um
O meu amigo
Fredy Fevereiro actúa hoxe a iso das 23:30 horas no
Jazz Vides, formando trío esta vez cun teclista e o tamén amigo Rodrigo na percusión. Se isto non lles parece unha razón suficiente para ir, lembren que nese magnífico local
hai viño.
dois
Se confían algo no meu criterio literario -ou
no de Jaureguizar-, non esperen un segundo e fáganse con dous exemplares de
O condutor de autobús que quería ser Deus, o divertidísimo
libro de Etgar Keret que acaba de lanzar
Rinoceronte: un para vostedes, e outro para regalar. Se non se fían de min, proben primeiro a lelo
no PDF que a editorial nos ofrece de balde. Unha aposta valente que merece os meus máis efusivos parabéns e que estou convencido terá continuidade nesa e noutras empresas editoras, incluída esa que
ascárida e máis eu sabemos pero da que non lles podemos contar nada máis aínda.
tres
Xa están a disposición de todos nas librarías os volumes da serie
Vaya timo da que lles falei hai unhas semanas. A noticia agora é que a finais deste mes, o
28 de xuño, mércores, vai ser presentada a colección na
Libraría Azeta da Coruña, no número 47 da rúa Posse (xusto detrás do Centro Comercial Catro Camiños), nun acto no que participará Ernesto Carmena, autor do libro dedicado ao creacionismo que é, dito sexa ao paso, o mellor dos tres xa editados. Se teñen interese en algún dos títulos e non o atopan, cousa que non é precisamente improbábel, proben en Azeta, que polo de agora dispoñen de exemplares dabondo.
¶