caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Entrevista no Faro
> Entrevista no Faro <

No exemplar de hoxe, 27 de abril, do suplemento de cultura do Faro de Vigo aparece unha entrevista que Natalia Alvárez.me fixo hai uns días por teléfono. Aquí a teñen, a ver que lles parece:

Martín Pawley: "O blog é unha ferramenta absolutamente libre"

Dias Estranhos (pawley.blogalia.com) é xa un dos veteranos do blogmillo galego. Cine, música, ciencia ou literatura son algúns dos temas dos que nos fala Martin Pawley neste recanto da rede que vén de gañar o premio ao mellor blog "en otras lenguas constitucionales distintas del castellano”, outorgado polo xornal 20 minutos

Días Estranhos vén de cumprir o seu terceiro ano na rede. Que é o que o empuxou a crealo?
Eu xa levaba uns cantos meses lendo blogs doutra xente e un bo día probei a crear un en Blogger. Apetecíame escribir e falar de cousas que me interesaban e ao comprobar que era extremadamente doado, pouco difícil de manter e que, ademais, resultaba de balde... decidinme a facelo.

Que é o que máis lle gusta do formato blog?
O máis interesante, para min, é a (súa) liberdade absoluta, o feito de que está á marxe de calquera tipo de definición. Porque nun blog cabe de todo, é unha ferramenta absolutamente libre coa que se pode facer literatura, comunicación, columnismo ou, simplemente, poñer as fotos da festa do día anterior. Ademais tes a posibilidade dos comentarios. Esa realimentación é extremadamente útil, pero tampouco indispensable, porque aínda que os comentarios son moi valiosos sempre, moitas veces máis que o propio post, tamén é certo que cando levas bastante tempo blogueando xa sabes que hai historias que van ter unha certa repercusión e nas que a xente vai deixar comentarios, porque ten unha opinión feita sobre os temas, e hai outras historias que non. Entón, todo este tipo de cousas fan que non haxa ningún tipo de limitacións: nin de tamaño, nin de temática, nin de nada. É algo específico da rede, e cáseque do fenómeno blog. Ningún outro medio admitiría esa liberdade.

A semana pasada celebrouse o encontro EnBlogs, no que participaron destacados blogueiros galegos. Hai características comúns que poden definir aos integrantes do blogmillo?
Coido que neste momento o único que nos une é a lingua empregada. Por unha parte iso paréceme moi valioso, pero por outra creo que é un símbolo de, digamos, país non normalizado dende o punto de vista lingüístico ou cultural. Porque en condicións normais o lóxico sería que as comunidades se formasen por afinidades doutro estilo. Pero claro, cando fixemos a primeira xuntanza de blogueiros xuntámonos sete na Coruña. Eramos tan pouquiños que creo que por iso naceu esa cousa de formar comunidade, de acoller a todos os que se decidían a abrir un blog. Neste momento hai recontos que falan de preto de dous mil blogs en galego, un número suficiente como para que as afinidades vaian por razóns temáticas, ideolóxicas, etc. En cambio segue manténdose iso, e creo que é porque tamén concidiu que hai xente que nos coñecemos e que nos levamos ben. A fin de contas, Internet non é soamente información, tamén é comunicación, crear relacións persoais.

Pouco a pouco vaise notando a pegada do blogmillo fóra da rede: os medios tradicionais falan dos blogs, e estes convértense nun xeito estupendo de promoción...
Sen dúbida. Coido que, xustamente, unha das cousas que diferencian os blogs doutro tipo de medios é a idea da realimentación constante. Unha parte esencial son os comentarios e os enlaces, que serven para establecer pontes entre unhas páxinas e outras, e esa é unha ferramenta moi útil para outro tipo de medios. Estámolo vendo en moitos xornais, nos que a columna de toda a vida agora chámase blog. Teñen aos columnistas de cabeceira facendo o mesmo tipo de columnas, pero agora admiten a posibilidade dos comentarios e danlles unha aparencia, máis ou menos formal, de blog. Creo que é porque descubriron que á xente lle vai esa posibilidade de deixar comentarios, que a anima a volver, a ver se hai algunha réplica, e iso incrementa o número de visitas. É unha aposta que tamén vale para outro tipo de fenómenos culturais. Por exemplo, grupos musicais que ven no blog unha ferramenta moi boa para darse a coñecer precisamente por isto, por ese grao de empatía que se establece co lector cando ti lle dás a posibilidade de conectar co autor.

Nestes momentos colabora como crítico cinematográfico para medios como Vieiros ou a Radio Galega. Pensa que esta oportunidade lle chegou grazas a Días Estranhos?
Sen ningunha dúbida. Primeiro cubrín para Vieiros o Festival de Cine de Donosti, no 2004 e no 2005 e, evidentemente, foi así porque eu tiña un blog antes, porque sabían como escribía e que podía facelo máis ou menos ben. E a partir diso naceu a colaboración. E coa Radio Galega pasou igual. É lóxico. A fin de contas, un blog é case como un currículo á vista. De todos os xeitos, coido que tampouco hai que ver o blog como unha plataforma para outra cousa. Non estou moi de acordo con esa idea de ver sempre a rede como o irmán pequeno, como un paso intermedio, e que o realmente importante é logo facer radio, prensa ou outra cousa. Internet é un medio suficientemente válido de seu, e se hai posibilidade de plantarse noutros medios... pois perfecto, pero se non, tampouco pasa nada.

O cine é un dos temas recorrentes en Días Estranhos, pero non o único. Por exemplo, tamén escribe moito sobre ciencia. Pensa que en Galicia é necesaria máis divulgación científica?
En Galicia e en todas partes. A información científica segue sendo a irmá pobre nos medios de comunicación. É moi curioso como os medios convencionais tratan as noticias científicas. Se alguén, nunha radio, un xornal ou unha televisión, confunde o autor dun libro ou o presidente dun país, entenderíase iso como un erro catastrófico. Porén, estamos habituados a ver como as noticias científicas están tratadas dunha forma totalmente paifoca, e con erros de vulto infames. Pensa na noticia que saíu sobre os "cuadrúpedos humanos" de Turquía: unha noticia absolutamente noxenta e racista á que lle deron un carácter de portada como se fosen o elo perdido da humanidade. Ese tipo de barbaridades non se consentirían en ningunha outra parcela da comunicación. En cambio, en ciencia trágase con todo. Fai falta máis divulgación científica, pero coido que debe saír dos propios medios e institucións. É dicir, é moi difícil que a divulgación científica se poida facer dende páxinas persoais, cando nin sequera nos medios públicos esa parcela está minimamente cuberta.

Outros temas que trata no seu blog son a música e a literatura infantil e xuvenil, e descúbrelles aos seus lectores, entre os que me atopo, novos grupos e libros que quizais doutra forma non coñeceriamos. Escribe con esta idea na mente?
Así é. Cando descobres algo que che gusta e tes a percepción de que non é moi coñecido, o que queres é espallalo. Tampouco son moi raro nos meus gustos, non son un gran descubridor de cousas exóticas, pero si hai grupos de certo prestixio internacional que en España non se coñecen moito aínda. Entón, si que é certo que un, cando fai as cousas, fainas con vocación de compartir. Todos facemos iso: cando un grupo nos gusta, gravámosllo aos amigos para que o escoiten e opinen. E agora iso pode facerse a través do blog.

Para rematar, só unha curiosidade: por que o nome de Días Estranhos?
E o título dunha película de Kathryn Bigelow, con Ralph Fiennes e Angela Basset. Paréceme un gran filme e, sobre todo, un gran título, porque, efectivamente, vivimos días estraños. É moi representativa dese cambio de era que todos estamos vivindo e que, en particular para os galegos, é especialmente intenso. Porque cómpre recordar que hai sesenta, noventa anos, aquí viviamos na Idade Media, literalmente. Estamos no século XXI e hai moita xente en Galicia que na súa vida pasou case da Idade Media, do arado romano, ao ciberespazo. Son cambios moi radicais en poucas décadas e unha representación perfecta de que vivimos días estraños, de que aínda nos falta perspectiva para entender as cousas que van sucedendo.

2006-04-27, 23:52 | 8 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/39471

Comentarios

1
De: ictioscopio Fecha: 2006-04-28 00:54

que ben falas :P



2
De: alfama Fecha: 2006-04-28 10:32

A entrevista gaña no blog, imaxino que tanto polo costume lector no medio, como polas ligazóns ;) Mais, e o retrato coa camisola do IES David Bujan? Terá que buscar outro documento gráfico para acompañar o texto, non?
Saúdos!





3
De: peke Fecha: 2006-04-28 13:32

Lina onte no Faro e íacho comentar, pero xa vexo que non fai falta. ;)



4
De: Pedro Lemos Fecha: 2006-04-28 18:02

Também me assustei com a reportagem sobre os "quadrúpedes humanos" .. parecia claro se tratar de um problema neurológico .. O problema é que a ciência pede que as pessoas "pensem" .. e pensar, nos atuais dias estranhos, está sendo cada vez menos uma qualidade "humana". :/



5
De: acedre Fecha: 2006-04-29 00:23

Ti si que sabes. Que ben describes un blogo. Notase que es un veterano no tema. E que sigas asi.
Un saudo.



6
De: sector az Fecha: 2006-04-29 02:53

maña deixoche o acordado, saudos



7
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-29 03:09

O acordado é o suplemento do Faro, que conste; que coa discreción e o misterio que o dixo case parecía un acordo estilo Corleone ;-)



8
De: dorfun Fecha: 2006-05-02 16:31

[cito]

Para empezar, é dabondo con dúas palabras

"Sempre" Máis ("Días Estranhos")



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.196.74.142 (bdb57ed074)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley