caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Blaxploitation
> Blaxploitation <

A morte do director de Shaft, Gordon Parks, a quen xa lle dedicamos un post hai uns días, serviunos hoxe de escusa no Extrarradio para achegármonos ao curioso mundo da blaxploitation, o nome co que foron designados os filmes producidos a principios dos anos 70 nos Estados Unidos e dirixidos maioritariamente a unha audiencia negra. Cine feito con máis vocación comercial que artística, a blaxploitation non deixa para a historia ningunha obra especialmente valiosa, e hoxe o seu interese é sobre todo sociolóxico. Na maior parte dos casos tratouse de películas inzadas de estereotipos e xeneralizacións perversas, cheas de brancos racistas e corruptos e con actores afroamericanos como protagonistas de relatos nos que o mundo das drogas e a prostitución acostumaban a estar moi presentes. Tamén abundaron as versións de títulos moi coñecidos do cinema adaptados ao particular estilo do xénero; xurdiu así un Blacula, un Blackenstein e mesmo houbo unha muller posuída polo demo e finalmente exorcizada no chan dunha discoteca, facendo compaña ás intrépidas Cleopatra Jones e Foxy Brown e a toda unha serie inacábabel de chulazos de pel escura. A blaxploitation foi útil por darlles máis tempo en pantalla aos personaxes de homes e mulleres negros, pero na práctica seguía reproducindo uns roles agresivos e hipersexualizados non moi afastados da máis noxenta mitoloxía racista ianqui.

O título fundacional da blaxploitation é Sweet Sweetback's Baad Asssss Song, filme á cuxa produción se entregou de xeito obsesivo o seu director, guionista e montador Melvin Van Peebles. Feita case sen cartos e grazas ao apoio financeiro de Bill Cosby, Sweet Sweetback's Baad Asssss é un exemplo de como rodar unha película sen medios, recorrendo a solucións bizarras como a contratación de profesionais non sindicados para aforrar soldos ou a participación de xente da propia familia, incluído o seu fillo Mario na tremenda escena inicial na que o protagonista perde a virxinidade sendo aínda un cativo. O filme foi un éxito colosal, tan grande que hai quen asegura que o detective de Shaft mudou de branco a negro durante a escritura do guión para sumarse ao carro do éxito. Hoxe é difícil aturala enteira, pero non lle podemos negar a Melvin Van Peebles unha certa audacia visual adquirida nos seus anos de aprendizaxe europea, e mesmo cabe recoñecer algúns sinais godardianos no seu gusto pola montaxe abrupta.

O fillo de Melvin, Mario Van Peebles, dirixiu trinta e tres anos despois unha espléndida película que reconstrúe aquela difícil rodaxe, Baasasssss! How to Get the Man's Foot Outta Your Ass. Filme moi recomendábel polo que conta e por como o conta, Baadasssss! ten ademais un fascinante aquel freudiano nesa idea de ver a un fillo revisando a personalidade do seu pai, retratado coma un home arrogante e despreocupado polos demais, capaz de calquera cousa con tal de levar adiante os seus propósitos, pero que no fondo é un sentimental que quere incondicionalmente ao seu fillo aínda que non o demostre demasiado. É especialmente interesante o tratamento que Mario Van Peebles dá desa escena inicial antes citada e da que el mesmo foi protagonista (ou vítima) de neno. Baadasssss! acaba sendo, pois, un exercizo catártico de cinema dentro do cinema, un axuste de contas co pasado feito con agarimo e xenerosidade.

2006-03-11, 19:08 | 2 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/38167

Comentarios

1
De: mourullo Fecha: 2006-03-13 18:59

Perdoe, señor Pawley, que non veña a conto (ou si?), pero lin un comentario do alegre poeta e editor nesta entrada e lembreime de vostede.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2006-03-13 19:04

Máis rigorosa, máis elegante, máis culta... e só lle faltou engadir "non coma antes" ;-)

Benvido sexa o Marcos Valcárcel, en calquera caso, aínda que o que verdadeiramente precisa a blogosfera galega é a grandes intelectuais e poetas coma o propio Fernán Vello, gloria das nosas letras e editor ousado, audaz e valente onde os haxa.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.92.180.46 (3720b17153)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley