um
Un cátering moderno: cilindros de vidro con tiras de xamón deitadas enriba cheos de anacos de pan e uns dados de salmón e queixo sobre unha superficie metálica ondulante, coma un tellado de uralita, adornado con pétalos de flores. Entre sorbo e sorbo de cervexa éntranme saudades daqueles tempos nos que as bandexas eran rectangulares e lisas.
dois
Ceo con
Cesare na
tasca senegalesa da Coruña e pregúntolle polos días inacabábeis/inesquecíbeis que pasou en Dakar. Papamos unha fonte de fideos con carne e outra de arroz con peixe, tamén coñecido polo nome de
arroz con peixe tal e como nos advirte o amábel home que nos atende. Xa case acabamos cando chegan
Irene ri e
Ben Harper, que se apuntan a eses mesmos pratos aínda que só sexa por seren os únicos que hai. Fora caen chuzos. A falta dunha hora para a medianoite decidimos cruzar o océano, da África até o Brasil, ao
Bamba, claro, destino sistemático dos trasnoites dos últimos meses. A carón nosa alguén que se pasou coas copas fai tai-chi de mans sen despegar o cu da cadeira. No cenario Rodrigo canta e Andrey, que fai
versións de Lenine mellores que as de
Lenine, toca a guitarra. Fanse chamar
Black Bum; son sete ou oito en total, incluíndo a voz fermosa de Lucía e as retrasmisións deportivas do Emilio. Actúan alí todos os domingos, disque. Marchamos un chisco antes de que acaben, cedo para os nosos estándares noctámbulos, tarde para o que dicta o sentido común, despois de hora e media longa de música, conversa e caipirinhas.
três
Oh, ceos! é o nome da nova e coma sempre excelente exposición inaugurada na
Casa das Ciencias, resumo doutra moito maior exhibida no
macromuseo de Valencia que dirixe
o mellor divulgador do que se ten noticia en España. Paso sen moito interese por diante dos módulos que consisten en pantallas e ordenadores, un refugallo desa manía por unha aparente pero na práctica case nula interactividade que estivo tan de moda a fins de século, cando a xente aínda se sorprendía coas posibilidades do hipertexto. Eu prefiro os
módulos para fuchicar: o simulador de fases lunares, a bomba de baleiro que revela o verdadeiro sonido do espazo ou a esfera xiratoria que nos permite fabricar borrascas e diante da cal é imposíbel non preguntarse,
como Jerome en Gattaca, que tal está Titán nesta época do ano.
¶