caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Las Malas Lenguas
> Las Malas Lenguas <

Luns, noite. Vou a Sada ao concerto de Las Malas Lenguas, na compaña de varios amigos: Suso e Carmén, os pais dos pelachos e tamén os de Alicia. Se o seu paso polo Noroeste Pop Rock o ano pasado fora soberbio, a actuación deste ano rachou todas as expectativas. Os irmáns Auserón, para que negalo, son uns xenios, capaces de facer versións modélicas de pezas que escoitamos centos de veces, e ademais adaptando á perfección as letras ao español, mesmo mantendo uns retrousos contundentes. Eu sigo tendo debilidade polo By this river de Brian Eno, que eles convertiron no fermosísimo Almas del río. Santiago Auserón estivo desta volta especialmente falangueiro e animoso; actuou coa enerxía acostumada, baixou os pantalóns, caeu polo chan e até puxo na cabeza uns calzóns que algún atrevido espectador deu en lanzarlle. Ao final do concerto, leco conseguiu falar co cantante demostrando que a ela dos seis graos de separación sóbranlle cinco. Santiago confesou non estar no seu mellor momento para falar (o cansazo, xa saben), pero tivo lucidez dabondo para louvar a lírica medieval galegoportuguesa e afirmar un certo parentesco entre o seu Juan Perro e o noso Johan Zorro. Como ademais asegurou sentirse moi a gusto en Galiza, non será raro que o vexamos dentro duns meses de novo por estas terras, e non necesariamente cantando. Todo ao seu tempo.

2006-08-16, 19:36 | 12 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/42241

Comentarios

1
De: leco Fecha: 2006-08-17 00:10

Hahaha!!! Que saques ten vostede, Sr. Pawley! Se a cousa dá en algo xa llelo iremos contando aos veciños...
E que ben o pasamos!!! aínda conservo a voz de Alaska desde antonte.



2
De: jorge Fecha: 2006-08-17 07:46

Temos que añadir que o ano pasado non formaban parte do repertorio as fantásticas "soulfinger" (coa que empezaron o concerto), "roadhouse blues" e "fire", caendo do mesmo "redemption song" e "come together". Eu creo que gañamos co cambio pero aínda que non fose así sempre é necesario renovarse.
Pareceume especialmente brillante a versión de Jimi Hendrix, moi animada e, por suposto, impresionantemente interpretada.
Santiago estivo impresionante, eu creo que lle senta ben o marisco porque era a cuarta vez que o tiña diante (1xradio futura e 2xlas malas lenguas) e nunca me gustara tanto; é certo que case se "carga" "la negra flor" pero sinceramente, eu ós concertos vou a pasalo ben, para escoitar algo perfectamente interpretado están os discos.
Todo isto coa compañía adecuada fixo do concerto o mellor deste ano para mín, gracias a tódolos implicados, e veña xabrón.



3
De: jorge Fecha: 2006-08-17 09:01

Perdón, olvidábame do fantástico "Heart full of Soul" dos Yardbirds que se marcaron, cunha traducción dos Lone Star pero cunha lectura completamente distinta. Gustoume moito, ademáis recordar ós Yardbirds paréceme un detalle de bon gusto e moi xusto "históricamente".



4
De: ghanito Fecha: 2006-08-17 16:04

Non me enterara, do concerto. Mágoa, porque escoitei algúns dos temas do disco na radio e concordo en que a adaptación das letras é moi boa (se cadra as futuras versións canónicas deses temas en castelán).
E que decir do público asistente ;)



5
De: bola extra Fecha: 2006-08-18 12:46

para min By this river é tamén das mellores... soberbia!
Vinos en Coruña o ano pasado e me quedei alucinado do ben que sonaban!
Contáronme, non obstante, que en Sada estaba un pouco pasado de calquera substancia e que fixo algunhas alusións despectivas cara a Galicia... De quen mo contou non me fío nin un pelo, claro...



6
De: jorge Fecha: 2006-08-18 13:47

bola extra: Eu non atopei por ningunha parte lausións despectivas, pero cada un...
O concerto de Sada nada tivo que ver co da Coruña (aínda que este tamén estivo moi ben); daquela eran músicos bos tocando xuntos e agora son unha banda de RnR. Por outra parte un dos guitarristas xa non está e non foi sustituído, caendo a súa parte do traballo sobre o teclado e, por suposto, o outro guitarrista, do que xa o ano pasado os meus acompañantes e máis eu comentaramos que non nos gustaba porque nos parecía demasiado "oitentero", en tódolos aspectos.
o pouco ou moito pasado que estivera en Sada asegúrolle que lle sentaba moi ben.



7
De: jorge Fecha: 2006-08-18 13:49

Por certo, tamén olvidei nombrar que con respecto a o ano pasado tamén caeu do repertorio "busco y destruyo" da orixinal dos Stooges, que na Coruña e no Grove fora a miña favorita, non sei que vou facer con estas lagoas, en fin.



8
De: Jan Fecha: 2006-08-18 14:32

Estoume vermella pola envexa...Non sabía dese concerto e levo meses tola de ganas de velos. Merquei o disco en canto saiu, e a verdade e que estiven preguntando por el desde que comezou o proxecto das Malas Lenguas. Penso que é soberbio como case todo o que fai Santiago Auserón...comecei a escoitalo hai case vinte anos e non podo deixar de facelo. É verade que teñen un directo boísimo e superenérxico desde Radio Futura a Juan Perro e supoño que neste novo traballo será igual.

Por favor se te enteras do próximo concerto polas nosas terras avisa!!!!!



9
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-18 15:05

Pois en directo soan infinitamente mellor que no disco, que a min paréceme un chisco domesticado, escaso de corpo e de forza...



10
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-18 15:08

Eu tampouco atopei alusións despectivas; máis ben todo o contrario: mesmo estivo un tanto pegañoso de máis.



11
De: o levantador de minas Fecha: 2006-08-18 23:50

Detalles sempre se poden comentar, nun sentido ou noutro. Mais cando tes diante un artista de verdade cada concerto ofrece unha maxia irrepetíbel. E aínda máis cando se deixa premeditadamente un espazo para a improvisación, regalo que só os grandes fan para producir sensacións efímeras intransferíbeis a terceiros.



12
De: leco Fecha: 2006-08-19 00:02

Vou ser subxectiva e apaixonada: non é que ningún dos que até agora falamos aquí tivésemos atopado alusións despectivas para os galegos, é que non as houbo en absoluto. En canto ao de pegañoso, Sr. Pawley, non me sexa tan circunspecto, ho! Entre semellante voráxine e ante tal experiencia extracorpórea, a quen lle amarga que lle berren vinte veces: Galeguiñas, galeguiños!!! repetitivo sunha miga mas non mo chame pegañento, por favor.
Porén é certo que, de sermos politicamente correctos, para cantar a de Fire de Hendrix, a pedir lume a berros viría ben algunha explicación un bocado máis elaborada que xustificala como parte do repertorio e que Hendrix estaba a pensar no fogo do amor e non no do odio cando a creou mais... politicamente correctos aínda non somos, non?
Como di o Mestre, sen entrar en confronto co seu quen, de certo tamén o asinaría, Saúde!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.224.230.51 (75e616cf27)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley