caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Marzo 2006, eclipse total: O home que non estivo alí
> Marzo 2006, eclipse total: O home que non estivo alí <

A xente da revista "Compostelán" pediume un artigo sobre o eclipse total de Sol do pasado mes de marzo. Un malentendido entre o emisor e o receptor fixo que este último, é dicir, eu, lles escribise un texto lixeiramente por riba das 1800 palabras, demasiado longo para as súas intencións, así que o que finalmente aparece no número de xuño desta publicación está recortado máis ou menos pola metade, sen as referencias a Wendy Carlos nin ao relato de Fenimore Cooper. Como aquí no blog hai espazo de sobra póñollo enteiro, agradecéndolles de antemán a súa paciencia caso de chegaren até o final:

O home que non estivo alí

É case medianoite nun bar decrépito. Valuska, o máis novo dos presentes, é a imaxe mesma da inocencia, da bondade fráxil condenada a ser sempre vítima da peor cara que amosa de cando en cando o ser humano. Como todos os días, pídenlle que represente "un grande acontecemento producido polo movemento dos corpos celestes". Como todos os días, Valuska elixe entre os clientes habituais do bar, para daquela xa algo borrachos, aos intérpretes da súa representación. Un fará do Sol. Outro será a Lúa, e haberá un terceiro que interprete o papel da Terra. O que encarna ao Sol abre e pecha as mans simulando que emite raios de luz. O que fai da Terra dá voltas en torno del, e ao seu redor xira torpemente a Lúa. Valuska declama o seu discurso fermoso e inxenuo; nun momento determinado no Sol asoma unha pequena mordedura que vai medrando pouco a pouco, até chegar a ocultalo por completo. O ar enfría e o ceo vístese con roupas escuras. Os paxaros voan aos seus niños, confundidos e perplexos. Todo é silenzo. É un eclipse total.

Así comeza o filme As harmonías Werckmeister, do húngaro Bela Tarr, unha obra mestra filmada con solemnidade coreográfica nun branco e negro arrebatador. A escena, xa presente na sección homónima da novela de László Krasznahorkai Melancolía da resistencia, describe de maneira máxica e poética un fenómeno astronómico estudado e rexistrado até a saciedade pero que segue deixando abrumados pola emoción aos máis cerebrais dos afeccionados. Un eclipse de Sol é, simplemente, a ocultación progresiva do disco solar por parte da Lúa cando esta se interpón entre o astro e a Terra. Todo é froito dunha extraordinaria casualidade cósmica, pois o Sol é catrocentas veces máis grande que a Lúa pero tamén está catrocentas veces máis lonxe, co cal os seus tamaños aparentes vistos desde o noso planeta son moi semellantes. A órbita da Lúa está lixeiramente inclinada respecto do plano de xiro da Terra respecto ao Sol; esa pequena diferenza é a que explica que non todas as veces que a Lúa ocupa unha posición intermedia entre aqueles -é dicir, cada Lúa Nova- se produza un eclipse. Para que tal suceda o aliñamento dos tres obxectos celestes debe ser perfecto, e iso non é desde logo un suceso excepcional, pero tampouco é precisamente frecuente. Ao longo dunha vida humana hai moitas ocasións para ver un eclipse de Sol; o problema é que a franxa da Terra desde a cal poden ser vistos é bastante estreita, de apenas uns centos de kilómetros de ancho, así que "o raro" é que sucedan preto de onde vivimos. Para ver eclipses en xeral hai que viaxar, e moito. Os compañeiros da Agrupación Astronómica Io foron en marzo até Turquía para ver un. Alí estiveron, nun lugar chamado Hacibektas, na Capadocia: fixeron feixes de fotos e chamáronnos por teléfono en vivo para contarnos a experiencia aos que non puidemos ir, os Homes e Mulleres Que Non Estabamos Alí. O día muda en noite; as cores da posta de Sol enchen o horizonte e un manto escuro vai facéndose dono do firmamento. No instante central descóbrese en todo o seu esplendor o feixe de flocos de luz que arrodea ao astro, a coroa, a parte externa da súa atmosfera que se prolonga millóns de quilómetros no espazo, tan tenue e feble que só se revela diante dos ollos do home cando o disco solar permanece completamente oculto. A orografía da Lúa provoca máis fermosos efectos: os raios do Sol fíltranse a través dos seus vales e montañas permitindo a aparición de puntos especialmente luminosos, as Perlas de Baily; o derradeiro deles outórgalle unha especial beleza á coroa para consituír o que popularmente se coñece como Anel de Diamante.

Hai probas dabondo na web da agrupación. Se buscan nela atoparán un vídeo extremadamente recomendábel. Para ser sinceros, as imaxes que contén non ofrecen demasiado interese; a cámara cambalea sen chegar a amosar nada relevante, pero o son... o son é inesquecíbel. A xente berra, aplaude, expresa emocións incontrolábeis xa desde os primeiros intres. Non hai tempo para construír frases elaboradas: a impresión é tan sublime que só permite a repetición de frases nerviosas, case guturais. A esa mesma hora eu estaba na Coruña, contemplando por Internet a retransmisión do eclipse feita por NASA TV e o Exploratorium de San Francisco: a avezada presentadora do acto, que pasara a mañá enteira dando infinidade de datos e explicacións, ficou case muda despois da lóxica explosión de ledicia inicial. A visión dun eclipse de Sol é, imaxino, unha desas experiencias que che percorren toda a espiña dorsal, que non poden ser verbalizadas pero cuxo pouso perdura para sempre.

Os eclipses mesmo chegan a crear adicción. Son moitas as persoas que fican tan conmovidas pola súa visión que fan logo o posíbel e o imposíbel para asistir aos seguintes, desprazándose a outros continentes en periplos case inimaxinábeis. É o caso de Wendy Carlos, a compositora estadounidense pioneira no uso de sintetizadores e autora de ben lembradas músicas para o cine, como a de Tron. Con grande interese polo tema desde a súa adolescencia, pasou anos agardando expectante o eclipse de 1963, o primeiro que tería ocasión de presenciar. Pero a medida que ía achegándose a data prevista do mes de xullo o parte meteorolóxico non paraba de dar noticias preocupantes, anunciando nubes e chuvia de maneira inequívoca. O ceo, en efecto, foi cubríndose máis e máis ao longo de todo o día, pero nun deses golpes de sorte que, para que negalo, non son nada habituais entre os amantes da astronomía, pouco antes da totalidade apareceu un pequeno oco entre a espesura das nubes permitíndolle a contemplación do fenómeno durante sesenta e dous gozosos segundos. Apenas cinco minutos despois empezou a chover.

Cunha experiencia así era inevitábel que Wendy -naquela altura, aínda Walter- collese por forza o gusto polos eclipses. O segundo chegou en 1972, desde a cuberta dun barco no Atlántico Norte, nunha época na que a súa música empezaba a ser mundialmente coñecida grazas ao filme de Stanley Kubrick A laranxa mecánica. No sucesivo foi na procura de todos os eclipses de Sol que puido, facendo pleno durante os doce primeiros anos. En 1973 disfrutaría nunha pequena vila de Níxer dun inusualmente longo, un pouco por riba dos sete minutos. En 1974, desde un avión sobrevoando o Océano Índico. No 77, noutro barco, esta vez no Pacífico, a moitas millas ao oeste de Panamá. En 1980, en Kenya, fuxindo por uns días do traballo de creación da banda sonora de O Resplandor e poucos meses despois de facer público o seu tratamento de reasignación de xénero nunha entrevista para o Playboy. No 84, desde un veleiro en Nova Caledonia. En marzo do 88, nas Illas Filipinas, e en 1991 desde a Baixa California. Pechou o século XX cun eclipse en Aruba no 98 e o do 99 desde Rumanía, e empezou o XXI con outro total en Zambia. De todos eles deixou un variado e abundante rexistro fotográfico que en versións melloradas e retocadas incorpora cada pouco tempo á súa web, e disque aínda ten outra media ducia pendente de nos amosar; dezaoito en total, até sumar en conxunto case unha hora de absoluta escuridade en pleno día. "Os eclipses de Sol son unha parte da miña vida máis importante do que me gustaría admitir", afirma; case unha obsesión. E o seu recordo, con certeza, non é algo que desvaneza co tempo. Vinte anos despois de ver un, o autor de O derradeiro dos Mohicanos, James Fenimore Cooper, relatou con enorme detalle e precisión a súa experiencia a petición dun amigo inglés, que o convenceu da utilidade de poñer por escrito todo canto gardaba na memoria daquel eclipse do 16 de xuño de 1806, un Bloomsday antes de ser Bloomsday. E así o fixo, aínda que finalmente non chegou a enviar o documento a Inglaterra e só puido ser descuberto entre os seus papeis persoais trala súa morte.

Fenimore Cooper era en 1806 un mozo de dezaseis anos; un adolescente animoso e emocionado que esperta cedo e o primeiro que fai é mirar pola fiestra para comprobar o ánimo co que nace o día. E coma el, todos: hai dous séculos, igual que hoxe, o mundo ficaba paralizado polas curiosas consecuencias da xeometría celeste. O relato explica con viveza a expectación da xente, que abandona as súas actividades habituais para pousar a mirada sobre un ceo limpo e despexado, mirando o Sol con "gafas coloreadas" para protexer a vista de posíbeis queimaduras. É un acontecemento tan asombroso que mesmo lle permiten asomarse a unha xanela a un condenado a morte que leva un ano enteiro pechado no cárcere. Pálido, case agónico despois de doce meses de durísimo confinamento, a imaxe do prisioneiro non pode menos que inspirar piedade; na narración poderosa do escritor, aquel era "un home arrancado das profundidades da miseria humana, e enfrontado de súpeto á máis grandiosa demostración natural coa cal o Creador nos revela a súa Omnipotencia". O texto de Fenimore Cooper reconstrúe con inesperada riqueza os minutos máxicos do encontro da Lúa e do Sol, un intre demasiado profundo incluso para as bágoas: "Unha mesma emoción parecía gobernarnos a todos. O meu pai permanecía inamovíbel, a uns poucos metros de min, pero non era quen de distinguir os seus rasgos. Transcorreron tres minutos de escuridade case absoluta, pero pareceron estrañamente multiplicados pola intensidade das sensacións e o torrente colosal de pensamentos que invadía a mente".

"As persoas que participan xuntas de calquera extraordinario espectáculo", conclúe o escritor, "soen logo encontrar agradábel conversar sobre as impresións vividas. Pero eu non lembro ter escoitado nin unha soa breve referencia aos sentimentos individuais no momento máis solemne do eclipse. É como se esas sensacións estiveran tan indisolubelmente unidas ao máis íntimo do noso espírito que non puideran ser discutidas de maneira irreverente e familiar. Só podo dicir que eu levo vivido moitos e moi variados acontecementos, que tiven a fortuna de ver terras, ceos, océanos e seres humanos en toda a súa diversidade; pero que nunca contemplei ningún espectáculo que con tanta claridade manifestase a maxestade de Deus, ou con tanta forza amosase unha lección de humildade para o home, como un eclipse total de Sol". Á marxe das súas constantes alusións relixiosas, palabras coma estas resultan ben motivadoras. E o que nos contan os amigos, máis aínda. Imposíbel renunciar a ver o próximo. Prescindiremos do que hai no 2008, que é moi curto e cae en latitudes case polares, pero o de xullo do 2009 podería ser unha estupenda escusa para viaxar a terras chinesas e experimentar seis minutos e medio de totalidade, o eclipse máis longo que teremos no século XXI. E se non é posíbel desprazarnos tanto, sempre podemos agardar un par de décadas e disfrutar sen saír de Galiza dun eclipse total, alá para o 12 de agosto de 2026.

2006-06-04, 00:31 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/40531

Comentarios

1
De: óscar Fecha: 2006-06-04 11:02

Apasionado y apasionante.
Vaya, no sabía que tendrán que pasar 20 años hasta que vuelva a verse otro total desde aquí. Y parece que cinco hasta el próximo parcial.
Saludos.



2
De: alfama Fecha: 2006-06-04 11:21

Moi chulo o texto, creo que xa llo dixera ;)
Si, mire o reloxo, as 11:20, traballando no ordenata e preparada para escoitar a radio ;P



3
De: peke Fecha: 2006-06-05 19:29

Gustoume moito o texto.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-06 13:36

Grazas, óscar, alfama e peke. Non quedou mal de todo, non, e iso que foi fabricado con certa urxencia nuns días de altibaixos.



5
De: Martin Pawley Fecha: 2006-06-06 13:38

Por certo, a versión que aparece no Compostelán suprime os catro últimos parágrafos, e remata coa frase A visión dun eclipse de Sol é, imaxino, unha desas experiencias que che percorren toda a espiña dorsal, que non poden ser verbalizadas pero cuxo pouso perdura para sempre.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 23.20.157.174 (f8ae440b99)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley