caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Road movies
> Road movies <

Mañá comeza un novo ciclo de cine organizado pola Fundación Caixa Galicia dedicado ás road movies e que poderá verse nas sete sedes que esta entidade ten en Galiza: A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. En cada unha desas cidades o primeiro pase irá precedido por unha conferencia-presentación que correrá a cargo de xente de recoñecido prestixio, como Suso de Toro, Miguel Anxo Fernández ou José María Folgar de la Calle, agás no caso de Lugo, que o presento eu. Son oito filmes en total, todos eles moi recomendábeis e algúns verdadeiramente imprescindíbeis, que lles comento agora en orde cronolóxica de rodaxe:

Ocorreu unha noite (It happened one night): unha pobre muller rica e un xornalista na procura dunha historia que contar; o amor, por suposto, acabará nacendo entre eles. Unha comedia modélica e audaz de Frank Capra cun Clark Gable arruinando aos fabricantes de camisetas e unha Claudette Colbert aprendéndonos a facer auto-stop. Gañou os cinco Oscars principais -película, director, guión, actor e actriz protagonista-, un fito que non se repetiría até corenta anos despois con Alguén voou sobre o niño do cuco.
As uvas da ira (The Grapes of Wrath): a demostración de que é posíbel coller unha obra mestra da literatura e convertila nunha obra mestra do cinema. Un prodixio máis nunha carreira, a de John Ford, inzada de pezas deslumbrantes. Un retrato valente e revolucionario da América da depresión que serve por si só para desbotar dunha vez por todas a absurda fama de ultraconservador do xenial director irlandés. Garden na súa memoria as palabras de Tom Joad/Henry Fonda: Wherever you can look - wherever there's a fight, so hungry people can eat, I'll be there. Wherever there's a cop beatin' up a guy, I'll be there. I'll be in the way guys yell when they're mad. I'll be in the way kids laugh when they're hungry and they know supper's ready, and when the people are eatin' the stuff they raise and livin' in the houses they build - I'll be there, too.
Dous na estrada (Two for the road): o filme favorito da miña amiga Fanny Brice. Segue sendo hoxe unha obra arrebatadoramente moderna. Imposíbel non sentirse moi cercano a Albert Finney e a Audrey Hepburn, protagonistas deste sensacional retrato sobre o amor e o desamor.
Buscando o meu destino (Easy rider): inevitábel nun ciclo coma este. Non é unha gran película, pero hai que vela.
O demo sobre rodas (Duel): a primeira longametraxe de Steven Spielberg, moito antes de que lle entrara a conciencia social e política, pero tamén antes de que se volvera insoportabelmente convencional. A do camión, xa saben.
Un mundo perfecto (A perfect world): detesto a Kevin Costner. A Clint Eastwood non, pero tampouco atopo nel nada que me interese especialmente. Un mundo perfecto gústalle a algunha xente intelixente; non son eu deses, pero vaian vela, por se acaso.
The Straight story (Unha historia verdadeira): alguén definiuna coma unha "road movie a corenta kilómetros por hora". David Lynch pon roupas clásicas sen traicionar ese universo persoal seu sempre tan estimulante. Unha fermosísima xoia.
Entre copas (Sideways): un dos maiores éxitos do cinema independente dos últimos anos. Alexander Payne é un excelente guionista, autor dunha xenial sátira do sistema electoral americano chamada Election. O único problema de Entre copas foi o feito de chegar até nós cunha colección de premios e boas críticas tan xigantesca que era difícil non sentirse un chisco decepcionado ao vela. Vaian sen prexuízos, e a ser posíbel sen moita información, e descubrirán unha magnífica comedia con toques lixeiros de amargura.

2006-04-17, 19:59 | 15 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/39185

1
De: chuza.org Fecha: 2006-04-18 11:42

Road movies: «novo ciclo de cine organizado pola Fundación Caixa Galicia dedicado ás road movies e que poderá verse nas sete sedes que esta entidade ten en Galiza: A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. En cada unha desas cidades o prime»



Comentarios

1
De: alfama Fecha: 2006-04-17 20:25

Ola, Martin (son eu, Elsa Bannister, Sarah Miles, recordas??) Invado agora tamén o blog... Fantástica visión sobre os filmes, sobre o ciclo, grazas por recollelo. Xa sabes que non concordo co de Eastwood, mais apoio totalmente o de Costner. Mi, ma, o que tal nos agarda en Lugo!!!!!!.
Vemonos, mañá. À bientôt!



2
De: jorge Fecha: 2006-04-17 21:15

*Encontro en falta algún comentario sobre a traducción (elección) do título en español de Easy Rider, ¿quén foi o reaccionario que o decidiu? Por outra parte esa película foi a primeria e usar RnR na súa banda sonora e creo que iso debía ser tido en conta, non, non é unha obra maestra pero demostrou que había outra forma de facer cine e definiu un tipo de xente ó marxe do sistema que ninguén definira ainda.
*A mín pareceme moi boa a de Spielberg, creo que foi capaz de transmitir claustrofobia nunha película que transcorre ó aire libre, impresionante. Non sei ónde lín que se deixara influir polo corto "La cabina" de Mercero.
*No caso de "Un mundo perfecto" a mín si me gusta, e non me cae ben KC pero creo sinceramente que esa era a intención de Eastwood, incluso vexo algunha similitude coa parella de criminales de "A sangre fría", si, xa sei que aquí un deles dura pouco pero ... Tamén creo que quere decir que esa situación extraordinaria foi a única capaz de sacar ó rapaz dese mundo de vivir a medias no que estaba metido.
*¿Podería alguén decirme porque a trama da película "Las uvas de la ira" acaba antes ca a do libro? ¿Foi por metraxe, presións, decisión de Ford? Por favor, é unha dúbida que teño desde que coñezo as dúas obras.



3
De: M.A.Fernández Fecha: 2006-04-18 00:10

O primeiro, agradecer a Martin o seu "de recoñecido prestixio" no que min respecta. Só son un modesto militante do cinema. Sin entrar a valorar as apreciacións sobre o ciclo (que me parece excelente, noraboa para Yolanda López pola súa magnífica escolla), que unhas compártoas e outras menos (como debe ser, que no cine o pensamento único non pode ser e ademais é imposible...), outra noraboa para todos quen participedes del como espectadores. Doulle a Jorge resposta sobre o que pregunta de Ford. Non hai moitas declaracións súas arredor do filme, pero dille a Bogdanovich en JOHN FORD (Fundamentos, edición do 1971, pero penso que estará reeditado), que foi Zanunck quen o chamou e "tiña un bo guión", que lle interesou a Ford porque gardaba semellanzas con algo parecido ocorrido na súa Irlanda de orixe. Con relación ao final di "que queríamos ver qué diablos pasaba con la madre, el padre y la chica; la madre tenía un pequeño soliloquio que estaba bien". Debes ter en conta que Ford era moito Ford e limitouse a "reinterpretar" a Steinbeck, naturalmente de xeito maxistral.
Un saúdo. Miguel Anxo.



4
De: mourullo Fecha: 2006-04-18 00:36

Haberá que ir ;-)



5
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-18 01:00

Intentarei resolver esas e outras dúbidas sobre As uvas da ira de aquí ao 3 de maio, pero para empezar é bo reproducir as palabras do mesmísimo John Steinbeck, quen tras ver o filme en decembro de 1939 dixo o seguinte: "Zanuck fixo algo máis que cumplir coa súa palabra. Fixo unha película dura e directa na que os actores metéronse tan intensamente nos seus papeis que parece un documental de grande veracidade. Non morde a lingua, de feito nas súas pasaxes descriptivas resulta con moita diferenza máis dura que o libro. Parece incríbel, pero é verdade".

O libro de Steinbeck estaba mesmo prohibido en algúns estados, e é certo que a rodaxe do filme topou coa oposición dalgúns estamentos, como a Cámara de Comercio e o Consello Agrícola de California; pero contou co apoio entusiasta do produtor Darryl F. Zanuck. Ademais, As uvas da ira foi unha película barata, rodada en tan só 43 días. Funcionou moi ben en taquilla e colleitou críticas tremendamente positivas, entre elas unha de Frank S. Nugent, que despois se convertiría en guionista do propio Ford.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-18 01:09

Por certo, aproveito para dicir que de Clint Eastwood gústanme moito Sin perdón, Medianoite no xardín do ben e do mal e Million Dollar Baby. Hai algunhas máis que salvaría da queima, como Bird ou Cazador branco, corazón negro, ou mesmo esa tan reaccionaria chamada Mystic river.

Ningunha delas, en calquera caso, formaría parte dunha lista das miñas cincocentas películas favoritas.



7
De: MikelAnyelo Anti-Onioni Fecha: 2006-04-18 01:41

Na miña opinión, outras pelis de Eastwood moi boas son:
The Outlaw Josey Wales (1976)
Pale Rider(1985)
White Hunter Black Heart (1990)
A Perfect World (1993)
Por certo, xa que comenta Miguel Anxo Fernández, aproveito para preguntarlle cal é a razón pola que, sabendo tanto de cine e criticando tanto, nunca se lle deu por escribir un guión ou dirixir obras mestras.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-18 02:31

Pois non sei se Miguel Anxo Fernández quererá responder, pero eu non vexo razón algunha para ver como "natural" o paso da crítica de cine á dirección, do mesmo xeito que un crítico de arte non ten necesidade de poñerse a pintar ou esculpìr. Ninguén precisa escribir novelas para avaliar se un libro é bon ou malo. Esa visión dos críticos como "artistas frustrados" non deixa de ser un tópico bastante parvo.



9
De: jorge Fecha: 2006-04-18 08:53

Totalmente de acordo có comentario 8 de Mr. Pawley porque ademáis non recordo a nadie recriminándolle ós comentaristas deportivos que se lancen a xogar ó fútbol ou a Enrique Meneses que encabece unha lista electoral, en cambio no asunto do cine ou a música sempre se sae por ahí.
Por favor que ninguén olvide que ver o apreciar o talento dos demáis tamén é un talento.
Saúdos e gracias polas aclaracións sobre a miña dúbida.



10
De: Miguel Fecha: 2006-04-18 10:49

Onde se poden ver as datas e os horarios ?



11
De: Martin Pawley Fecha: 2006-04-18 12:30

Pois aquí mesmo:

A CORUÑA
18 de abril, 19:30h -> Conferencia inaugural "O camiño do fillo", de Suso de Toro
18 de abril UN MUNDO PERFECTO
24 de abril EASY RIDER (BUSCANDO O MEU DESTINO)
8 de maio UNHA HISTORIA VERDADEIRA
15 de maio ENTRE COPAS
22 de maio O DEMO SOBRE RODAS
29 de maio AS UVAS DA IRA
5 de xuño DOUS NA ESTRADA
12 de xuño OCORREU UNHA NOITE

Sede da Fundanción Caixa Galicia
Cantón Grande, 21-24
20 horas

SANTIAGO DE COMPOSTELA
2 de maio, 19:45h -> Conferencia inaugural: "As murallas de Xericó: unha viaxe ao fin da inocencia", por Ángel de la Cruz
2 de maio OCORREU UNHA NOITE
9 de maio ENTRE COPAS
16 de maio UNHA HISTORIA VERDADEIRA
23 de maio AS UVAS DA IRA
30 de maio DOUS NA ESTRADA
6 de xuño EASY RIDER (BUSCANDO O MEU DESTINO)
13 de xuño O DEMO SOBRE RODAS
20 de xuño UN MUNDO PERFECTO

20:15 h
Sede da Fundación Caixa Galicia
Rúa do Vilar, 19

OURENSE
9 de maio. 19:30h -> Conferencia inaugural: “O movemento e a itinerancia no cine de Hollywood” por Miguel Anxo Fernández
9 de maio OCORREU UNHA NOITE
16 de maio AS UVAS DA IRA
23 de maio DOUS NA ESTRADA
30 de maio EASY RIDER (BUSCANDO O MEU DESTINO)
6 de xuño O DEMO SOBRE RODAS
13 de xuño UN MUNDO PERFECTO
20 de xuño UNHA HISTORIA VERDADEIRA
27 de xuño ENTRE COPAS

20:00
Centro Sociocultural Caixa Galicia
Rúa Xoan XXIII, 31–soto

VIGO
4 de maio. 19:30h -> Conferencia inaugural: “A súa historia é o seu camiño” por Ramón Rozas
4 de maio DOUS NA ESTRADA
11 de maio EASY RIDER (BUSCANDO O MEU DESTINO)
18 de maio O DEMO SOBRE RODAS
25 de maio UN MUNDO PERFECTO
1 de xuño OCORREU UNHA NOITE
8 de xuño UNHA HISTORIA VERDADEIRA
15 de xuño AS UVAS DA IRA
22 de xuño ENTRE COPAS

20:00 h
Sede da Fundación Caixa Galicia VIGO
Rúa Policarpo Sanz, 21

LUGO
3 de maio. 19:30h -> Conferencia inaugural: “A pobreza e o éxodo. Os camiños da vida” por Martin Pawley
3 de maio AS UVAS DA IRA
10 de maio DOUS NA ESTRADA
24 de maio OCORREU UNHA NOITE
31 de maio UNHA HISTORIA VERDADEIRA
7 de xuño UN MUNDO PERFECTO
14 de xuño ENTRE COPAS
21 de xuño EASY RIDER (BUSCANDO O MEU DESTINO)
28 de xuño O DEMO SOBRE RODAS

20:00 h
Sede da Fundación Caixa Galicia
Praza de Santa María, s/n

FERROL
8 de maio, 19:30h -> Conferencia inaugural: “O automóvil no cinema. Notas a propósito de Duel” por José Mª Folgar de la Calle
8 de maio O DEMO SOBRE RODAS
15 de maio UN MUNDO PERFECTO
22 de maio UNHA HISTORIA VERDADEIRA
29 de maio ENTRE COPAS
5 de xuño OCORREU UNHA NOITE
8 de xuño AS UVAS DA IRA
12 de xuño DOUS NA ESTRADA
15 de xuño EASY RIDER (BUSCANDO O MEU DESTINO)

20:00 h
Sede da Fundación Caixa Galicia
Praza da Constitución s/n

PONTEVEDRA
2 de maio. 19:30h -> Conferencia inaugural: “¿Qué entendemos por road movie?” por Isabel Sempere
2 de maio UNHA HISTORIA VERDADEIRA
9 de maio AS UVAS DA IRA
11 de maio UN MUNDO PERFECTO
18 de maio OCORREU UNHA NOITE
23 de maio EASY RIDER (BUSCANDO O MEU DESTINO)
30 de maio O DEMO SOBRE RODAS
1 de xuño ENTRE COPAS
8 de xuño DOUS NA ESTRADA

20:00h
Sede da Fundación Caixa Galicia
Café Moderno. Praza de San Xosé, 3



12
De: IaRRoVaWo Fecha: 2006-04-18 13:40

Pois a ver se me podo pasar por Compostela ou por Pontevedra, polo menos a ver algunha desas obras.

Por certo, Pawley, ti xa es xente de recoñecido prestixio :).

Saúdos.



13
De: M.A.Fernández Fecha: 2006-04-18 23:15

A propósito do asunto do critico metido a cineasta. Certamente non é obrigatorio. De feito moitos críticos veríanse seriamente afectados como tales se finalmente as súas películas resultan uns croios... Ben, en serio. Hai un termo medio. Criticos como Bogdanovich, Truffaut, Chabrol, Anderson (entre moitos outros), foron excelentes críticos e despois fixeron maravillosas películas. O caso español é máis singular. Velaí xente como Camus, Cuerda, Trueba... Foron críticos e como directores tampouco lles foi mal.No caso meu, sería un atrevido se me metera a dirixir. Iso non quita que teña algún guión por aí (sen materializar, claro), o máis recente un sobre relatos do meu libriño O SABRE DO FRANCÉS. E non esquezades que estamos en Galicia, onde facer unha película e unha odisea...
Saúdos a todos.



14
De: Gusa Fecha: 2006-04-19 09:02

Por certo, vas "colgar" a conferencia que vas dar en Lugo en algures? Dígoo polos que non poderemos ir.
Saúdos!



15
De: sHs Fecha: 2006-04-19 14:38

A ninguén se lle ocurriu poñer "Radio On"?, ou, en atención á paridade "Pelma e Louise"?



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.224.230.51 (75e616cf27)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley