caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Derrubar prexuízos
> Derrubar prexuízos <

O meu amigo Xabier acostuma a dicir que non entende qué graza nos pode ter aos ateos cagarnos en Dios, algo que, obviamente, só debera ser estimulante para os que cren nel. Para nós blasfemar tiña que ser unha cousa sen chiste ningún. Os deuses, ao igual que os Reis Magos ou o Rato Pérez, son só almacéns nos que algunha xente -bastante, para que negalo- deposita as súas ilusións. Certo que ao redor deles creouse unha estrutura represora de poder noxenta de seu, pero iso non invalida a liberdade de cada persoa para desprenderse de cando en cando da súa racionalidade en favor da fe. A fin de contas, a maior parte das cousas que facemos e das que gostamos non responden a criterios facilmente racionalizábeis.

Eu o que quería era escribir un post sobre o tema ese de Mahoma e as viñetas, pero realmente non sei ben que contarlles. A defensa da liberdade de expresión vén en min de serie, e en calquera caso non creo que estea en perigo nin que vaia necesitar do meu apoio. Reivindicado sexa o dereito de todos a dicir e facer estupideces, mesmo en forma de caricaturas que despiden un desagradábel cheiro a ignorancia e desprezo; pero non esquezamos que o dereito a comportarse como un estúpido non fai de alguén menos estúpido. O único que teño claro nesta cuestión é que, en liñas xerais, todo isto paréceme un asuntiño menor. Cativiño, pequerrecho, ridículo, unha tormentiña nun vasiño de auga (suxa). A outra cousa que teño clara é que Xosé Manuel Pereiro é o mellor columnista de prensa, e omito xa o de "galega" porque non sei de ninguén por aí por fora que faga uns artigos con tanto sentidiño coma os seus. Reparen neste, por exemplo, e tamén naquel.

Teño a crecente sensación de que esta Europa que estamos construíndo é unha puta merda. E non había necesidade, realmente, de que así fora, pero mentres a unión se basee en criterios destrutivos máis que construtivos ("en que nos diferenciamos dos outros", en vez de "que é o que temos en común"), nada haberá nela que pague a pena, alén da comodidade de cruzar a fronteira e poder pagar coa mesma moeda. Tamén teño a convición íntima de que a promoción do medo é extremadamente eficaz para conseguir sociedades acríticas, dispostas a darlle aos seus governantes aterradores cheques en branco. Diso falaba Bowling for Columbine, e cando a vimos, alá no 2003, parecíanos que falaba dun universo moi distante, ese no que viven tantos ianquis paranoicos.

Todo o que non contribúe a derrubar prexuízos contribúe a perpetualos. Por iso lles recomendo vivamente que vaian ao cinema, se é que andan por Santiago. Eu, a esas horas, andarei escoitando ao bo do Márcio, na procura musical diso que dei en chamar a perspectiva Brusque.

2006-02-09, 02:15 | 1 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/37291

Comentarios

1
De: caravelete Fecha: 2006-02-09 10:37

Realmente empeñámonos en desmentir cos nosos actos o que -lexítimamente- proclamamos. Demandamos liberdade de expresión, cultura da paz e o entendemento... e o parlamento italiano autoriza o uso de armas para a defensa propia, TVE programa debates sobre a inseguridade cidadá, o aumento e a maior violencia dos atracos... créase un clima, propíciase un estado de opinión, e o de Columbine está cada vez maís preto. Para min os islamistas non teñen o máis mínimo dereito a queixarse polas viñetas, pero mirando para o meu contorno non me sinto lexitimado para demandárllelo.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.145.101.33 (5f7326eaf9)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley