caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Extrarradio, 22 de abril
> Extrarradio, 22 de abril <

En vésperas do 23 de abril, no Extrarradio falamos coa encantadora Rosa Aneiros e lembramos grandes filmes construídos a partir de grandes libros, e para poñer a cousa máis difícil non nos limitamos ás novelas, senón que buscamos adaptacións dos xéneros máis diversos: ademais da narrativa, a poesía, o teatro e incluso o ensaio. Esta foi a media ducia recomendada hoxe:

Nosferatu, eine Symphonie des Grauens, de F. W. Murnau (1922): a adaptación inconfesa. Colles o Drácula de Bram Stoker, cambias os nomes dos personaxes e así aforras o pagamento de dereitos de autor. Á viúva de Stoker, Florence, non lle fixo ningunha graza; puxo unha denuncia e conseguiu que saíse adiante unha orde de destrución de todas as copias do filme. Por sorte para os cinéfilos para daquela xa fora distribuído internacionalmente e as copias no estranxeiro puideron sobrevivir á furia xudicial, e así hoxe podemos disfrutar dunha obra mestra protagonizada polo inquietante Max Schreck, un home tan feo que Murnau decidiu que non precisaba maquillaxe ningún para parecer apropiadamente espectral, que cunhas orellas puntiagudas e uns dentes falsos era dabondo. Poden descargar de balde e legalmente este filme en archive.org

The wizard of Oz, de Victor Fleming (1939): unha obra de referencia da literatura infantil de L. Frank Baum convertida en superclásico intemporal grazas a esta marabillosa versión cinematográfica. Quen non lembra o espantallo sen cerebro, o home de lata sen corazón e o león sen valor, e por suposto a Judy Garland cantando a fermosísima e oscarizada canción Over the rainbow, que estivo a punto de ser eliminada da película porque os produtores crían que a parte inicial en Kansas era demasiado longa? Gravada case en paralelo a Gone with the wind, coa que comparte técnicos e directores dentro do colosal xogo de cadeiras musicais que foi a rodaxe desas dúas superproducións, The wizard of Oz ofrece ao curioso unha serie inacabábel de anécdotas, entre elas o feito extremadamente perverso de que a troupe de ananos, os Munchkins, cobraran cada un 50 dólares semanais, menos da metade do que levaba o cadelo Totó.

The maltese falcon, de John Huston (1941): versión da xenial novela de Dashiell Hammett, un dos meus escritores de cabeceira. Humphrey Bogart, Mary Astor, Peter Lorre e Sidney Greenstreet movéndose arredor dun paxaro negro fabricado co material do que están feitos os soños. Poden escoitar un fragmento coas voces orixinais neste enderezo.

The raven, de Roger Corman (1963): calquera semellanza entre o mítico poema e esta película é pura coincidencia, pero formalmente é unha adaptación feita por Richard Matheson a partir do inesquecíbel texto de Poe, que poden escoitar aquí na voz de Basil Rathbone. A película de Corman é en calquera caso un delirio divertidísimo, con ese bizarro e magnífico enfrontamento final a golpe de maxia entre Vincent Price e Boris Karloff.

A brief history of time, de Errol Morris (1992): por se alguén pensaba que non sería capaz de atopar unha adaptación cinematográfica dun ensaio, e non precisamente lixeiriño, vaian e vexan ao mesmísimo Stephen Hawking coa colaboración do seu sintetizador de voz preguntándose qué foi primeiro, o ovo ou a galiña. A vida e obra do famoso cosmólogo nun extraordinario documental con música de Philip Glass feito por Errol Morris, un dos grandes cineastas do noso tempo.

Looking for Richard, de Al Pacino (1996): ou de como achegarse ao bardo de Stratford con atrevimento e valentía, conseguindo unha obra mestra capaz de contar a historia de Ricardo III e reflexionar sobre o teatro do dramaturgo inglés en menos de dúas horas. Al Pacino quería facer en principio unha versión máis convencional, pero como pensaba que non podería mellorar a que fixera Laurence Olivier optou por tomar algunhas liberdades. O resultado é, para min, a mellor adaptación de Shakespeare de toda a historia do cinema.

2006-04-22, 19:58 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/39329

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-22 21:16

Repróchame un amábel lector un certo sexismo polo feito de ter calificado de "encantadora" a Rosa Aneiros cando non acostumo a dicir cousas así dos outros cinéfilos convidados ao Extrarradio (dito sexa ao paso, todos o foron). Cren vostedes que en efecto non é conveniente dicir que unha muller é encantadora e fermosa, como se iso supuxera desprezar as súas por outra parte evidentes virtudes intelectuais?

E conste que isto que digo vale tanto para Rosa Aneiros como para a verdadeira musa do blogmillo.



2
De: sector az Fecha: 2006-04-22 23:04

Rosa Aneiros?!penso que nunca escoitara nada dela, seguiremola de perto dende agora



3
De: Vendell Fecha: 2006-04-22 23:18

A sección de hoxe foi espléndida, noraboa. E o programa é unha auténtica ledicia.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-23 18:55

Grazas, Vendell. É curioso, é a segunda persoa que me di que o espazo de onte lle pareceu especialmente bo, ou para ser máis exactos, mellor que os outros. Imos ter que chamar máis veces a Rosa Aneiros... ;-)



5
De: Txomin Nolohagas Fecha: 2006-04-26 20:03

Ti si ke me es arrebatador, rei.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.16.10 (f23115c6d6)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley