caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Primer
> Primer <

Ano e país de produción: EE.UU., 2004; Dirección, guión, produción, dirección de fotografía, deseño de produción, montaxe e música orixinal: Shane Carruth; Axudante de produción: David Sullivan; Operadores de cámara: Anand Upadhyaya e Daniel Bueche; Reparto: Shane Carruth (Aaron), David Sullivan (Abe), Casey Gooden (Robert), Anand Upadhaya (Philip) e Carrie Crawford (Kara). Gran Premio do Xurado e Premio Alfred P. Sloan do Festival de Sundance, 2004. Web oficial: http://www.primermovie.com/

Dise que un filme é "de culto" cando existe un número suficiente de persoas que acreditan non ter entendido nada despois de velo. Existen, por suposto, outro tipo de razóns que permiten que unha película obteña connotacións míticas, por exemplo o falecemento case inmediato dos seus protagonistas (The misfits, de John Huston, con Marilyn Monroe, Clark Gable e Montgomery Clift) ou un estrepitoso fracaso comercial que inspire unha lenda de certo malditismo arredor da obra e do seu autor (One from the heart, de Coppola). Mesmo hai películas que acadan celebridade eterna polo feito de seren penosas, pola súa non disimulada torpeza, pola súa evidente condición de obra única e irrepetíbel de puro desastrosa, como ocorre coas diversas alfaias dirixidas polo inesquecíbel Ed Wood, e á cabeza de todas elas a xustamente célebre Plan 9 from outer space, a última aparición en pantalla dun Bela Lugosi morto antes de tempo e substituído por un actor que se lle parecía tanto a el como un coello a unha castaña.

Pero é a inintelixibilidade, a absoluta incapacidade do espectador para entender ben o que acontece na pantalla, a mellor garantía para que unha película adquira dimensión de culto. Un argumento enrevesado e unha historia chea de ocos sen explicar inducen a moitos afeccionados a facerse preguntas e a inventar as máis delirantes explicacións que van sempre máis alá das intencións iniciais dos creadores e que serven para encher milleiros e milleiros de páxinas de Internet. Os exemplos son moi numerosos, empezando por Matrix e acabando pola serie de televisión Perdidos.

Baixo este criterio é obvio que Primer é un filme de culto. Porque entender, o que se di entender, non se entende nadiña. Recoñezámolo: manter ao espectador confuso en todo momento é un procedemento ben útil para captar a súa atención, sobre todo cando non dispós de moitos millóns de euros para rodar espectaculares escenas cheas de efectos especiais. E é que se unha virtude ten Primer é a de ser barata, moi barata. Baratísima: arredor de sete mil dólares, pouco máis dun millón das antigas pesetas, cifra que foi cuadriplicada na billeteira xa na fin de semana da estrea (a recadación final nos Estados Unidos achegouse ao medio millón de dólares). Unha inversión tan extremadamente pequena só se explica atendendo ao carácter artesanal do filme, cun sacrificado Shane Carruth ocupándose de case todas as tarefas de produción. Alén dos seus méritos e dos seus defectos, Primer resulta moi valiosa por demostrar que é posíbel facer cine cunha altísima calidade formal e que chega a ter distribución en todo o mundo gastando en total bastante menos do que noutras películas se inviste en bocadillos para os extras. E conseguindo, malia iso, un aspecto luminoso, moi afastado dos excesos estridentes e feístas daquel Pi de Darren Aranofsky, coa que inevitabelmente soe ser comparada.

2006-06-10, 09:09 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/40713

Comentarios

1
De: ifrit Fecha: 2006-06-11 18:30

As explicacións en internet non é que axuden tampouco moito :D

http://neuwanstein.fw.hu/primer_timeline.html



2
De: dorfun Fecha: 2006-06-11 18:41

...este é o mellor exemplo de que se realmente desexas algo e confias no seu éxito, debes abandonalo todo, arriscarte... e finalmente obterás o que querías...

...Primer ten o feitizo adicional dos xogos de paradoxas científicas, que tanto gustan nos últimos tempos... e xa non é só o feito de ter saido da sala sen saber de que falaba a película, o suficiente como para marcala coma de culto, senon que ainda por riba pasaches o tempo entretido e matinando...



3
De: bola extra Fecha: 2006-06-14 12:54

ai! Primer! fun a vela ao cine e estaba eu só na sala! efectivamente non entendín nada, pero Primer polo menos é algo que non se fixo nin se volverá a facer nunca máis, unha película verdadeira e absolutamente orixinal...



4
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-14 13:08

Non se volverá facer nunca máis... e quen sabe se o autor, Shane Carruth, volverá facer algo. IMDB non dá novos sinais de vida sobre el.

Por certo, a única vez na miña vida que estiven só nun cine foi o pasado xoves santo, no agora desaparecido Equitativa da Coruña, vendo La casa de mi abuela.



5
De: bola extra Fecha: 2006-06-15 10:00

Que eu recorde, eu estiven ata tres veces só nunha sala de cine. En Primer non me resultou raro, pero as outras dúas veces foi vendo Una historia del Bronx e Gladiator, e iso si que é realmente raro...



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.147.237.64 (d9edc61e32)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley