caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Na verza en Venecia
> Na verza en Venecia <

"La Mostra de Venecia tuvo ayer una conclusión pasmosa", dicía onte El País. "El jurado presidido por Catherine Deneuve concedió el León de Oro a la película china "Naturaleza muerta", de Jia Zhang-Ke, presentada al concurso como "sorpresa" (no figuraba en la selección oficial) y proyectada el miércoles a medianoche en un cine casi vacío (...) Cuando se conoció la película ganadora, la primera reacción fue de estupor. Al estupor siguió el frenesí: había que encontrar a alguien que la hubiese visto". Semellantes doses de perplexidade, mesturadas cunhas pingas de cabreo pouco disimulado, detectábanse no tratamento dado por moitos medios ao palmarés do Festival de Venecia. Mesmo hai quen se atrevía a insinuar unha vontade expresa de crear polémica, gañando así un pouco de share, dito en términos televisivos, para pasarllo diante dos morros aos organizadores do novísimo Festival de Roma. No fondo, o que están dicindo todos estes enviados especiais é un rotundo "cómo se lles ocorre a estes nachos do xurado premiar unha peli que non vin". Porque o de "película sorpresa" non deixa de ser o eufemismo festivaleiro habitual para indicar que cando se estaba amarrando a programación aínda non era segura a presenza dun certo filme, talvez porque non estaba claro que puidese ser rematado a tempo, talvez porque houbera outros fíos (mesmo administrativos) pendentes de se resolver. Sorpresa ou non, en calquera caso Natureza morta formaba parte da sección oficial tanto como as outras, e polo tanto era igualmente premiábel. Nada ten de estraño perder unha ou varias películas a concurso, por outra parte; o programa de calquera gran festival soe estar apretado dabondo como para que un caia no desexo de renunciar a parte do que vai a competición para revisar os ciclos e seccións paralelas, con frecuencia moito máis estimulantes; agora ben, se logo a gañadora é esa que non coñecemos porque eliximos outra sala diferente, ou porque estabamos de copas, que tamén é posíbel, o que temos que facer é poñer boa cara e agardar a que se estree en España.

Nas informacións publicadas por aí adiante detéctase tamén un lixeiro descoñecemento (hoxe estou xeneroso) sobre o director Jia Zhang-Ke, que tamén presentou en Venecia o documental Dong. Certo é que non se distribuiu até hoxe ningunha das súas películas no noso país, pero tamén hai que lembrar que xustamente este ano o Festival de Cine de Las Palmas dedicou un ciclo á súa aínda non moi extensa obra, e que na edición previa a extraordinaria O mundo acadara o premio principal, a Lady Harimaguada de Ouro. A retrospectiva de Jia Zhang-Ke puidemos disfrutala despois no CGAI, e del falamos no Extrarradio na compaña de Jaime Pena. Ademais, quen teña interese en darse unha volta pola rede poderá atopar sen problema nos multicines habituais as súas longametraxes anteriores, que participaron por certo nos festivais de Berlín, Cannes e Venecia.

Alén das súas excepcionais virtudes cinematográficas, o cine de Jia Zhang-Ke permite peitear a historia recente do estado asiático e os seus profundos cambios sociais desde unha perspectiva crítica pero non dogmática. A viaxe dos protagonistas de Platform desde o entusiasmo maoísta oficial cara unha progresiva occidentalización ten como consecuencia natural o desencanto, a incomodidade ante un futuro incerto, tan ben reflectido en Unknown pleasures. A busca dun mellor porvir supón a marcha do campo á cidade; a desilusión deriva en pragmatismo en O mundo, ambientada nun parque temático no contorno de Beijing que reproduce a escala os monumentos máis famosos do planeta. A mensaxe conxunta é poderosa: o aperturismo é de cartón-pedra e a principal metamorfose experimentada pola nación é que agora os cidadáns son tan conscentes das súas frustracións como os que viven en Occidente. Por múltiples razóns O mundo podía parecer un fin de etapa, así que no coloquio posterior á proxección de Praceres descoñecidos (que coincidiu, por certo, co España-Franza do Mundial de Fútbol: foi toda unha proba de cinefilia) apareceu a pregunta de qué vieiro tomaría despois dela Jia Zhang-Ke. A resposta xa a temos: o mestre chinés puxo os seus ollos sobre unha vila desaparecida por mor da construción da presa das Tres Gorxas. Desde logo, é innegábel a súa capacidade para reparar en metáforas colosais.

Palmarés do Festival de Venecia 2006

León de Ouro ao mellor filme: Sanxia Haoren (Natureza morta), de Jia Zhang-Ke
León de Prata á mellor dirección: Alain Resnais por Coeurs
León de Prata ao Autor Revelación: Emanuele Crialese por Nuovomondo
Premio Especial do Xurado: Daratt, de Mahamat-Saleh Haroun
Copa Volpi á mellor interpretación masculina: Ben Affleck por Hollywoodland
Copa Volpi á mellor interpretación feminina: Helen Mirren por The Queen
Premio Marcello Mastroianni ao actor/actriz revelación: Isild Le Besco por L’intouchable
Osella á mellor contribución técnica: Emmanuel Lubezki pola fotografía de Children of Men
Osella ao mellor guión: Peter Morgan por The Queen
León Especial: Jean-Marie Straub e Danièle Huillet pola innovación da linguaxe cinematográfico

2006-09-11, 13:24 | 2 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/42826

Comentarios

1
De: Don Erre que Erre Fecha: 2006-09-11 18:27

Habiendo otorgado el mayor galardón del festival al "genio" de aspecto aniñado la crítica más excelsa estará bien satisfecha por haberse hecho justicia por esta vez, ya que se cometió el deleznable error de no premiar en Cannes a la sublime languidez de los "ángeles caídos" de Costa.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-12 23:26

Engado á listaxe os dous premios outorgados pola FIPRESCI: The Queen, entre os filmes a competición, e When the Levees Broke - A Requiem In Four Acts, entre os proxectados na sección Orizzonti.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.204.234.61 (9da79ec702)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley