caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > No Día das Letras
> No Día das Letras <

Hoxe é o Día das Letras Galegas, a referencia máis importante do ano para a cultura galega; e é festivo, ou feriado, como prefiran. As librarías non abren e os colexios tampouco, e iso é algo que lles amola moito a Jaureguizar, a Caneiro e aos da Voz de Galicia, xornal que desde hoxe incorpora á súa web (e non vai sen tempo) unha tradución automática á nosa lingua. Houbo un tempo en que a min tamén me parecía un erro que o 17 de maio aparecera nos calendarios en caracteres vermellos, pero acabei superando aquela confusión innecesaria. Facer non laborábel esta data outórgalle á celebración unha presenza que en ningún caso acadaría de ser tan só unha colección de actos fúnebres e honras florais a cargo de institucións fosilizadas. O Día das Letras debe ser unha festa, a nosa festa, e debe selo a todos os efectos.

Vaites! É o Día das Letras e resulta que non podo ir mercar un libriño en lingua autóctona! Ese argumento tan paifoco escóitase con moita frecuencia; digo eu que tamén é casualidade que sexa xusto hoxe o día no que algúns queren comprar os libros, podendo facelo onte, antonte ou mañá, ou en calquera outro momento do ano. Nos colexios tampouco se van organizar hoxe actos para lembrar a figura egrexia do pai de Urbano, pero teñan por seguro que os que quixeron facelos xa os fixeron ao longo desta semana. Se loce o Sol a xente vai á praia, dise ás veces case coma un reproche; e eu pregúntome que ten de malo ir á praia, como se a defensa da lingua e da cultura propia só puidera nacer de accións intelectuais e non da normalidade cotiá. O país estará definitivamente normalizado o día que o 17 de maio estean todos os que o desexen bañándose no mar, e non manifeirando polas rúas de Compostela para defender reivindicacións que nesta altura debían ser elementais.

E os autores elixidos, terían que ser vivos ou mortos? Pois o lóxico é que sexan ilustres defuntos, e por varias razóns: unha, porque o paso do tempo é un crítico mordaz que sitúa a uns e outros no lugar que lles corresponde, e a súa obra (boa ou mala) pode ser analizada sen a influencia de factores externos. Dúas, porque así se fixo sempre e non vexo razón sólida algunha para mudar a tendencia, que mesmo podería provocar implicitamente a sensación de que "xa non quedan" posíbeis homenaxeados. Tres, porque como moi ben explica Cesare recorrer a autores vivos non leva a un maior achegamento á sociedade (Euloxio Ruibal vs Vidal Bolaño) e tampouco supón unha mellora na calidade dos autores elixidos (Luz Pozo vs Xosé María Díaz Castro). Catro, optar por autores vivos nun país coma este levaría aparellada de maneira inevitábel presións directas ou indirectas duns e doutros para seren elixidos e dificultaría a independencia da elección respecto do governo que mande en cada momento, do mesmo xeito que non é casual que durante o aznarismo foran premiados co Cervantes o "favorito" José Jiménez Lozano, o furibundo anticastrista Cabrera Infante e o escritor estrela de El Mundo Francisco Umbral, ou que o primeiro galardonado da era post-PP fose o moi crítico co poder Sánchez Ferlosio.

O que molesta, parece, é a visibilidade; de acordo con esa lóxica as cousas hai que facelas, si, pero a pequena escala e con ánimo fervorosamente militante: a cultura como unha leira privada allea aos cidadáns. Trátase, acaso, de facer unha festa que non o pareza, unha festa na que ninguén é convidado? Unha festa para iniciados, para directores de suplementos de cultura, para habituais das mesas redondas? Ou é unha festa de todos e para todos, que toma como escusa un nome pero que por riba de todo debe ser unha celebración exultante, optimista, sen bágoas, sen lamentos, sen derrotismos? E é que de bágoas e derrotas xa estamos cheos; e se alguén cre de verdade que para o galego non hai futuro, que se pase o castelán e se deixe de lerias e de ambigüidades. Non precisamos amigos coma eses; eu prefiro, con moito, aos inimigos, que son infinitamente máis estimulantes.

dos arquivos estranhos: No Día das Letras (2005)

2006-05-17, 19:05 | 7 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/40032

Comentarios

1
De: Vendell Fecha: 2006-05-17 21:43

Coincido con vostedes. As veces falan das letras galegas (fíxese como inciden na escrita) coma se fora un bicho que hai que meter nun zoo.



2
De: leco Fecha: 2006-05-17 22:01

É que pensan que, para que algo exista, debe estar baseado nunha indstria e así nos vai. Primeiro creemos a biblioteca nacional, que despois xa a iremos enchendo de verdadeiros libros. É o mesmo argumento que esgrimía o alegre poeta cando dicía: eu quero unha nación galega... para destruíla ao día seguinte.



3
De: dorfun Fecha: 2006-05-17 23:57

...eu prefiro, como celebración, o día da patria, pero concordo que hoxe debe ser "a referencia máis importante do ano para a cultura galega"



4
De: lifmialón Fecha: 2006-05-18 00:45

Dacordo en todo, punto por punto. Para o galego de a pé, ese que nin lee, nin ve, nin escoita en galego (agás o partido do sábado), se este día non fose festivo en tres anos nen lembraría qué era eso das letras galegas. Non se ía botar en falla. Por certo,¿nalgún outro sitio se celebra algo así?



5
De: cacciaguida Fecha: 2006-05-18 11:25

Felicidades por tu blog

Un saludo

http://alighieri.bitacoras.com/



6
De: Capitán Túzaro Fecha: 2006-05-18 22:44

Eu voto por un dia das letras adicado a Lois Pereiro. Imaxinome os insignes membros da academia (RAG), e demais intelectuais con cara compunxida lendo poemas do Lois("Cuspídeme enriba cando pasedes por diante do lugar onde eu repouse enviándome unha húmida mensaxe de vida e de furia necesaria") para rematar o acto cuspindo no lugar onde repousan os restos do insigne vate e poeta



7
De: Ghanito Fecha: 2006-05-18 23:40

Interesante reflexión, asisada e sen caer en lugares comúns.
Concordo en grande medida.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.198.108.19 (519c7a46e7)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley