caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > EnBlogs06
> EnBlogs06 <

um



Aí está, por fin. O Eneko-trofeo do 20 minutos, pousado enriba do desgastado mostrador da Libraría Azeta, a punto de iniciar a metamorfose pola que deixará de ser un quiosco de barrio para se converter nunha tenda grandirma (e igualmente de barrio) na que os libros ocuparán un espazo privilexiado e se recuperarán vellos costumes, coma o de tomar café ao tempo que estás de palique cos amigos. Disque haberá tamén un oco para as presentacións literarias e os recitais poéticos, e mesmo para facer cousas divertidas. ¡Trema, Cortinglés!

Pois iso, que recollín o Enekiño pola mañá, na sede coruñesa do 20 minutos, un pisazo na rúa Torreiro de decoración máis mínima que minimalista. Con el fun cargando -e abofé que pesa- até Santiago de Compostela, para acudir ás sesións da tarde do EnBlogs06. Boto media soneca no tren e chego a iso das catro menos vinte, con tempo de parar perto do Toural e tomar un auga. Á miña esquerda, no mostrador do bar, acontece unha experiencia algo bizarra: unha muller consúltalle á camareira onde queda o Obradoiro. Até aí todo normal; non seremos eu e a miña nula capacidade de orientación os que non estrañemos desa pregunta. O verdadeiramente alucinante foi ver á camareira dicindo que non sabía e collendo un plano para verificar a resposta. Ela non era de Santiago, pero tampouco debía vir de máis lonxe que de Mazaricos, un supoñer, e ademais estou en condición de asegurar que levaba máis de quince días vivindo na cidade pois ese foi o tempo que tardou en aprender o nome do bar no que traballa, según dixo.

Ao pé de Raxoi (o pazo, non o que perdeu as eleccións) dou con opaco e aos poucos minutos aparece a sempre arrebatadora Rosa Aneiros como avanzada do grupo blogueiro de ponentes e asistentes que a esas horas aínda lle estaba dando ao licor café. Os efectos dos derivados do augardente non se notaron nada nas mesas redondas, moderadas coa eficacia esperada por goretoxo e ascárida. Non vou dicir nada do que alí se escoitou, porque xa o contou todo estupendamente Calidonia. Só dous comentarios: a Blogoteca non me parece unha novidade relevante, e menos con esa idea tan sospeitosa de que sexa "a comunidade de usuarios" a que decida quen ten blog e quen non para evitaren ter páxinas acollidas que se abren para dicir "olá mundo" (palabras case textuais). Non cheguei a comprender qué razón pode ter alguén para agardar o seu turno na Blogoteca podendo abrir un blog de balde e coa mesma simplicidade, póñanse como se poñan os de Abertal, no Blogger de toda a vida, onde ninguén se queixa se abres unha bitácora e a deixas aos dez minutos. A outra cousa que quería destacar é o ben que estivo a conferencia de Juan Varela, non tanto polo que contou como polo xeito no que o contou: de pé, sen parar quieto, meténdolle ritmo á charla, algo moi de agradecer cando se enfían as oito da tarde. Un tipo ben riquiño, que diría ascárida.

O mellor veu logo, no encontro do Casino no que houbo máis beers que blogs. Só por iso xa paga a pena que haxa un EnBlogs07, no que si sería desexábel unha maior presenza de bitacoreiros portugueses (e a ser posíbel que houbera algún bitacoreiro-bitacoreiro, non sei se me explico). Volvo para Coruña con dorfun, que tarde ou cedo conseguirá que eu use un lector de feeds, aínda que me tranquiliza saber que david martínez tampouco os emprega moito. Teño aínda tempo de achegarme até onde esperan BossaNova e Camiño París: no Bamba, o destino ritual dos mércores onde un acaba compartindo mesa cun senegalés de Dakar mentres cantaruxa cancións de Bob Marley interpretadas por un de Curitiba e outro que naceu en Brusque. O mundo, que é grande e diverso.

dois

Con isto si que eu hoxe non contaba... Noraboa, Pez!

2006-04-21, 13:22 | 8 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/39294

Comentarios

1
De: opaco Fecha: 2006-04-22 00:03

Ben polos moderadores, anque habería que dicir que o senhor goretoxo estaba ben falandeiro (cousas do licorka, supoño) ;-)



2
De: besbellinha Fecha: 2006-04-22 13:30

Noraboa de novo polo premio, máis envexa do Enblogs e unha preguntiña: onde queda a libraría esa??



3
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-22 16:30

Queda (e quedará, cando sexa aínda máis grande) no número 47 da rúa Posse, na praza que chaman, disque, González Dopeso.



4
De: sector az Fecha: 2006-04-22 22:56

espero que lle abonen a vostede a publicidade subliminal,moitas gracias polo agasallo



5
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-23 16:10

sector az, vostede e máis eu xa hai tempo que asumimos a nosa condición de persoal non asalariado ;-)



6
De: besbellinha Fecha: 2006-04-25 15:28

Tomo nota e irei visitala, que non sabía da súa existencia.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-26 00:36

Mellor agarde unhas semanas, besbellinha :-)



8
De: Catuxa Fecha: 2006-04-26 23:59

A muller da empanada mental que preguntaba pola praza do obradoiro son eu... sen comentarios que a camareira non soubera que era a praza do obradoiro :)

Un pracer poder conocelo, figura



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.145.118.24 (5dc49f1f81)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley