caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Free Zone (Cineuropa, 2)
> Free Zone (Cineuropa, 2) <

um (telegráfico)

Un falso documental que acaba sendo tremendamente reiterativo (C.S.A: Confederate States of America). Un deses filmes corais españois con xente que sofre moitísimo e procura dicir frases baleiras que pretenden ser moi intensas (Malas temporadas). Unha película mexicana esteticista, pasmona e un chisco ruidosa na cal a maior transgresión é a dición e o peso da parella protagonista (Batalla en el cielo). Un documental moi interesante pero tamén moi convencional que revisa un dos grandes mitos do cinema porno (Inside Deep Throat). Unha biografía demasiado longa de Charlie Parker (Bird), a primeira xoia de Jean Luc-Godard (À bout de souffle) e unha obra mestra para ver de xeonllos (Ordet).

sete

A nota que eu lle puxen á magnífica Free Zone, de Amos Gitai. Non moi ben narrada en xeral, con partes algo mal cosidas pero cun trío de actrices fantástico encabezado pola sempre fermosa Natalie Portman acompañada de Hanna Laszlo, gañadora do premio á mellor interpretación feminina en Cannes, e Hiam Abass, a nai do suicida Said de Paradise now. Memorábel o longo plano inicial cunha chorosa Natalie Portman mentres soa unha arrebatadora versión de Chava Alberstein da canción Had Gadya (se alguén a ten que ma mande ao correo, por favor!). Mais memorábeis aínda son eses deslumbrantes minutos construídos con imaxes superpostas unhas ás outras que nos contan de xeito simultáneo unha viaxe a Xordania e o encontro/desencontro da rapaza protagonista co seu mozo. Pero o mellor de todo, o mais grande de todo, e con moita diferencia, é o portentoso, extraordinario, sublime final, con esas dúas mulleres discutindo até a extenuación dentro do coche mentres a mais nova foxe correndo, quen sabe a onde, na que vén sendo unha metáfora tan simple como efectiva do eterno conflito palestino-israelí.

tres

A puntuación que lle dei ao terríbel pastelón indio Water (Auga), de Deepah Mehta, aínda que xa se encargaron outros de subirlle absurdamente a media. Un filme moi mal dirixido -e peor montado- que ofrece unha combinación torpe de exotismo e boas intencións, cunha lixeira presada de feminismo-soft, ideal para ese típico público occidental ao que lle gusta exhibir de cando en cando un certo interese polo multiculturalismo. Un verdadeiro empalago. Ou iso, ou que eu non teño corazón.

2005-11-14, 02:24 | 0 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/34692

Comentarios

Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.211.79.150 (3c89e56345)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley