caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Todos sabemos que en la Luna no hay gravedad
> Todos sabemos que en la Luna no hay gravedad <

Fago zapping durante unha pausa publicitaria mentres vexo O sarxento negro e dou cun programa de Tele 5 chamado El buscador. Nese intre poñen a enésima e absurda reportaxe que pretende sementar dúbidas sobre a chegada do home á Lúa, e xa de paso colgan as habituaia panochadas magufas sobre unha nave extraterrestre que caeu en Roswell, o emprego de videntes polo exército americano para localizar obxectivos militares e o que se agacha na famosa Área 51. Aparece como "experto" -¡manda carallo!- o inefábel Miguel Blanco, un home capaz de condensar toda a súa imbecilidade nunha frase difícil de esquecer: "Todos sabemos que en la Luna no hay gravedad".

Non me sorprende, pero si segue indignándome, a capacidade destes pseudoinformadores para poñer ao mesmo nível a un científico serio e a un vendedor de estúpidos misterios ao kilo. Ven un Iker Jiménez deses e a pouco que se descoiden mételles na sala de estar cuarto e metade de cousas sen explicación, que na maior parte dos casos non é que non a teñan, senón que o seu voceiro nin quere nin pode entendela. E tanto lles dá que os pillen nun renuncio -lembren, por exemplo, o affaire Joan Fontcuberta-, porque responden cunha cara dura asombrosa.

En fin: son moi libres, eles e os seus discípulos, de crer as trolas que lles pete. O que si me pregunto é até que punto é xusto que nuns medios que son concesión do estado -ninguén pode crear libremente unha cadena de radio ou de televisión- poidan soltarse barbaridades dese calibre sen que caiba pedir logo rectificación algunha. ¿Poden ofrecerse contidos falsos ou non contrastados dabondo nun espazo que aparentemente é de información, por máis que o seu estilo e boa parte dos seus temas sexan frívolos, sen que os seus autores asuman a máis mínima responsabilidade? Paréceme que do mesmo xeito que existe un código ético que en teoría impide a difusión en horario infantil de produtos que poidan resultar inapropiados para certas idades, tamén tería sentido esixirlles ás televisións que como pouco leven a franxas horarias nas que non fagan dano os programas que atentan contra a intelixencia e discrepan abertamente dos contidos que se lles esixe aos rapaces na ESO.

2006-08-20, 23:04 | 15 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/42331

Comentarios

1
De: IaRRoVaWo Fecha: 2006-08-21 04:44

A verdade é que amín gústame ver este tipo de programas porque disfruto atopando algún (algúns centos) erro a esas "teorías" e ademáis boto unhas risas coas tonterias que din. En serio, cando teño oportunidade navego por webs do estilo ou escoito programas de radio que falan de cousas parecidos ou miro programas na TV como ese.



2
De: Fagot Fecha: 2006-08-22 10:40

Sorprendeume algo este post. Non pola indignación senon pola reflexión sobre a veracidade dos contidos e a "ética" profesional. Tendo en conta cal é a situación actual parece que xente como Iker Jiménez é un mal menor, non?
Sen ir máis lonxe onte en T5 a discusión da tarde era saber quen deixou preñada a unha ex de gran hermano e francamente non se me ocorre mellor forma de ir contra os contidos da ESO que lanzar a mensaxe de que podes quedarte preñada e gañar cartos coa identidade secreta do "pai da criatura".
E esto non é o peor. Exemplos hai para aburrir. Hai unha semana en plena crise do lume apareceron membros de Nunca Máis acusando directamente a membros do PP de provocar os incendios e a información foi recollida por tódolos medios sen que existise ningún tipo de evidencia. Mentres tanto, Zaplana, perfecto descoñecedor da situación, era capaz de facer xuizos de valor como dogmas de fe dunha situación que a el o pillou "de rachi". Cousas como esta nunha sociedade "civilizada" non pasan.
Ó final a lectura sempre é que temos o que nos merecemos e que se a tv chegou a este punto foi gracias ó consentimento e a permisividade da maioría.



3
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-22 13:08

Si é certo, Fagot, que as parvadas de xente como Iker Jiménez non deixan de ser "unha máis" na longa lista de cousas demenciais que os medios de comunicación nos ofrecen a diario. Os programas do corazón son para darlles de comer aparte, pero tamén penso que a maior parte dos espectadores a eses espazos non lles dá moita importancia, malia velos, mentres que a trapallada magufa, que en ocasións chega a filtrarse aos programas de noticias -mesmo nos informativos supostamente serios, os do mediodía e a noite- si pode callar nos televidentes. Se ao gusto habitual do home contemporáneo polas paranoias conspirativas aportámoslle argumentos de catro pesetas, o que temos ao final é o progresivo convencemento da xente de que o que é certo é xustamente aquilo que é falso.

Os exemplos que vostede cita forman parte dun mesmo feito: hoxe en día considérase "información" calquera cousa que di alguén, tanto dá quen sexa e a credibilidade que poida ter. Pasa de forma habitual nos programas rosa, pero tamén na vida política: calquera parida en boca dun Zaplana, un Pepe Blanco ou un Paco Rodríguez, tanto me ten, pasa a ser noticia, e dáselle rango de veracidade sen necesidade de que ninguén contraste a fiabilidade das súas palabras. É moi típico no xeito de manexar as cifras: chega un e di que nunha manifestación houbo dous millóns de persoas, ou que arderon cento oitenta mil hectáreas, e non hai quen tome a molestia de facer unha conta para ver se eses números teñen algún sentidiño. Logo esas cifras cítanse unha e outra vez, até o aburrimento, dando por boa aquela frase de Goebbels sobre as mentiras que se se repiten dabondo acaban por parecer unha verdade.



4
De: Fer Fecha: 2006-08-22 15:41

E que lhe quere?
Ademais, depois os intentos de ponher em evidência a esta gente som contestados com acusaçons de "obscurantismo", "extremismo cientista" e as famosas "mafias de cientistas que querem ocular A Verdade"...



5
De: Don J. Fecha: 2006-08-22 19:49

Miguel Blanco: "Todos sabemos que en la Luna no hay gravedad".
Don J. : "Todos sabemos que en la Tierra hay zoquetes".



6
De: Fagot Fecha: 2006-08-23 01:29

Non sei. Parece un xogo de "a ver que é o máis doloroso". O feito de que o público non dá importancia, ou que é consciente da falsedade é tan aplicable a uns programas como a outros. O certo é que hai unha cantidade de audiencia tanto duns contidos como doutros que considera veraz o que está a consumir.
Supoño que asumindo esto se poden debatir mil horas sobre que contidos resultan máis perniciosos co perigo de rematar en termos como a "censura".
Esto só se soluciona con un rexeitamento de determinados contidos por parte do público. Mentres eso non se produza o que nos agarda é máis do mesmo.



7
De: Fagot Fecha: 2006-08-23 01:31

Esquecíame: "hoxe en día considérase "información" calquera cousa que di alguén, tanto dá quen sexa e a credibilidade que poida ter."

Esto tamén sería aplicable ós blogs :)
Non o digo por vostede senón por min mesmo :)



8
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-23 17:04

Fagot, claro que é aplicábel aos blogs, pero cunha diferenza: ninguén agarda dos blogs uns contidos por definición rigorosos e indiscutíbeis. A calidade e o valor dun blog admítese a forza de lelo e de atopar interesantes os seus textos. O que di a portada de "El País" ou de "El Mundo", ou o que contan as noticias da SER, da COPE, de Tele 5 ou de Antena 3, porén, un dá por suposto (ou así debera ser) que están contrastadas, e que alén da (lexítima) interpretación ideolóxica que cada un deses medios poida dar, os feitos descritos son verdadeiros. É xustamente a perda de credibilidade -por múltiples causas- dos medios convencionais unha das razóns do éxito dos "medios alternativos", blogs incluídos: se non podemos empregar os xornais/radios/TV como filtro de información, e nin sequera podo valerme deles en función do seu teórico principio de autoridade, é preferíbel que o "filtro" e a "autoridade" a busquemos pola nosa conta, na rede ou onde sexa, co aliciente adicional de que eses novos medios non virán influenciados polas esixencias do mercado e poderán amosar unha absoluta independencia de criterio.



9
De: Fagot Fecha: 2006-08-24 01:04

Neso estou completamente dacordo. De feito, sen ánimo de facerlle a pelota a ninguén, o mellor de blogs coma este é que cando les unha crítica dun filme, por poñer un exemplo, sabes con certeza que o seu autor está a facer un xuizo de valor propio que non obedece a condicionamentos externos.
Este feito contrasta co comportamento dos medios de comunicación onde antes de ler unha crítica temos que pensar en quen produce, quen distribúe e quen apoia o filme en cuestión para saber se o texto é fiable.



10
De: Fagot Fecha: 2006-08-24 01:06

Cando as distribuidoras comecen a anunciarse neste blog deixaremos de fiarnos de vostede.

Aínda que igual vive mellor :)



11
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-24 16:58

O que vostede cita sobre os filmes pasa tamén cos libros: un non atopará polo usual en Babelia críticas negativas dos lanzamentos estrela de "Alfaguara", do mesmo xeito que El Cultural soe ser xeneroso coas cousas que edita La Esfera de los Libros, malia ser esta unha editorial de interese ínfimo. No cine temos o caso emblemático de Sogecine-Sogepaq/El País-Cadena SER, pero tamén o desmedido apoio do xornal El Mundo para un produto de usar e guindar como Lobo (e o mesmo coa peli esa dos GAL que están preparando).

Se algún representante de distribuidoras me está lendo, que saiba que non poderá anunciarse nunca no blog, pero que acepto encantado agasallos en forma de DVDs. Se son de Chris Marker ou Robert Bresson, por citar un par de exemplos, asegúrolles que a miña reseña será extremadamente positiva. ;-)



12
De: jorge Fecha: 2006-08-24 19:55

O que me chama a atención é que aínda non o chamara ninguén para ofrecerlle falar mal das películas da competencia, porque anda que non teñen todos basoira no mercado, sería unha tarefa moi sinxela de cumprir, eu axudaría encantado coa miña mordacidade habitual e total, ¿qué son para eles uns dvd`s se ademáis todos teñen tamén productos interesantes en catálogo?



13
De: Fagot Fecha: 2006-08-25 12:34

Non compensa, sempre está o lema "que falen de ti aínda que sexa ben".
Se pos a parir algunha cousa o que estás a facer e darlle algún tipo de relevancia ó obxeto da crítica. A competencia non se critica, a competencia obviase (menos en Galiza que o que funciona é poñer a parir á compentencia nos corrillos da Xunta)



14
De: willy Fecha: 2006-08-26 00:33

Sr. Pawley, recoméndolle encarecidamente que lle bote unha ollada á coleción de dvds d jeta jeta benítez "planeta encantado" emitido pola tve1 dúas veces; eu atopei nun quiosco o famoso episodio 12 no que se demostra que o home sí chegou á lúa, pero ocultouse que atoparon bases extraterrestres e que o governo dos USA as destruiu con bombas atómicas; o dvd engade unha gravación do paseo dos astronautas polo interior da base luar: unha experiencia única, pero estrañamente semellante a xogar a aquel vello xogo chamado doom só que sen bichos que matar, claro



15
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-28 20:23

Vin ese episodio, vin. Unha das cousas que máis me sorprende do pensamento magufo é, precisamente, a capacidade para defender unha cousa e a súa contraria ao mesmo tempo: tan doado lles é dicir que o home non chegou á Lúa e que todo foi unha montaxe deseñada por Kubrick, como explicar a semana seguinte que en verdade si se chegou pero que alá atoparon os restos dunha civilización poderosísima...



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.80.137.168 (3c7fb59706)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley