caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Extrarradio, 2 de setembro
> Extrarradio, 2 de setembro <

No Extrradio do onte ocupámonos da estrea de Alatriste, a adaptación cinematográfica que Agustín Díaz-Yanes fixo a partir das novelas de Arturo Pérez-Reverte. Un filme sen estrutura, que non pasa de ser unha pura acumulación de secuencias belicosas, históricas e románticas, con personaxes sen corpo e actores disfrazados de Quevedo e do Conde-Duque de Olivares, e con decisións tan absurdas como a de colocar a unha actriz, Blanca Portillo, no papel dun inquisidor-home. Viggo Mortensen ten, si, unha poderosa presenza física, aínda que o seu esforzo por substituir o seu falar arxentino por un máis neutro acaba provocando a aparición dun estraño acento, cun arrastrar de consonantes un chisco incómodo que resta naturalidade. O guión de Díaz-Yanes cae no erro habitual do audiovisual hispano: o exceso verbal, o empeño sistemático por intentar calzar en cada escena unha frase que pretende ser imponente -a frase definitiva sobre o amor ou o heroísmo. A película, e isto non pode sorprendernos considerando o orixinal literario, amosa ese tufo rancio da reivindicación do valor patrio, con homes que preferen a morte segura antes que unha rendición honrosa, e que chega a extremos patéticos nos seus minutos finais, con esa imaxe dun Alatriste en posición toureira envolto polo son dunha música espantosa, a medio camiño entre un pasodobre e unha marcha procesional. E sendo innegábel que saca digno proveito dos abondosos recursos disponíbeis, tamén é certo que vinte millóns de euros non son cen millóns de dólares, e nalgún momento, como o do asalto ao barco que leva lingotes de ouro, a limitación de medios é clamorosa.

No programa tamén lembramos o pasamento de Joseph Stefano, o guionista de Psycho, e de Glenn Ford, o protagonista de Gilda e de dúas obras mestras de Fritz Lang, The big heat e Human desire. Sempre que morre algún mito do cine clásico hai alguén que di que era "a derradeira figura" que nos quedaba desa época, así que esta foi unha ocasión estupenda para facer reconto de grandes intérpretes e directores de avanzada idade (puxen como fronteira arbitraria o teren nacido antes de 1930) e que están aínda vivos.

2006-09-03, 13:35 | 25 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/42620

Comentarios

1
De: Juan Fecha: 2006-09-03 17:37

¡Tan de acordo ca crítica! Sobran planos e falta historia, narrativa. Está chea de frases e, ¿ónde está a trama?
Absurdos de tentar meter varias novelas onde con unha chegaba.



2
De: Vendell Fecha: 2006-09-03 21:41

Lendo a lista parece que a mortandade entre directores de Hollywood é maior ca de directores europeos.



3
De: Julicheiro Fecha: 2006-09-03 23:03

Anque é unha película que me chama, dende o principio tiven o temor de que Alatriste resultase rancia. Nen tan sequera valen as esceas de espadachíns?



4
De: Phil Esterhaus Fecha: 2006-09-04 00:31

¡¡Olivia de Havilland está viva!!... Pues si me dicen que la íbamos a visitar yo le habría llevado una corona de flores y habría cogido la carretera del cementerio... vaya susto se iba a llevar la pobre mujer.

Aun no he visto Alatriste... esta semana la iré a ver pero espero que funcione muy bien en taquilla, al igual que Los Borgia, no por sus productores, ni por Pérez Reverte, sino por el bien del cine español. Como ninguna de las dos sea rentable ya verán cuantos años tardamos en volver a ver una superproducción española. Algo similar a lo que pasó cuando "El Dorado" de Saura fracasó estrepitosamente en 1988.

Y por cierto... Ariel Sharon aun no se ha muerto...



5
De: Xosé Antón Fecha: 2006-09-04 15:32

Grazas pola crítica. As novelas do prepotente de Pérez Reverte nas que se basea xa eran por sí mesmas un tanto frouxas.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-04 16:47

Saiban que a miña opinión non coincide en absoluto coa dos críticos dos principais xornais españois:

Oti no ABC: "He ido a verla y estoy al tiempo fascinado y perplejo por la capacidad del director en absorber lo esencial y despreciar lo accesorio. Aunque tal vez abocada al fracaso, "Alatriste" es la mejor ventana por la que uno ha mirado nunca el alma derrotada de la España imperial y es una película tan empapada de amargura y pesimismo que se puede ver (ha de verse, en realidad) proyectada contra aquellos muros de la patria mía, si un tiempo fuertes, ya desmoronados..."

M. Torreiro en El País: "De ahí que, más que un filme espectacular, Alatriste sea un sólido discurso histórico, y como tal, sombrío, descreído y tremendo en su negrura. Más película sobre la decadencia que sobre el heroísmo, más discurso sobre el final de un mundo que el dorado canto a la construcción de un imperio, el filme utiliza la vida de Alatriste como una suerte de lazarillo para mostrar las luces y las sombras de una época".

Borja Hermoso en El Mundo: "Me gusta, me gusta mucho 'Alatriste' (...) Hay como una neblina rara y atractiva que impregna la película, y hay un muy buen trasunto del héroe clásico -Alatriste/Viggo Mortensen, un guaperas que sabe actuar algo más que bien-, y hay una magnífica dirección de actores, y hay dos de esos actores que parecen sacados directamente del Museo del Prado y que se llaman Javier Cámara (Conde Duque de Olivares) y Juan Echanove (Quevedo)...



7
De: mourullo Fecha: 2006-09-04 16:55

José Luis López Vázquez (1922)
Sara Montiel (1928)
Luis García Berlanga (1921)
Rafael Azcona (1926)



8
De: mourullo Fecha: 2006-09-04 17:13

Interesante e inesperada crítica de Carlos Losilla no Avui:

"(...) Pel·lícula institucional, operació calculada al mil·límetre, Alatriste no pot evitar, malgrat tot, que la mà del guionista i director Agustín Díaz Yanes es faci visible. I és així com, a banda de la feblesa de la interpretació històrica, apareix alguna cosa que va en contra d'aquesta correcció excessiva: una visió amarga de la lluita de classes, una reivindicació dels desheretats que fins i tot actua com a metàfora dels temps actuals. No és suficient per convertir-la en una bona pel·lícula, però sí per atorgar-li una inesperada dignitat".



9
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-04 18:47

Carlos Losilla é un dos colaboradores habituais da revista Nosferatu e o seu nome aparece con frecuencia en publicacións editadas por festivais, por exemplo os volumes sobre cine independente americano (Gijón 2004), Abel Ferrara (Donostia 2005) ou Chris Marker (Las Palmas, 2006). É de fiar, digamos. Tamén a crítica de Torreiro no País incide sobre a oposición entre os luxos e despilfarros da corte e o mundo dos desherdados, polos que a película toma partido. Desde logo, Alatriste non é precisamente un filme ideoloxicamente comprometido, ou non á maneira en que o eran os de Glauber Rocha, un supoñer. A visión de Pérez-Reverte e de Díaz-Yanes asume aquilo do "que bos vasalos se tiveran bos señores", e non vai máis alá (nin debería, por outra parte: facer relecturas revolucionarias dos feitos do pasado non soe ser prudente). Talvez o filme poida ser unha metáfora de algo; o que non sei é de qué. Concordo máis co parágrafo anterior, ese que di "El resultat, en fi, és una pel·lícula feta a trossos, que reescriu les novel·les de Pérez Reverte per tal d'aconseguir el seu equivalent cinematogràfic: un producte light, molt light, amb una visió de la història tan elemental com insuficient i amb tots els vicis del cinema espanyol de prestigi, inclosos l'encarcarament i una certa solemnitat".



10
De: Pedro Fecha: 2006-09-05 00:54

Imaxino que cando dis o do "tufo rancio da reivindicación do valor patrio, con homes que prefiren a morte segura antes que unha rendición honrosa", a cousa é aplicable as películas de John Ford ou Peckinpah, un supoñer... Non estou a comparar as películas, pero sí os presupostos ideolóxicos dos que partes.



11
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-05 11:48

A cousa é aplicábel a todos os filmes nos que pasen esas cousas, aínda que non lembro no cine de John Ford ningunha escena que me resultase tan violenta como esas de Alatriste nas que se incide unha e outra vez na valentía e o heroismo dos españois. Aproveito para dicir que tradicionalmente John Ford foi incluído dentro dunha suposta "beira dereita" do cine, e que eu non comparto en absoluto esa visión.

En calquera caso, hai infinidade de exemplos de filmes que ideolóxicamente non nos gustan, pero cuxos valores cinematográficos son indiscutíbeis. O acoirazado Potemkim non brilla precisamente pola súa obxectividade e rigor histórico, senón pola súa grandeza formal. O manantial de King Vidor é un repugnante canto a un individualismo-elitismo feroz, pero non por iso deixa de ser unha alfaia. E que dicir de Leni Riefenstahl...



12
De: Pedro Fecha: 2006-09-06 13:24

A valentía, o heroismo e preferir a morte antes que unha rendición honrosa son elementos que forman parte de épica como xénero artístico, sexa en cine como na literatura, desde a Ilíada. Sen eses mimbres no se poderían ter feitas moitas obras maiores de todos os tempos. Aínda non vin Alatriste, polo que non podo xulgar esa escena en concreto. A min dame a impresión de que o que che molesta é que amosa a valentía e heroísmo dos españois, porque si foran, por exemplo, xaponeses nun filme de Kurosawa -Sete samurais-, non te resultaría tan violento. Por outro lado, coincido en que a repugnancia ideolóxica non invalida o valor dunha obra de de arte. Riefenstahl nese sentido é un caso extremo. Outro é Griffith. Pero penso que é mais doado de aceptar si sobre a obra en cuestión teñen pasadas xá unhas cantas décadas. ¿Lembras algunha película recente que te repugnara ideolóxicamente e cuxos valores cinemátigráficos foran indiscutibles? Personalmente, a bote pronto, eu non lembro ningunha.



13
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-06 20:41

O problema non é a valentía e o heroísmo, senón converter eses adxectivos en patrimonio específico, case exclusivo, dos españois. No Alatriste hai varias referencias nese sentido, como se as cuestións do honor fosen un valor significativamente importante ao sur dos Pirineos, e non entre os cidadáns de Flandes, lugar definido como un inferno.

En calquera caso, ese tipo de cousas non serían relevantes se o filme ofrecese algún mínimo proveito artístico, do mesmo xeito que o Griffith inxenuamente racista de O nacemento dunha nación (ou o inxenuo a secas de Lirios rotos) non nos perturba, igual que podemos admirar a capacidade propagandística de Leni Riefenstahl ou talento ao servizo do réxime do cine mudo ruso. Sen chegar a eses extremos ideolóxicos, o cine tivo, ten e terá unha enorme capacidade manipuladora, que nos impide sentirnos horrorizados ante unha execución (The night of the hunter) ou mesmo fai que nos identifiquemos por un intre cun asasino (Frenesí ou Match Point).

Moi boa pregunta a que me propón, e moi bo tema de debate. En xeral, o cine moderno non ten un claro compromiso ideolóxico, e cando existe un mínimo alento de opinión soe tratarse de cuestións aceptadas polo conxunto da sociedade: inxustizas evidentes e causas indiscutíbeis. Ao non existir bloques enfrontados non xorde unha cultura cinematográfica politizada, en boa parte porque o cine é unha arte que custa moitos cartos e todo o que implique riscos para a produción tende a ser evitado (é necesariamente unha arte "máis covarde", polo menos no que se refire ao cine que garda algunha vontade comercial). Ao longo dun século de imaxes o espectador foi perdendo a inxenuidade, e certo tipo de mensaxes superficiais deixaron xa de ter sentido, en especial tendo en conta que as grandes traxedias do século (o xenocidio xudeu, o masacre de Hiroshima, a fame e a miseria que segue matando a millóns de persoas en todo o mundo...) forman parte do noso imaxinario colectivo máis recoñecíbel.

Dentro do cine contemporáneo, a min paréceme moi irritante o de Bruno Dumont, louvado por moitos críticos, pero como non me gustan nada os seus filmes non serve como exemplo (pásame algo semellante cos dos irmáns Dardenne). Sen moito convencemento, ocorréseme o caso de Claire Denis, directora de filmes tan fascinantes como Beau travail, non tanto porque me produza unha evidente aversión como polo feito de que o seu cine é ás veces demasiado ambiguo, e que algúns dos seus elementos (estéticos, argumentais) teñen un lixeiro arrecendo incómodo. Pero non teño moi claro isto que digo, a verdade.



14
De: Pedro Fecha: 2006-09-07 00:45


No cine épico sempre houbo “bos” e “malos”, uns depositarios dos valores, e outros personificando a ruindade. Lembra The Charge of the Light Brigada, de Michel Curtiz. A súa escena culminante, a da carga en Balaclava, exemplifica o valor heroico e o desprezo á morte dos británicos e a miseria dos seus inimigos. E penso que Ford fixo Cheyenne Autum para suavizar o maniqueísmo co que adoitaba retratar a indios e brancos nas súas películas anteriores. Ata hai ben pouco se lle discutían a John Ford os méritos por causa ideolóxica, como ben dis. Con Peckinpah pasaba o mesmo.

É certo que o cine actual rara vez busca o compromiso ideolóxico, pero si tal existe, ven desde a esquerda, ou desde presupostos éticos e morais que se lle supoñen a esquerda: así por exemplo Ken Loach, Nanni Moretti, Tim Robinson ou Oliver Stone (aínda que a este último veñen de poñelo verde polo seu filme sobre o 11-S, que segundo ó crítico de El País lle fai o caldo gordo a Bush e a súa guerra de Irak). É difícil que hoxe se faga unha película cun compromiso claro desde a dereita, non sendo os Rambos de rigor, claro.



15
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-07 11:03

O compromiso ideolóxico dos autores que cita non soe ser problemático para case ninguén, salvo en casos puntuais (o ataque a Berlusconi ou a revisión de feitos dorosos da historia recente de Inglaterra emprendidas por Moretti e Loach). A defensa da liberdade de expresión ou o posicionamente contra a condena a morte son valores asumíbeis desde posicións ideolóxicas moi diversas (mesmo desde posicións partidarias moi diversas, aínda que sexa coa boca pequena). O que eu non vexo, en xeral, é un cine claramente de esquerdas (ou de dereitas, vaia), ben definido ideoloxicamente alén dunha puntual e explícita actitude "simpatizante" nunha situación de crise que obriga ou aconsella o posicionamento (os governos Aznar, Bush, Berlusconi).



16
De: Pedro Fecha: 2006-09-07 14:23


É curioso que nos USA, onde a inmensa maioría da poboación está a favor da pena de morte e da posesión de armas, son escasos os políticos, incluíndo os Demócratas, que se manifestan pola supresión de ambas cousas, salvo algún exótico “liberal” con peso social irrelevante. Desde que Dukakis perdera as eleccións no 88 por insistir na súa oposición á pena de morte, ninguén que quixera gañar volveu facelo. No cine, en cambio, non lembro películas de apoio explícito á pena de morte, e si na súa contra. É un caso claro de cine contrario a cuestións aceptadas polo conxunto da sociedade (norteamericana, claro).

Eu si definiría como claramente de esquerdas o cine que fan os autores antes citados (no caso de Moretti é certo que é mais puntual), e mais aí están Spike Lee ou mesmo Michael Moore como casos máis evidentes. En España e en Galicia fixéronse películas de campaña política (Hay motivo, etc...) contra os gobernos de Aznar e Fraga. Non imaxino una cousa semellante por parte dos cineastas contra gobernos de esquerda ou nacionalistas. Fíxate que non é casualidade que os tres exemplos de posicionamento que citas sexan contra gobernos de dereitas (Aznar, Bush, Berlusconi). Motivos houbo na última época de Felipe González que non deron para película algunha.

No que dis da capacidade manipuladora do cine concordo plenamente. O mal, no cine, ten un enorme poder de seducción, e a identificación con asasinos de calquera xénero e máis común do que nos gustaría recoñecer, todo depende do tratamento que se de a súa figura. Quén non sinte simpatía por Harry Lime nalgún momento de The Third Man?. Por non falar de Hanníbal Lecter.



17
De: Pedro Fecha: 2006-09-07 18:25

Por certo que:

Fernando Fernán Gómez (1921)
Jean Simmons (1929)
James Garner (1928)
Ennio Morricone (1928)
Herbert Ross (1928)
Gina Lollobrigida (1928)
Jerry Lewis (1927)
Mel Brooks (1927)
Tony Curtis (1925)
Dick van Dyke (1925)
James Ivory (1928)
Sidney Poitier (1927)
Roger Corman (1926)
e o grande Richard Widmark (1914)



18
De: Anxo D Fecha: 2006-09-09 17:24

En verdade que xa nin a quero cheirar. As críticas nos medios estatáis din que é grandiosa. Pero cómo é posibel que non atopéi ninguén aquí abaixo, na terra, que dixera nada bon da película, nin dos libros de Reverte. Escoitéi ó Mortensen nun informativo dicir que a cinta era boísima, boísima de verdade. E qué vai dicir ninguén do seu entorno por vender millor a película.
É nestes foros onde atopo a fiabilidade. Eu, que son consumista de DVD négome a mercala, así me insista a compañeira. Grazas de novo a todos.



19
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-09 21:43

O caso de Alatriste é escandaloso: fronte a xenerosidade dos medios convencionais, a blogosfera está chea de reseñas negativas.

Por certo, grazas Pedro polos nomes que propón; métoos logo na listaxe.



20
De: Pedro Fecha: 2006-09-10 14:51

Xuntei os beizos e soplei ao lembrar a Lauren Bacall (1924)



21
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-10 17:51

Por certo, Pedro, Herbert Ross morreu no 2001.



22
De: Pedro Fecha: 2006-09-10 20:40

Certo, cambiámolo por Arthur Penn (1922)?



23
De: Martin Pawley Fecha: 2006-09-10 20:59

Cambiámolo! Non sei como puiden esquecer a Arthur Penn, que mesmo estivo na Coruña, no CGAI, hai un ano e medio.



24
De: Pedro Fecha: 2006-09-10 21:42

Un pouco de pasta italiana:

Mario Monicelli (1915)
Luigi Comencini (1916)
Francesco Rosi (1922)
Dino Risi (1916)
Franco Zefirelli (1923)

e como segundo prato:

Andrzej Wajda (1924)
Jules Dassin (1911)

A grande comedia italiana ainda vive...



25
De: leco Fecha: 2006-09-18 22:36

Por fin a vin!!!!
Como escoitei dicir unha vez: "un rollo macabreo". Como unha función escolar que en lugar dos cincuenta euros de rigor de orzamento, de súpeto fose patrocinada por Amancio Ortega e dispuxesen dun millón. Non deixaría de ser a mesma función escolar con decorados e traxes de teatro profesional.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.156.92.243 (ad14e44e47)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley