentido ten achegarse á vida e á morte de Salvador Puig Antich, o xove anarquista executado pola ditadura do xeneral Franco, se un non quere ou non sabe darlle un enfoque diferente que o puramente informativo ou descriptivo, caendo ademais en todos os clixés imaxinábeis. É dicir, se boa parte dos espectadores saben a historia de Puig Antich, e os que non a coñecían aprendérona nos seus detalles fundamentais grazas á rodaxe e estrea do filme, ¿para que facer unha película que se limita a contarnos o que xa sabemos que pasou? Acaso non había espazo para un tratamento do tema máis arriscado, máis contundente, e sobre todo, máis cinematográfico? Salvador non pasa de ser Cuéntame en pantalla grande: o enésimo exercizo pretendidamente progre de operación nostalxia.

Salvador é unha das tres escollidas pola academia do cine español para optar polo Oscar á mellor película estranxeira; as outras son Volver de Pedro Almodóvar e o Alatriste de Agustín Díaz Yanes. O xoves 28 de setembro saberemos o desenlace; en condicións normais o lóxico sería elixir ao manchego, pois o seu nome é garantía de éxito en todo o mundo e o seu filme, malia ser para min moi decepcionante, dalle varios millóns de voltas aos outros dous. Contodo, eu teño a lixeira sospeita de que a academia vai optar polo desastre Alatriste, considerando que Volver ha de estar nominado de todos xeitos aos Oscars (¿película?, dirección, guión e algunha das súas actrices). Lembren que o ano de Hable con ella (Oscar para Almodóvar ao mellor guión) a Academia propuxo como candidata (e non entrou no quinteto final) Los lunes al Sol, de Fernando León de Aranoa. Non descarto, pois, a opción Alatriste, a peor da terna, que está ademais moi necesitada de todo o apoio institucional e mediático posíbel para evitar o seu naufraxio.

Extrarradio, con Belén Regueira e Eduardo Herrero, os sábados de 11:00 a 14:00 e os domingos de 10:00 a 14:00 na Radio Galega. Unha hora menos en Porto ou Lisboa e cinco horas menos en Rio de Janeiro, São Paulo e Florianópolis.

2006-09-18, 12:23 | 9 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/43023

Comentarios

1
De: bouzafria Fecha: 2006-09-18 13:34

Sigo sen entender cómo foi posible comparar daquela a magnífica "Los lunes al Sol" coa almodoraviana "Hable con ella". Quero supoñer que o que pasou foi que o márketing do choromica manchego é superior ao Cine propiamente dito.
Non aturo a Almodóvar, ao seu inmenso ego nin as súas películas.



2
De: jorge Fecha: 2006-09-18 14:51

Para mín tamén é superior "Los lunes al sol" ca "Hable con ella" pero pretender que en américa gane unha película de perdedores é non saber moi ben como funcionan as cousas por alá.
Non me gusta demasiado o cine de Almodóvar e menos a persoa pero recoñezo que sí que creou un estilo propio e que narra ben, vamos que sí que o aturo e que na maioría dos casos ver unha película del non me parece perder o tempo.
Saúdos e RnR Forever.



3
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-18 15:56

A min Almodóvar paréceme un extraordinario director que aínda non fixo unha película "redonda", á cal non lle poida poñer algunhas pegas. De toda a súa obra escollo sen pestanexar Hable con ella, e desde logo se falamos de cine e non doutra cousa Almodóvar gaña por goleada a Fernando León, que é como Ken Loach pero peor.



4
De: jorge Fecha: 2006-09-18 18:49

¿É se "aínda non fixo unha película redonda" non lle quedará grande o de "extraordinario"? Só pregunto.
Por outra parte a mín tampouco me parece extraordinario Fernando León, simplemente aquel ano a súa película gustábame maís ca de Almodóvar. Simplemente "falando de cine e non doutra cousa", gustoume moito que se mandara a película que máis gustara por aquí, aínda que se o que se pretendía era mandar a quen tivera opcións de gañar algo eu mandaría por suposto "Hable con ella", que por alá ven coma algo a medio camiño entre Los Angeles e a India, e non sei se me explico.



5
De: leco Fecha: 2006-09-18 22:31

Penso desde hai moito tempo, e non hai novo filme seu que rebata o meu pensamento, que Almodóvar é un inovador visual valiosísimo, probabelmente un gran cineasta si hubiera un buen guión. Non é que os seus filmes non sexan redondos, eu creo que son as historias, mesmo antes de chegar a seren filmes, as que non o son.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-19 11:03

Jorge, o que acontece con Almodóvar é que é quen do mellor e do peor, mesmo sen saír dun mesmo filme (iso tamén lle pasaba a Hitchcock, salvando as distancias). O caso de Fernando León é diferente, porque é difícil non pensar que boa parte do seu éxito se debe a unha simpatía ideolóxica por el (e Ken Loach sería outro exemplo). Eu, posto a ver cine de directores de esquerdas, prefiro o de aqueles que, ademais, sexan bos, como Nanni Moretti ou o incomparábel Chris Marker.

leco, algo diso hai, e máis considerando a crecente endogamia das súas películas, que miran unha e outra vez para si. Contodo, Almodóvar revela sempre unha enorme habilidade e intelixencia, a necesaria para conseguir o que quere. Quixo que Volver fose un filme que lle gustase a todos os públicos, e así foi, por exemplo: gústalles mesmo aos críticos de El Mundo.



7
De: bouzafria Fecha: 2006-09-19 16:05

Sinto discrepar aínda que iso supoña riqueza intelectual: Non me creo as historias de Almodóvar, non me din nada. Mesmo "Todo sobre mi madre" - monxa virxinal embarazada de travesti con SIDA - pareceume involuntariamente cómica. Con Fernando Leon pásame o contrario: si creo o que conta e gozo vendo cómo o conta, aínda que non faga película perfecta.
En canto as ideoloxías iso non se pode negar pero non creo que sexa malo: ¿Cómo non sentir simpatía polo traballo de Tavernier en "Hoxe empeza todo"?.



8
De: jorge Fecha: 2006-09-19 18:27

Con respecto ó que lle contestas a Leco (Hola) no comentario 6 ¿non será que lle saíu por fin? ¿De verdade cres que é tan listo? ¿Se fose tan listo non crees que se daría conta de que a xente medianamente observador íase dar conta da súa "endogamia"?
Sigo pensando que non é un mal director, aínda que a mi as máis das veces pásame coma a bouzafria e non me interesa o que me conta. De tódolos xeitos tódalas comparación son odiosas pero neste caso un leva 4 películas e o outro ¿17? non me parece xusto.
Sigo pensando que aquel ano era mellor "Los lunes al sol" ca "Hable con ella".
Se levamos o tema das ideoloxías por suposto que sinto máis simpatía por un tipo que denuncia cousas que acontecen a diario aínda que non merezan grandes titulares ca por outro que vive por dicilo dalgunha maneira "nos mundos de yupi", aínda que nalgunhos casos me interesen por igual.
Por certo, son un gran fan de Sinatra ou de Lynyrd Skynyrd, non creo que se me poida acusar de teren os gustos en función das simpatías ideolóxicas. Incluso adoro a John Wayne ou a Chris Isaak.
Saúdos e RnR Forever, sexa de aquí ou de alí.



9
De: listo Fecha: 2006-10-03 20:15

a mí la peli de Salvador me gustó...
hasta que le pilló la poli y empezó la agonía, los sollozos y los bostezos

http://lacinefilia.blogspot.com/2006/10/salvador.html

:)



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 23.20.162.200 (d29e56c94e)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley