caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > As ilusións inocentes
> As ilusións inocentes <

Non é a primeira vez que colgo este texto no blog, nin será a última, poden estar ben seguros. Un fermosísimo conto de Reis que escribiu o mestre hai cinco anos para a columna que daquela mantiña na (tristemente desaparecida) edición galega do diario "El Mundo":

O INVENTO DOS REIS MAGOS
Xabier P. Docampo

Inocencio andou medio mundo nunha vida que non dá para unha novela, pero si para moitos contos e relatos, porque as súas aventuras son intres de grande intensidade, momentos que ficaron coma suspendidos na súa biografía ao xeito no que o tempo se detén nunha fotografía. Aínda neno marchou da casa, e cando todos pensaban que estaba en Venezuela sóubose que andaba por México. Alí, entre outras moitas cousas, foi boxeador e toureiro.

Regresou xa vello a se acoller á caridade dunha sobriña. Trateino aínda ben porque éramos parentes de apelido compartido. Na casa da miña curmá, que era mestra, atopou o que o faría feliz nos seus últimos anos de vida: unha boa biblioteca. Comecei a visitalo con frecuencia por mor de que me contase as súas andainas polo mundo, pero el negábase a tratar ese tema coa teimosía dos que queren comezar unha nova vida. Case nada lle puiden arrincar, mesmo foi despois de morrer cando, por unhas fotos e algunhas indagacións, souben que casara en México cunha fermosísima muller de fasquía indíxena chamada Presentación. Nunha das fotos dela puiden ver as máis fermosas mans que a vida me permitiu ollar.

A Inocencio deulle por ler, en especial enciclopedias, que comezaba pola primeira entrada do tomo inicial e remataba pola derradeira. Unha memoria prodixiosa permitiulle acadar unha inmensidade de saberes estrictamente organizados en orde alfabética. E así mesmo os recitaba. Era un estraño caso de constatación do incremento do coñecemento día a día.

Pero de todo canto lía o que máis se lle quedaba, aquilo que o admiraba, eran os inventos. Hai que ter en conta que el non distinguía entre inventos e descubrimentos, para el tanto tiña a roda coma a máquina de coser, por iso lle amolaba non saber o nome do primeiro home que fixera lume, porque non aceptaba que puidese ter sido unha muller.

Eu cheguei a lle fuxir por temor á manía de me preguntar continuamente: ¿A que non sabes quen inventou a bicicleta? Ou o lapis ou a grampa ou a cremalleira. Mesmo nunca me chegou a preguntar polo pararraios, a lámpada eléctrica, a radio... Ningún dos catro ou cinco que eu sabía. De todos o que máis abraiaba a Inocencio era o funil (invento sen autor coñecido).

Cada pouco preguntábame cal era o invento que máis admiraba eu. Unha vez díxenlle que a imprenta. Ficou calado un bocadiño e despois díxome: «Importante, importante, si señor. Se non fora por el non saberíamos quen foron os que inventaron as outras cousas».

Unha mañá estábamos os dous sentados diante da súa casa. Era tal día coma hoxe e a nena da sobriña de Inocencio xogaba coa boneca que lle trouxeran os Reis. Deume un golpe co cóbado, acenou co queixo cara a nena e dixo: «O invento máis grande do home non che foi o funil, fóronche os Reis Magos. Se non fora por iso non saberíamos que cara teñen as ilusións inocentes».

2006-01-06, 16:10 | 5 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/36303

Comentarios

1
De: Don J. Fecha: 2006-01-06 18:06

«O invento máis grande do home non che foi o funil, fóronche os Reis Magos. Se non fora por iso non saberíamos que cara teñen as ilusións inocentes».
Esto mismo dije yo anoche en el Abaroa, aunque no en gallego, claro. Aunque con la que llevaba de cava bien podía haberme lanzado. Hoy, ya despejado, corroboro. Saludos.



2
De: irreal Fecha: 2006-01-09 00:34

co da "tristemente desaparecida" edición galega de el mundro, concordo presonalmente. pero deixa de confundir "colegas" con "talentos", anda...

vouche dar por aprobado o primeiro exame que che fixen (e iso que te fuches sen asinar), tras meterte sen intelixencia (e troleando) cun coleguiya meu. é hora da maiéutica, martín: nunca poderás ser modelno descoñecendo os máis rancios alicerces da modernidá.

Así que esta é a túa LESSON ONE para este 2006:

1)Pica en gúguel ZINC ALLOY AND THE HIDDEN RIDERS OF TOMORROW. O glam está pasadíssimo, pero por ti e polo teu colega césar aínda non pasou, e logo pasa o que passa. xa de passo, pássalle accatone a césar, que me dixo que lle interesaba muito.

2)Por 100 euros, dime obras de guí debor que non sexan a sociedá do espectáculo, que cha acabo de dicir eu.

3)Merca O home superfluo. Se non o atopas, proba con Òblomov.

Aplícate, que non temos moito tempo. E non sexas tan cursi, tío, que fas estalar os ósos. nunca é tarde para aprender. nin para ser humilde: que non entendas algo non presupón nada na contra dese algo que non entendes.

respóndeme con feitos.

bikoss



3
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-09 14:50

Nin con feitos, nin con palabras, irreal: no sucesivo, non vou responder aos seus comentarios.



4
De: Carolina Fecha: 2006-01-09 16:27

Unha xoia do mestre Docampo.



5
De: irreal Fecha: 2006-01-09 16:28

supoñíao. as palabras só poden facer dano, como din os flanetass. a lesson primeira (a que lle aprobei) quédalle sabida: non critique o que descoñece. non hai cousa que máis me foda que a ignorancia e a soberbia xuntas...

pola miña parte -cando me apeteza-, penso seguirlle advertindo dos riscos da cursilería, os pecados da banalización e a ridiculez dos panteóns persoais.

non mo agradeza: son un medium...

koss



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.156.90.21 (687e7f7a15)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley