Cando era máis novo o que peor levaba de saír de noite era a volta: vivindo á altura da Gaiteira eu era sempre o último en chegar a casa, e o certo é que os metros finais se me facían interminábeis. Agora non: encántame o regreso, a camiñata longa pola Coruña en
noites de gaivotas. Na véspera dun sábado inmenso e despois duns días de altibaixos, despois das 1830 palabras escritas e das moitas outras que en ocasións debera dicir e nunca digo, acompañado
pola luz máis unha vez en horas roubadas ao sono para compartir a amizade efémera dos rostros que nunca din que non, onte volvín para casa cantaruxando para min
unha canción de Gonzaguinha, coa tranquilidade zen de entender que nada bo pode nacer dos pensamentos negativos e o convencemento inexplicábel e íntimo dunha felicidade inminente.
¶