caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Morrer de éxito
> Morrer de éxito <

Sony Pictures deu a coñecer as cifras da recadación obtida polo Código Da Vinci na súa primeira fin de semana de estrea en España: perto de nove millóns de euros, 8.753.252 para ser exactos, ou o que é o mesmo, o 74% do total recollido nas billeteiras de todo o estado durante eses tres dias. O resultado lóxico dunha xigantesca campaña de promoción e da distribución da espectacular cantidade de 750 copias, que grazas ao chamado sistema de interlock que permite a proxección dunha mesma fita en máis dunha sala serviron para colocar a película en 1035 pantallas.

Noraboa aos da Sony polo seu éxito: que lles aproveite. Non vou comentar nada sobre a calidade do filme, que nin vin nin me interesa demasiado, pero si me permito deixar aquí unha única observación: o que mata o cine non é o pirateo, nin o top manta, nin nada diso. O que mata o cine é a perda de diversidade, a progresiva igualación de formatos e temáticas, e por suposto a presenza arrolladora das superproducións que non deixan literalmente espazo físico a outras obras. O fundamental para o triunfo dunha película no mercado americano, e aquí imos por idéntico camiño, é unha promoción intensa e un desembarco masivo con milleiros de copias nos cines: do que se trata é de arrasar na primeira fin de semana e logo manterse con dignidade nun número infinitamente máis reducido de pantallas. E iso xa acontecía moito tempo antes do eMule; non ten nada que ver, pois, co feito de que haxa un número enorme de espectadores que deixaron de ir ao cine para ver cine, cousa, por certo, da que son en gran parte culpábeis os propios mercaderes da industria, que levan décadas intentando convencer á xente de que non é preciso saír de casa para ver películas, de que "é mellor" velas deitados no sofá, en VHS primeiro, logo en LáserDisc e agora en DVD, por non falar dos canais de televisión de pago. Unha vez que conseguiron que perderamos o "sentido ritual" de ir a unha sala de cine -cousa que, porén, non sucedeu co teatro, coa ópera ou cos concertos-, que nos acostumaramos a ver os filmes ás veces en condicións penosas na comodidade do noso fogar, nada ten de estraño que agora queiramos seguir facendo o mesmo e a ser posíbel sen pagar un peso.

Hoxe por hoxe seguen facendo cartos, e a feixes, non se preocupen. Por moito que choren en público, mesmo intentando crear un sentimento de culpa entre os cinéfilos, os grandes números sáenlles redondos. Pregúntenlle á Sony Pictures, sen ir máis lonxe.

2006-05-24, 12:43 | 9 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/40234

Comentarios

1
De: Nuala Fecha: 2006-05-24 16:53

Eu fun unha das víctimas do libro e, aínda así, e polo gosto que lle teño a "Amelie" fun ve-lo filme.
Telefilme quédalle grande, non lle iría de máis que chacineríaspepote o patrocinase...



2
De: Arduina Fecha: 2006-05-25 08:35

Levas toda a razón. E se a todo o que comentas lle engadimos as palomitas, o cine vai quedando como unha cousa do pasado.



3
De: Vendell Fecha: 2006-05-25 23:47

Dende que era neno sempre houbo películas no cine e películas na TV. De feito, era unha cuestión de tempo que ás primeiras chegaran á segunda, malia que algún cine de vila estreou O silencio dos años cando xa a pasaran en A3 ou por ahí. En calquera caso, é certo que a evolución da tecnoloxía, e dos costumes, forma parte do cambio na industria, cada vez máis homoxénea nas súas propostas, como ben apunta.

Agora que o penso, ¿o de aturar tanto tempo con Franco sería cousa do atraso tecnolóxico do país?



4
De: Martin Pawley Fecha: 2006-05-25 23:59

Por suposto, e a evolución dos costumes está dirixida en boa parte pola propia industria. Certo que non son estrictamente comparábeis pola diferente orde de magnitude dos usuarios dunha e doutra, pero ¿por que o teatro, os concertos ou a ópera non se resinten dos avances tecnolóxicos, e o comercio do cine si? ¿Por que ninguén deixou de ir ao teatro para ver teatro, e porén si se perderon xeracións enteiras de usuarios das salas de cine?



5
De: Martin Pawley Fecha: 2006-05-26 00:01

Por certo, mañá chega a España Camiño de Guantánamo, o filme de Michael Winterbottom que se estreou simultaneamente nos cines británicos e en Internet... despois de ser emitida por televisión.

A orde de factores non altera o produto, disque.



6
De: alfama Fecha: 2006-05-26 09:55

Non é comparábel... O teatro e a música móvense, como produtos culturais distintos, en contornos distintos. Para comezar, por duro que sone, neste país o público de teatro (xa non digo de ópera!) é minoritario ou inexistente. Non nos enganemos. E se o cinema "naceu" para ser visto no cinema, a propia natureza efímera dos espectáculos teatrais subliña a necesidade de consumilos en vivo e directo.
Dacordo, a industria ianqui (do mesmo feito que xa fixo desde os anos 10, 20, 30...)marca as súas condicións económicas e de consumo voraz, mais recordolles que, pola menos na miña xeración, sufrimos cinefilia e fomos raptados pola ilusión dos fotogramas desde a televisión. Os filmes en pantalla grande, e nesas vellas salas que Serrat cantaba en "los fantasmas del Roxy", nada que ver coas estreitas, incómodas tobeiras dos multicines, con ou sen palomitas, con ou sen xente laricando, con ou sen golpeadores de cadeiras (eu sempre levo un comigo ás costas), con ou sen VOS!!!!... O duro e fascinante, é que por riba de todo iso, os filmes nos cines seguen a ser outra historia. Malia toda a publicidade e invasión do Home cinema and company.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2006-05-26 10:04

Certo, si, son produtos culturais distintos... pero hoxe por hoxe en España recauda máis cartos o "teatro español" que o "cine español". E si penso que é importante o feito de que a industria do teatro ou da ópera nunca pensase en explotar até as últimas consecuencias o negocio de "velo en casa". É dicir, a necesidade de disfrutar do cine no cine é tan esencial (ou non) como o a de verlle os caretos aos actores a uns poucos metros do escenario. David Lean, Dreyer ou Ford non creaban as súas obras para ser vistas en DivX en formato 425 por 340 píxels: fixeron "Lawrence of Arabia", un supoñer, para ser contemplado nun pantallón enorme, e coa area do deserto meténdoseche polos ollos. Foi a propia industria do cinema a que convenceu aos espectadores de que o ritual que acompaña á visión dunha película (saír de casa, sala escura, pantalla grande, silenzo...) non era necesario.



8
De: Vendell Fecha: 2006-05-26 10:07

Agarde a que desenrolen o Home VIrtual Reality e verá como empezaremos a descargar o teatro pola rede.



9
De: JoaoLuc Fecha: 2006-05-29 13:06

Apesar de todas as nuances e discussões acessórias, parece-me que esta análise é de tal forma cristalina que coloca o dedo em todas as feridas...



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.204.71.19 (f78779fd3b)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley