
Agardaba que
Miami vice, o filme, fose unha revisión esteticista e molona da
creación máis cool/hortera da historia recente da televisión. O de menos, como pasaba na serie, debera ser a trama; imaxinaba minutos e minutos de planeadoras a toda velocidade polo mar, de kilométricos viaxes por estrada, de sol e de palmeiras, e con feixes de cancións ao fondo, recuperando o sinal de identidade máis recoñecíbel da obra orixinal; imaxinaba escenas de acción puntuais e milimetricamente medidas, resoltas coa poderosa enerxía característica de todas as superproducións. Pero sobre todas as cousas daba por suposto que Michael Mann sería quen de crear uns personaxes contundentes, froito dese pulso seu que convirte en inesquecíbeis películas como
Heat ou
The insider (ou mesmo
Ali). Pois ben: equivoqueime.
Corrpución en Miami é menos que nada, un produto indistinguíbel de calquera outro que podía terse chamado
Misión imposíbel 4 ou
Arma letal 5, cunha única secuencia valiosa (o tiroteo final) e un reparto non especialmente inspirado que inclúe ao noso Luis Tosar sacando magnífico proveito dese "rexistro túzaro" que tan ben lle sae.
Sobre
Miami vice falamos hoxe nun
Extrarradio no que tamén adiantamos algúns datos do próximo Festival de Donostia, que arranca dentro de doce días e ao que acudirei por terceiro ano consecutivo e do que lles contarei cousas cada día desde as páxinas de
Vieiros. De todos xeitos, a noticia importante desta edición do
Extrarradio era o anuncio do
gañador do Apologhit: o gran Pulpiño Viascón e o seu estupendo
In the ocean. Comparto totalmente a acertadísima decisión do xurado.
¶