Atendendo a amábel petición de
peke, aquí lles poño a miña lista de manías, teimas e costumes:
-Mordo as unllas. Mellor dito, mordo os pelexos que quedan ao borde de onde deberan estar as unllas, reducidas xa á mínima expresión.
-Dame moitísima grima o tacto do
poliexpan, e tamén o ruido que resulta ao frotalo.
-Non teño, en xeral, medo ás alturas, sempre e cando me considere "suficientemente protexido". Podo pasear e asomarme sen problema ningún por toda clase de terrazas, azoteas, balcóns ou miradores. Porén, non podo ver a un adulto cun neno no colo perto dunha xanela aberta, por exemplo, mesmo aínda que haxa unha distancia de seguridade máis que prudente. Danme calafríos só de pensalo, fenómeno este que merece ser chamado
"vertixe allea".
-Detesto os libros de tapa dura, a non ser que se trate de obras especiais ou singulares. Prefiro os de capa branda, pero non soporto que aparezan enrugas no seu lombo, así que procuro lelos sen abrilos demasiado para que non lles saian marcas. Brandos si, pero impolutos.
-Evito que nas tendas me dean bolsas a non ser que sexa estrictamente preciso, porque logo
non son quen de desfacerme delas. As caixas de cartón, a pouco que sexan algo bonitas, tamén me inspiran equivalentes sentimentos conservacionistas.
Ademáis, escribo sempre con estilográfica (xa case non sei manexar ben os bolígrafos) e cando vou ao cine acostumo a sentarme nas primeiras filas, na segunda ou na terceira a ser posíbel, e mellor nos extremos, non no centro, pero isto non é verdadeiramente unha manía xa que ten explicación: a maior parte da xente non soe sentar nesas butacas, co cal sempre hai máis espazo ao meu redor e podo estarricar o corpo a pracer.
¶