caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > O tesouro de Sierra Madre
> O tesouro de Sierra Madre <

Créame, amigo kavafinho: non sinto ningunha necesidade de que os editores recruten blogueiros para encheren os seus almacéns cunha nova morea de libros invendidos. Máis aínda: como vou querer ver os blogs que mais me gustan, tan sofisticados e multidimensionais, reducidos a un espazo tan chato coma o do papel? Acaso Cesare, un dos mellores escritores que temos no país, é menos bo porque o que fai só aparece na rede? A grandeza de Cesare radica na súa creatividade, ou no soporte que el escolleu para a súa creatividade?

Seguen sendo moitos os que ven aos blogs como unha literatura en formación, unha estación de paso cara esa suposta literatura de verdade, a dos poetas lonxincuos e os novelistas de longo alento. Os blogs son unha cousa cativiña, pouco valiosa, non coma o papel, que polo que parece terma de todo e fai que calquera idea se volva fascinante. A rede é complexa, colosal, confusa; na rede non hai filtros que nos digan de antemán o que nos debe interesar e o que non. A rede, en suma, é unha lata; demasiada xente, demasiado barullo: así non hai quen se entenda. Queremos moito a rede, si, pero mellor que nola manden xa resumida e anotada, en copia a dobre espazo se non é molestia.

Pregúntanse polo paso dos blogs ao papel, pero ninguén se pregunta polo paso dos libros ao cinema, por exemplo; ninguén dá en pensar se iso sería unha eiva ou un privilexio para a literatura e os autores. Acórdanse desa obra mestra de John Huston, The treasure of the Sierra Madre? Que ben estaba o seu pai, devorando en cada plano ao sempre estupendo Humphrey Bogart; ninguén bailou nunca tan feliz coma o vello e xenial Walter naquela escena inesquecíbel. Traballaban tamén Tim Holt, un dos Ambersons, e Bruce Bennett, quen co seu nome real, Herman Brix, fixera algúns Tarzáns de serie "B". John Huston, guionista ademais de director, nunca tivo claro se coñeceu ou non ao autor da novela orixinal, o esquivo B. Traven. Foi convidado á rodaxe e finalmente renunciou, dicindo que mandaría a alguén en representación súa. Todos acabaron convencidos de que aquel enviado de Traven era o propio Traven empregando un pseudónimo, pero ninguén tivo xamais a certeza. Pexa o anonimato a autoría? Non lle sei, Brétemas. Que pensarán Salinger e Pynchon de todo isto?

2005-11-09, 02:58 | 11 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/34545

Comentarios

1
De: Vendell Fecha: 2005-11-09 08:36

E as árbores... ¿ningún editor pensa na vida das árbores cando se empeña en encher os almacéns de libros non lidos?

E sí, é un tópico. Pero tamén unha verdade coma un templo.



2
De: náufrago Fecha: 2005-11-09 10:26

Obviamente, non é literatura menor algunhas das cousas que só existen na rede. Pero ás veces parece que a santificación se dá no outro sentido tamén, e que todo o que se fai nos blogs é marabilloso. E non é. ¿Ou é?



3
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-09 10:40

Non, non todo o que se fai nos blogs é marabilloso, pero non pasa nada, porque os blogs son irrelevantes, carecen de recoñecemento nos medios, son vistos como algo pintoresco, etc. O malo é que a inmensa maioría das obras de papel tampouco son marabillosas, e porén eles si que nacen xa santificados, e mais aquí en Galiza, un lugar onde o libro non só é un produto literario, senón tamén unha especie de "gran acto patriótico"...



4
De: peke Fecha: 2005-11-09 13:27

Acaba de matarme, Pawley, con ese gran acto patriótico. ¡Por favor!



5
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-10 11:12

peke, na miña opinión e na súa os libros son libros, e con iso chega e basta. Pero terá que recoñecer que boa parte do sistema cultural galego funciona a forza de asumir que a leitura de libros feitos no país é unha estraña obriga moral dos cidadáns, que deben prestarlle atención ao poeta lonxincuo non porque lles interese, senón porque é "un dos nosos". Aí empezan todos os problemas, claro: un pode editar libros que non venden mais alá de sete ou oito ducias de exemplares e pasar media vida dicindo que a editorial está en crise e que iso é unha traxedia nacional. Na pode funcionar ben se os organizadores da cousa nosa cultural actúan mais por motivacións políticas e identitarias que por razóns estéticas, artísticas ou mesmo comerciais.



6
De: olvidouse "das copias" ó formato blog en tódolos xornais... Fecha: 2005-11-10 12:23


O que interesa SI que ten difusión...e istos artículos de opinión SI copiaron o "formato blog"

Este é un bo examplo:


CRTVG: XESTIÓN, IMBÉCIL/POR LUÍS ÁLVAREZ POUSA


Vendérannos a moto da racionalidade orzamentaria na TVG e na Radio Galega. A pouco que alguén ousase saírse do politicamente correcto para denunciar a partidización e privatización dos medios públicos, abouxábano repetindo a berros a xestión, imbécil, a xestión . E resulta que non. Que gastaron moitísimo máis do que podían, e de maneira non santa. A débeda do 2004 sobrepasa os 84 millóns de euros. Sen contar coa que depare o 2005. Destapouno unha auditoría da que deu conta no Parlamento o novo director xeral da Crtvg.

Sen medios públicos, non sería posible contrarrestar os efectos ­banalización, infoentretemento, autocensura ­ que o mercado da información provoca nos privados. Son os que, liberados do peso das audiencias masivas e dos encerros gobernamentais, poderían neutralizar a perversa tendencia a intercambiar cidadáns por consumidores. Que se endebedasen racionalmente por ese obxectivo, estaría xustificado. Ou por contribuír á vertebración e a modernización do país, activando a conciencia crítica da sociedade, e tensionando a cultura para facela social e politicamente útil. Como tería a aprobación de cantos andan á procura dun estatus colectivo que nos identifique no mundo globalizado.

Pero non foi así. Durante estes anos, a TVG non fixo visible nin dimensionou nada que non fose asimilable pola estratexia clientelar do partido gobernante, reforzando os tópicos e proxectando de nós unha imaxe pailana. A radio multiplicouna por cen. A Galicia urbana e emprendedora sempre quedou fóra. Tampouco se endebedaron pola causa da verdade informativa, pois sempre a axustaron ás urxencias do fraguismo. Coma nas guerras, ela foi a primeira víctima desde que don Manuel chegara coas listas negras . Mágoa que a sociedade o constatase tan tarde. Tivo que emerxer a imaxe tenebrosa do Prestige para que todo quedase panza arriba: de públicos só lles quedaba o adxetivo.

Ese endebedamento foi só para pagar favores mediante a compra de produccións audiovisuais. Sacrificárono todo en beneficio duns poucos. Fraga e o PP, os ex directivos da Crtvg e o seu Consello de Administración deberían dar conta desa doble tropelía ­desactivación dos medios públicos e xestión fraudulenta­ ante unha comisión parlamentaria. E que Benigno Sánchez faga públicas as empresas favorecidas. Burros sí, pero non apaleados.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-10 12:38

Perdoe, Anónimo, por borrarlle o comentario anterior, pero é que se me pon a ligazón esa tan kilométrica vexo a páxina toda escarallada no meu navegador. Copio e pego as súas palabras, dándolle uso ao hipertexto:

perdoe...pra ver cómo ten retroalimentación...



8
De: Anónimo Fecha: 2005-11-10 15:39

graciñas, Pawley agradecería que dera vosté a sua opinión da TVG



9
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-10 22:58

Pois a miña opinión é que concordo con todo o que di Luis Alvárez Pousa nese artigo.



10
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-10 22:59

O que non entendo ben é iso de que "copiaron o formato blog". Cal é o formato blog?



11
De: Anónimo Fecha: 2005-11-11 10:57

refírome á opción de opinar que teñen os artigos, igualiña a dos blogs.

pois xa que ten eco, fale da TVG se lle parece, por suposto!!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.211.200.222 (4a9aea0649)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley