caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Feira do Libro 2006. Episodio 1: Neira Vilas
> Feira do Libro 2006. Episodio 1: Neira Vilas <

Visito a Feira do Libro xa o primeiro día, aproveitando a presenza de Manuel Bragado e Xosé Neira Vilas, lenda viva inevitábel nos veráns coruñeses. Pepe Neira asina exemplares dunha obra nova, Vinte anos retornando, que vén sendo coma un blog, pero en papel. O libro fai memoria das doce viaxes que o mestre de Gres e a súa compañeira Anisia Miranda fixeron a Galiza entre 1972 e 1992, ano do seu regreso definitivo. Bragado insiste unha e outra vez no carácter híbrido do texto, que por momentos parece ser intensamente emocional e noutras fases moito máis anecdótico, case unha colección de apuntamentos cotiás das estadías galegas do escritor redactados coa prosa limpa e concisa que lle é propia, a mesma que lle permite iniciar o relato desta maneira xenial: "Saímos da Habana nun voo da Cubana de Aviación. Escala en Santa María dos Azores". Se o libro fala de retornos, nada mellor que empezalo volvendo.

Neira Vilas conta que voltar a Galiza supuña para el non só reencontrarse coa familia e cos amigos, senón tamén cunha paisaxe, co escenario dos seus recordos. Preguntáballe á xente polas árbores e polos seixos dos ríos, que xa non estaban alí onde el os lembraba. Preguntaba tamén polos novos veciños, os que chegaran na súa ausencia, eses aos que agora non coñecía. Marchaba de Cuba, un país que convertera en seu, e pousaba os pés noutro que xa o era desde o nacemento, co corazón demediado que teñen aqueles que viviron fora. Cando emigras, explica, nunca máis volves ser dun só lugar. Afirma sentirse activa e radicalmente galego, pero tamén se considera algo arxentino e por suposto moi cubano, por seren esas as outras nacións nas que transcorreu o seu tempo.

Paso logo pola caseta da ONCE, a única gran novidade da edición deste ano, e que posibelmente sexa a máis interesante, por distinta, entre as que enchen os Xardíns de Méndez Núñez. As persoas que atenden o posto, hoxe todas mulleres, responderon incansábeis ás miñas preguntas sobre a linguaxe Braille, as publicacións específicas para persoas con deficiencias visuais e as máquinas Perkins. Ao despedirme delas atopo aos editores in pectore e acompáñoos no seu paseo polo resto da Feira. Logo, a iso das nove, paso pola mesa redonda sobre cinema e comics na que participan Henrique Torreiro, Miguel Robledo e David Rubín, que estivo especialmente simpático e calificou Torrente 3 de deleznábel. Alégrame saber que tampouco lle gustou moito Sin City, filme que como saben os habituais deste blog non é precisamente un dos meus favoritos.

A post-data: dentro do demencial cutrerío que caracteriza á organización da Feira, o de poñer vasos de plástico ¡de Coca-Cola! para que os presentadores e participantes nos diversos actos beban a auga ultrapasa o máis absoluto dos ridículos. Que se saiba, a Coca-Cola non é patrocinadora da Feira. Tan difícil é conseguir unhas copas de vidro nun todo-a-cen? Ou uns vasos de plástico, si... ¡pero sen publicidade! Ver hoxe a Neira Vilas detrás do logotipo da bebida máis famosa do mundo era verdadeiramente ferinte.

2006-08-02, 00:55 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/41951

Comentarios

1
De: Alfonso Pardo Fecha: 2006-08-02 19:56

Pois é cutre de abondo,si.Hoxe identifícome máis co seu retrato da feira.No prólogo andaba vostede inzado de optimismo e coruñesismo,que de cando en vez non digo que non sexa malo.O que pasa é que eu estou aínda adoecendo:pasaba por alí e acabei papando o discurso do Losada.Confírmase a sabedoría popular:cadaquen fala da feira segundo nela lle vai.



2
De: leco Fecha: 2006-08-03 01:35

Realmente resultoume máis entretida e interesante a súa crónica que a miña visita á propia feira desta mañá. Non nos falte un só día!



3
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-03 03:01

Mellor o relato que o feito: iso si que é un eloxio, e o demais son contos. Obrigado, Leco!



4
De: paco Fecha: 2006-08-04 14:58

e o Rubín tamén falou mal de Dygra porque poñer a parar Torrente e traballar en dygra é unha contradicción...



5
De: Martin Pawley Fecha: 2006-08-04 20:13

Traballar en Dygra é, sobre todo, un traballo. Alén diso, poderá gustar máis ou menos o que fan nesa produtora -a min, por exemplo, espántame as dúas longametraxes que fixeron-, pero tamén cabe preguntarse cales son as razóns de que nos gusten, ou non, os seus filmes. É por culpa da animación, ou máis ben é cousa dos guionistas e directores?



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.19.255 (799359e1dd)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley