Paréceme moi ben que La Voz de Galicia lle dedique a capa, a contracapa e tres páxinas do seu suplemento de Culturas aos blogs galegos. Nada que obxectar, en xeral, do artigo de Camilo Franco, que confunde comentarios e posts sen que chegue a doer demasiado. Non entendo a presenza entre os blogs citados do de Nacho Mirás, e non porque teña nada en contra del, que non é o caso, senón polo feito de que o seu está en español. Todas as bitácoras das que falan están en galego, menos a de Nacho; se a reportaxe trataba realmente de blogs feitos en Galiza independentemente da lingua empregada, non podo entender que non incluíran algúns en castelán cuxa mención é imprescindíbel, empezando polo mellor de todos e acabando polo de willy sifones. Tampouco estaría de mais que na lista de referencias aparecera(n) algún(s) dos máis veteranos aínda en activo, caso de ascárida, ArvPart ou EMF, pero en fin, en conxunto non hai queixa. O peor, con moito, o artigo de Luis Ventoso, que oeu campás pero non sabe onde. "El blog tiene un reverso oscuro: en el reino de la libertad total no cotiza aún la responsabilidad. La difamación campa con soltura. Con la excusa de que las audiencias son bajas y de que es un mundo aún subterráneo, reina la impunidad, con daños serios para el honor de muchos inocentes". Iso di dos blogs, pero supoño que tamén valerá para os xornais, as radios e as televisións; para o Aquí hay tomate e para os discursos estilo Queipo de Llano do voceiro matutino da Igrexa Católica. "Encontrar noticias especiales requiere periodistas brillantes, muy trabajadores y bien pagados; y una organización honorable que los respalde". Vaites, vaites! Agora já entendo tudo. ¶
Blogs y medios tradicionales, ¿condenados a entenderse?: «... la maledicencia y la desinformación chapucera».
El recelo es mutuo. Puede palparse en alguna de las reacciones de los blogueiros al reportaje. Sin embargo, más allá de la pelea»
O de luisventoso, lamentable. Supoño que pretende demarcar ben as lindes da sua leira: os profesionais vs os afeccionados. Claro que, dende outro punto de vista, os “profesionais” son os auténticos maestros da manipulación, a desinformación e a propaganda.
comparto a opinión sobre a columna final (benvidos á moda mundo-blog... mil pesos a que acaba facendo un!) ...e sobre todo a incomprensible lista (as listas sempre son así, pero...) de bitácoras, e non é falsa modestia pero eu tamén botei de menos moitas!
Para ter un blog e traballalo correctamente cómpre ter algo que dicir, anque non sexa moito. Por iso o hiper-responsable xornalísta Ventoso nunca terá un; abonda con ler as súas columnas.
Se calhar, o melhor que a gente se informasse de como é que se faz para achar todos esses blogues. Como é que fazem vocês? Acham-nos por casualidade ou vão dum a outro pelos enlaces? Eu cheguei cá despois duma pesquisa no Google e apenas conhezo um ou dois dos que recomendam.
Deixo url do meu blogue galego-português recém estreado, por se alguém estiver interessado:
www.polbofeira.blogspot.com
Ainda estou a trabalhar nas modificações do desenho oferecido por Blogger. Paciência!
A selección publicada é un modelo do equilibro entre a realidade e o empresarialmete correcto, ou sexa que está ben. Pero eu apúntome ó do xantar, que estaremos moitos máis soltos para largar. E ademais, non vai ser todo bits
Ah, a cousa profesional. As diferencia entre os xornalistas "serios" e os dixitais: 1.- os segundos teñen que aturar o feed-back do público inmediatamente e na súa propia páxina. Ós outros xúlgaos colectivamente eso que lle chaman os lectores (que na maioría dos casos tampouco teñen demasiado onde elixir).
2.- Normalmente, escriben moit mellor os dixitais. Claro que teñen máis tempo, e escriben do que lles peta, non do que lles mandan.
klingsor, supoño que a maior parte dos blogs ímolos descubrindo por referencias vistas noutras páxinas. Teña en conta que un servidor leva dous anos e medio blogueando, e ese é tempo dabondo como para ter coñecido xa un bo número deles...
sihomesi, eu tamén intúo ese equilibrio que vostede apunta, pero quizá se lles foi un pouco a man no empresarialmente correcto: reparou en que nesa lista hai media ducia longa (camiño da ducia enteira) de persoas que teñen algún libro editado? Co que di no seu comentario 18 concordo plenamente.
Cando até hai ben pouco os blogs eran cousa meramente simpática e testemuñal, semella que comezan a se alzar as primeiras voces oficiais en contra deles. Non sei ben se só por medo, aínda que medo á perda da hexemonía comunicativa hai; non sei se só por medo a ficar atrás, a non estar na onda, que diso algo hai tamén; ou se, como tantas veces, só será unha cuestión de cartos, cousa en que reparei ao pasar por este lugar, pura chicha:
www.sevenwomen.blogspot.com
A min tamén me sorprendeu a lista dos blogs recomendados... Pasa como en todos os ámbitos: as listas ou os canons están moi mediatizados. Chamáronme a atención grandes ausencias e algunha presencia...
No artigo pódese ver claramente o odio que nos teñen os xornalistas. Sempre co mesmo discurso simplón. Xa quixeran eles a liberdade que temos todos nós.
Eu tamén penso que o meu blog non tiña que saír tan aireado, pero sei que os compañeiros o fixeron con agarimo. O que me sorprende da discusión, da argumentación de algúns, é que defenden a liberdade dos blogeiros por riba da dos xornalistas; eu son as dúas cousas, pero Camilo Franco, autor da reportaxe, é libre de enfocar a súa información como mellor lle pareza, e de estar tan equivocado coma nós mesmos nos nosos blogs, eu, vos... Parece que todo Dios ten patente de corso para meterse no traballo dos xornalistas, un traballo moi digno, por certo, mal valorado por xefes e lectores e peor pagado nos temps que corren. Bastante é que que lle dedicaran unha reportaxe (unha só nun xornal que sae 362 veces ao ano, xa haberá máis días para falar de blogs). O fenómeno é novo para moita xente, tamén para os xornalistas. Hai moita xente empeñada en crer que os xornalistas somos deuses que o saben todo, o controlan todo; nada máis lonxe, somos obreiros coma outros, facemos máis do que podemos. O que si que me parece sorprendente é a afirmación do primeiro comentario: "...senón polo feito de que o seu está en español". Eu escribo en español, primeiro, porque o meu blog comezou sendo o meu vínculo coa miña xente de Catalunya e de Navarra, coa que sempre falo en castelán, unha lingua cojonuda para comunicarse. Segundo, escribo en español porque sí, porque me peta, porque me da a gana e non volverei dar explicacións sobre iso. Que despois saia enlazado por nun ou noutro sitio, eu xa non o controlo. Que conste que fun eu quen pediu a Blogaliza saír no seu resumo, e estoulles agradecido aínda que sexa unha minoría lingüística.
Ao tema, que me perdo. Ás veces non hai que darlle tantas voltas ás cousas: ao mellor non meteron máis porque non había máis espazo ¡É así de simple! E, ao mellor, meteron o meu blog porque era doado falar co autor, que sae co seu nome e os seus dous apelidos, cousa moi complicada nos blogs anónimos e, máis, cos ritmos de traballo dun xornal, de hoxe para hoxe. En definitiva, porque Camilo é só Camilo é o que decide sobre o seu traballo. En calquera caso, e remato -tiña dereito a opinar, por alusións- non vexades raras conspiracións na escolla duns ou outros blogs; este mundiño noso vai demasiado rápido para todo Dios, incluidos os xornalistas. En fin, que non vexadas pantasmas que non hai, en serio. Xosé Antón: o anonimato ou semianonimato como sinónimo de liberdade non me vale; os xornalistas damos a cara todo o día e, precisamente por iso, levamos máis paus que parabéns. Por riba, temos uns empresarios que nos pagan a nómina ou que nos despiden, que che vou contar... ¿Discurso simplón?... ¡pois claro! ¿Sabes o que é sacar un xornal todos os días? En fin, que lamento ter sido posto de exemplo dun que, ao parecer, "está de máis" nunha especie de festa á que parece que non foi invitado. ¿Non quedamos que isto dos blogs era liberade? Pois para todos e disculpade, de verdade, se me alporizo demasiado.
Nacho, non se alporice caramba. Polo que eu leo a sorpresa de Pawley ven de que todos os blogs mencionados estean en galego agás o seu: "se a reportaxe trataba realmente de blogs feitos en Galiza independentemente da lingua empregada, non podo entender que non incluíran algúns en castelán cuxa mención é imprescindíbel".
Polo demáis, velaiquí ten a opinión do autor sobre as listas.
Pero non me dirás que o de "imprescindible" é un criterio subxectivo, cada un ten os seus imprescindibles, e máis nos blogs, xa se ve nos comentarios, cada un tira aos que lle gustan ¿e non ten o mesmo dereito Camilo na súa reportaxe?
Eu non falei de conspiracións, nin de nada polo estilo. Simplemente reafírmome no que dixen: á marxe de que a selección de blogs sexa tan arbitraria como calquera, o que parece razoábel é que o tema inicial da reportaxe eran os "blogs en galego", posto que nesa lingua están escritos todos os recomendados, agás un, o seu, e iso é que fixen notar. Se do que se trataba era de falar de "blogs en xeral" feitos na Galiza, o desmesurado predominio -case totalidade- da lingua galega é absurdo, mesmo ridículo. Ou é que a Camilo só lle gusta un único blog en castelán, coa cantidade deles que hai? Tamén é casualidade, non?
Nada teño contra que vostede escriba en castelán, nin moito menos (leu vostede o post, de verdade?). Vostede escribe en castelán porque cada un escribe no idioma que lle peta, e punto: iso non é nin bo, nin malo, simplemente é. A lista de "imprescindíbeis" é, claro, un criterio subxectivo, pero se a min me piden un artigo sobre blogs e meto trinta en galego e un en español, o do amigo Vendell, quedaría tamén bastante sospeitoso, non lle parece?
Que non vexades pantasmas, que algo "sospeitoso" ten por forza o beneficio dun terceiro, e aquí ninguén saca nada ¿Casualidade? ¡Que coño! ¡Foi feito a propósito! Eu saio citado como un exemplo de tantos, non como modelo de nada. E só porque Camilo me ten a man (na mesa do lado) e teño un blog, nada máis. ¡Que carallo sei eu de por que só meteu un en castelán...! Ao caso, que non quería cabrear a ninguén e, moito menos, cabrearme eu, pero creo que tampouco hai que sachar tan a fondo como o amigo Xosé Antón: "o odio que nos teñen os xornalistas" "Xa quixeran eles a libertade que temos todos nós..." Para malos rollos xa está o traballo ¿non? Pois nada, que non vos molestedes polas ausencias e que se facedes un encontro, xa convido eu a unha ronda... Un saúdo.
Como un exemplo de tantos non, nacho: o seu é o único blog en español que cita. Non é un de tantos: é o único. E non vexa vostede fantasmas onde non os hai, que aquí ninguén está acusando a ninguén de nada, só estamos constatando unha deficiencia (innegábel) do artigo de Camilo.
E se quere convidarnos a unha ronda, eu encantado, que a miña gorxa non se detén ante discrepancias como estas.
Bueno, pois nada, que en calquera caso o que tería que falar é Camilo, eu só daba a miña opinión (aínda que hai comentaristas que si que nos acusan aos xornalistas de cousas, e iso tamén é innegábel). Morra o conto -pola miña parte-
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.