caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > A vida por diante
> A vida por diante <

Pois, honestamente, non hai queixa: a aposta de facer un dramón para o prime-time era arriscada, e os resultados iniciais francamente satisfactorios. Respecto doutras producións feitas en Galiza para televisión supón un salto estético e temático xigantesco, cun tratamento formal serio e un nivel interpretativo en liñas xerais bastante bo (se me permiten a maldade, diría que sorprendentemente bo). Non é a HBO, está claro, pero tampouco o son as series que fan en TVE, en Antena 3 ou en Telecinco, incluída esa birria indixesta escrita e dirixida polo empalagoso Juan José Campanella. Entre as cousas a corrixir de A vida por diante, a actuación innecesariamente robótica de Mela Casal e Lino Braxe, un home que actúa tan ben como escribe. O mellor, Belén Constenla e a inesperada solidez de Berta Ojea, quizá cun exceso de bágoas para un primeiro episodio.

2006-01-11, 01:40 | 24 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/36437

Comentarios

1
De: Cayo... Fecha: 2006-01-11 04:41

Bem... Isso deve se ro equivalente as novelas aqui no Brasil...
hehehe...

Martin, achoq eu consegui colocar o Vídeo na rede...
Acesse o blog
http://www.quadrilhadrummond.blogspot.com e confira...

Abraços e até...



2
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-12 15:04

Publico aquí esta reflexión urxente que mandei a un amigo por e-mail e que dará pé en breve a un post algo máis longo sobre o estilo e as formas narrativas en televisión, ou de como converter o posíbel en necesario. Cun pouco de sorte até consigo que me entendan, pero iso será dentro duns días.

"A vida por diante" sorprendeume gratamente. Non é que vaia revolucionar a historia da televisión, nin moito menos, pero hai que entendela no seu contexto, e o contexto non é xa "España", un lugar onde unha pretenciosa ñoñez como "Vientos de agua" pasa por televisión de calidade, senón "Galiza", a terra dos "Pratos combinados" na que durante tantos anos houbo tanta preocupación pola boa fonética dos actores que esquecían a necesidade de actuaren ben. O problema de "A vida por diante" é que debe valer para min e para os que ven "Luar", e iso nótase nos resultados; penso por examplo nesas "escenas de ensoñación", cando Mela Casal imaxina que lles van dicir que atoparon aos homes vivos, ou cando Berta Ojea rememora ao marido abrazándoa fronte ao espello: as dúas están resoltas dun xeito moi simple, con corte directo e a escena que volve outra vez ao principio pero agora co resultado real (a noticia é que non se sabe nada ou que morreron, non lembro, e na de Berta é a filla que entra pola porta). É o recurso máis primario, pero tamén é certo que hai un tipo de espectador da galega dunha certa idade e que ve a tele mentres bota unha soneca no sofá, ao cal se llo contas doutra maneira nin se entera (imaxinen aparicións periódicas e naturais dos "mortos" ao estilo "Six feet under"... moitos espectadores deixarían de saber se os mariñeiros están vivos ou non).

Hai un elemento moi interesante na serie, que é a introdución de tempos mortos, algo que en TV non abunda por esa disparatada manía polo ritmo, entendido como "que a cámara se mova e que alguén fale, aínda que non teña nada que dicir". As series convencionais son demasiado discursivas, fálase de máis, explícase todo demasiado. Se un personaxe está só nunha habitación, acaba dicindo algunha parida en plan teatral ("Como te boto de menos!", "Que será de min agora!", etc). Ninguén se atreve a reflectir a realidade: unha persoa pode pasar horas e horas só nunha casa sen dicir nin mu, así que non ten porque dicir a primeira parvada que se lle pase pola cabeza ao entrar nun cuarto. Neste "A vida por diante" hai un tímido intento de introducir escenas nas que os personaxes non fan nada relevante para a acción xeral, pero que son moi útiles para crear un determinado ritmo "natural", cercano ao da vida (regan o xardín, toman as medicinas, etc). Os intérpretes son, en xeral, bastante bos, aínda que non entendo a que vén que Mela Casal, a viúva enferma, pase todo o tempo cunha estraña mueca na cara, nin a solemnidade tristona de Lino Braxe, o dono do barco. Haberá que ver como segue, porque agora vén a parte difícil; a fin de contas, este primeiro episodio "non é estrictamente necesario": a historia podía ter comezado cunha noticia no telexornal sobre un barco que afunde, e xa estaba, sen ver nin o barco nin os maridos...



3
De: Señor Carisma Fecha: 2006-01-12 16:02

Espero "ese post algo máis longo sobre o estilo e as formas narrativas en televisión, ou de como converter o posíbel en necesario" con impaciencia, pero moito me temo que se che nota que nunca traballaches en ninguna película ou serie de TV. Baixa da torre de marfil, anda.



4
De: Vendell Fecha: 2006-01-12 16:14

Nunca vira a TV pensando.



5
De: Cat Morgan Fecha: 2006-01-12 20:41

¿Por qué dí iso Señor Carisma?... Eu sí traballei nalgunha serie e película e estou bastante dacordo con todo o que dí Pawley. O malo é que polas suas palabras entendo que vostede sí que traballou nalgunha é dame medo que utilice expresións como "baixa da torre de marfil, anda" cando alguén se refire en definitiva á televisión de calidade.



6
De: Cat Morgan Fecha: 2006-01-12 20:46

E con iso non quero dicir que "A vida por diante" sexa televisión de calidade... pero entendo o que quere dicir Pawley con eses exemplos concretos do bo e o malo da serie.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-13 11:41

Señor Carisma, tampouco traballei nunca no cine, e iso non é importante para ter ou non criterio sobre os filmes que vexo; nin pertenzo ao mundo da edición, e teño unha idea clara do que me gusta dun libro e o que non. E o mesmo coa música.

En calquera caso, non esqueza que un fontaneiro pode ter experiencia suficiente para xulgar o estado dunhas cañerías, pero iso non significa que debamos fiarnos del á hora de decorar o noso cuarto de baño.



8
De: Señor Carisma Fecha: 2006-01-13 11:52

Di Pawley que na tele hai "unha manía disparatada" contra o ritmo. Sinceramente, cando chego de currar préstame máis ver Aquí no hay quien viva que algo de Antonioni. Pero claro: son masa e gústame. Non estou de acordo con Pawley porque non me atrevo a dar recetas para todo con tanta alegría. Pawley non se refire á tele de calidade; na miña opinión, refírese a unha tele que só lle gusta aos progres, e nin eso.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-13 12:13

Hai vinte anos, cando só había unha televisión, a xente chegaba de currar e vía grandes películas de Hitchcock, Wilder ou Fritz Lang (e mesmo dun tipo tan serio como Alain Resnais), que acadaban cifras de audiencia (certo que obrigadas pola falta de oferta) que nunca conseguirá "Aquí no hay quien viva". Polo demais, que algo acade grandes éxitos de audiencia ou de venta non implica nada sobre a súa calidade, que é do que se fala, entre outras cousas porque un espectador pode estar vendo e disfrutando dun verdadeiro bodrio e ao mesmo tempo ser conscente de que iso que ve é, en efecto, un bodrio.

Os "progres" eses que cita non sei quen son. E por certo, eu receitas, aquí, non dei ningunha. Non lle dixen a ninguén como ten que facer TV: cada un que faga o que lle pete, vostede incluído, pero logo non me reproche a miña liberdade para dicir que o que botan é bo, malo ou regular.



10
De: El PaleoFreak Fecha: 2006-01-13 12:20

Bonito torus supraorbitario el de la homínida de la izquierda. Atractivo y sutil prognatismo mesofacial en la de la derecha.



11
De: Señor Carisma Fecha: 2006-01-13 12:31

Antes, antes, antes... Iso soa a reaccionario, pero podo entendelo. Seguro que a Wilder lle gustaría máis Aquí no hay quien viva moito máis que 2046, Martín, non o dubides. Que algo teña audiencia non digo que implique calidade, pero ten moito mérito e tamén hai que recoñecelo, non? Se digo que me durmo vendo cine asiático son un inculto, claro. E se me gustan Os Tonechos? Un ignorante da aldea, non? A estas alturas tanto elitismo, como que non.



12
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-13 12:46

Mérito? Tanto como facer unha boa tortilla de patacas, ou facer unha liña recta sen desviarse. Esas son cousas que tamén teñen moito mérito (a min non me dan saído), pero non creo que sexa como para facerlles homenaxes aos que as fagan ben.

Non teño claro iso que di de Wilder, pero témome que non haberá xeito de comprobalo. E o elitismo debe telo vostede, que é o que pon os exemplos; a min non se me ocorrerían esas comparacións.



13
De: Cat Morgan Fecha: 2006-01-13 13:53

Señor Carisma: ¿E se en vez de won kar wei e Antonioni falamos de series como "Lost", "Mulleres desesperadas", "Canción Triste de Hill Street", "Murder One"?... Series de calidade que sí tiveron o favor da audiencia nestes anos... (e non me veña co conto dos cartos que custan porque aquí poderíamos facer algunhas así co que custa un capítulo de "Ana y los siete" ou de "Aquí no hay quien viva"). Non sexamos demagogos para defender un tipo de televisión, digna pero que temos que recoñecer que non é de calidade (eles mesmos, os que a fan recoñecen que non o é pero que hai que traballar para comer)... Eu tamén me durmo co cine asiático, as veces, e pásoo ben con "Los Serrano" pero sei o que estou vendo...



14
De: Señor Carisma Fecha: 2006-01-13 15:02

Comparar Ana y los Siete con Aquí no hay quien viva é como comparar a Alvaro Sáenz de Heredia con Berlanga, pero estou de acordo contigo en que non hai mellor Trankimazin que Wong-Kar (Guay). As series que citas molan, non hai queixa. Pero non podo evitar poñerme dos nervios cando alguén fala do traballo doutra xente con tan escaso coñecemento, como é o caso de Pawley. Unha cousa é meterse todas as tardes no CGAI ou calzarse todo Cineuropa, que queda guai para fardar e parecer culto, e outra traballar no mundo audiovisual e ver as cousiñas desde dentro.



15
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-13 15:25

Grazas, Señor Carisma, polo que di do meu "escaso coñecemento", sen súbida moi inferior ao seu (imaxino que vostede debe ser Chicho Ibáñez Serrador baixo pseudónimo, polo menos). Ver as cousiñas "desde dentro" non serve da nada para xulgar os resultados dun producto (cinematográfico, televisivo, musical, etc), posto que eu como espectador o que debo valorar é o resultado final, que é o que me chega, á marxe de cómo se fixo. Que os cámaras, os actores, os guionistas, os directores, os montadores, os maquilladores, os carpinteiros, os encargados do vestuario, do grafismo, os técnicos de son, etc, sexan (ou non) xente estupenda e con moito talento, non ten nada que ver con que o froito final do seu traballo teña calidade.

Vostede mesmo recoñece diferencias de calidade entre "Ana y los Siete" (que tiña moitísimo éxito) e "Aquí no hay quien viva": parodiando as súas palabras, como é que se atreve vostede a falar do traballo de xente como Ana Obregón e compañía? Non terá ela dereito a "poñerse dos nervios" pola súa ousada (minus)valoración?

Como visitante asiduo, infelizmente non diario, do CGAI, debo dicir que non coñezo a ninguén que vaia "para fardar e parecer culto". Dicir iso é unha estupidez, equivalente a que eu dixera, un supoñer, que un tipo que escribe unha novela faino "para fardar e parecer un intelectual".



16
De: Cat Morgan Fecha: 2006-01-13 17:08

Señor Carisma... síntoo pero caeu vostede na trampa mais habitual desta eterna discusión. O señor Martin Pawley só tivo que botarlle a rede enriba. Como ben di el: "Vostede mesmo recoñece diferencias de calidade entre "Ana y los Siete" (que tiña moitísimo éxito) e "Aquí no hay quien viva": parodiando as súas palabras, como é que se atreve vostede a falar do traballo de xente como Ana Obregón e compañía? Non terá ela dereito a "poñerse dos nervios" pola súa ousada (minus)valoración?". (E por certo... un cadro ou unha escultura non vai ser mellor por moito que custe facela e sei do que falo que fixen productos decentes e productos indecentes).



17
De: Lucas K. Walker Fecha: 2006-01-18 09:04

Iso sobre Lino Braxe de "actúa tan ben como escribe" espero que sexa irónico...



18
De: Nilde Fecha: 2006-01-18 16:38

¿Falar do traballo dos outros con escaso coñecemento? ¿Acaso para escoller pantalón hai que saber facer costuras? Señor Carisma, existe de certo unha gran incapacidade por parte de moitos directores (e actores) para crear algo en televisión cun silencio, cun instante de inmovilidade. Hai pouco vin unha serie que se chama Foyle's war, un enorme éxito de audiencia (e de calidade) en UK e está plagada de silencios efectivísimos. Eu son profesional do audiovisual e sei ben o pánico que se lle ten a esto e a querencia de productores, guionistas, directores, editores, actores...pola acción e a verborrea. Neso non se engana nada Pawley e quizás sexa o maior mérito desta serie nova.



19
De: televidente Fecha: 2006-01-24 23:08

e que me dicides da nova aparición de Miguel de Lira?

emocionoume a súa interpretación na discusión con Tamar antes de naufragar.



20
De: SobeK Fecha: 2006-01-26 19:24

Eu estou gratamente sorprendido coa serie.

Sobre o de Miguel de Lira, fixome moita gracia escoitar a miña avoa dicir "ah e mataron a curras".



21
De: armindo varela Fecha: 2006-03-23 14:03

a mellor belen constenla. e xabier deibe. jose arca ten unha pinta de alelado que tira para trás: non me extraña que rebeca non lle faga caso



22
De: heheheh Fecha: 2006-05-21 18:43

Cat Morgan, moi ben comentando tódalas xogadas e repetindo as frases de Martin.
E unha pena que non esté na mula porque así podería ver eu este serie e opinar tamén. Pero pens que Martín ten razon, non fai falla ser agricultor ou biólogo para saber se unha fresa está madura ou verde.



23
De: Xosé Antón Fecha: 2006-05-22 23:35

Recoñezo que só vin os primeiros episodios pero non me convenceu. As interpretacións boas en xeral pero as tramas non me engancharon en ningún momento. Unha vez máis parece que vou a contracorrente.



24
De: Noíta Fecha: 2006-11-07 22:44

Pois dende a miña máis modesta opinión direi que me parece unha serie preciosa, onde os personaxes están perfectamente perfilados e interpretados. Tanto é así que a trama é o de menos.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.54.120 (0f9f8a5c91)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley