caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Os blos e a creación cultural
> Os blos e a creación cultural <

A mesa redonda do venres non quedou mal de todo; mellor que a do verán foi, e cónstame que non son o único que o cre. Alén das brillantes intervencións de Francisco Castro, Uxía Casal, Xabier Cid e María Yáñez, houbo logo un debate moi animado no que se desenvolveron cuestións ben interesantes.

Pégolles aquí o que dixo un servidor, un pouquiño mais elaborado que o outro día, iso si, pero coa tranquilidade en todo caso de saber que a Jaureguizar fíxenlle algo de graza:

De todos os convocados a esta mesa son eu o que leva mais tempo cun blog aberto, ou con dous, mais ben, un en galego, días estranhos e outro en español, the night of the hunter; o meu valor principal, pois, é a antigüidade. Cando eu empecei, alá por marzo do 2003, o número de bitácoras en lingua galega non chegaba a dúas ducias, e iso facendo as contas con algunha xenerosidade. Hoxe esa cifra multiplicouse como mínimo por dez, pasando moi por riba dos douscentos. Calquera estimación que fagamos está condenada ao fracaso, pero con certeza cabe falar na actualidade de mais de cincuenta mil artigos ou posts anuais na nosa lingua, cunha audiencia conxunta que se expresa xa en millóns de páxinas visitadas, non en milleiros. Son números que amosan claramente a enorme vivacidade dos diarios na rede, que aportan unha variedade de temas, estilos e tratamentos que non se atopa nos medios de comunicación tradicionais. Porque realmente iso é o que teñen de valioso os blogs: que detrás de cada un deles hai unha persoa distinta expresándose libremente. De feito, o mérito non é dos blogs, que en si mesmos non son mais que un formato ou un soporte cómodo para publicar na rede, sen que sexa preciso ter uns coñecementos sofisticados de informática; o mérito está na rede mesma, que non só pon ao alcance de calquera cidadán toda sorte de datos, noticias, textos, sons e imaxes, democratizando o acceso á información, senón que -e iso é o verdadeiramente revolucionario- serve tamén para democratizar a produción de información e de contidos. Calquera pode dar a coñecer as súas propias ideas e visións do mundo sen necesidade de intermediarios, nun diálogo directo entre un emisor e un receptor que poden estar moi afastados física e culturalmente.

Malia o dito ao principio, sigo pensando que a cifra de páxinas en galego é sorprendentemente pequena. Calquera listado de autores literarios, por exemplo, inclúe un número de nomes moi superior ao de blogs en activo. É dicir, hai mais xente na Galiza con libros editados que xente con blogs abertos na rede, o cal é bastante curioso, mesmo non sei se preocupante. Se a comparación a fixeramos noutros ámbitos da cultura e o coñecemento, o resultado sería idéntico. Por que a inmensa maioría dos nosos poetas, novelistas, dramaturgos, ensaístas, músicos, pintores, escultores, actores e actrices, directores de teatro ou de cinema, xornalistas, investigadores, científicos, etc... non se decidiron a poñer as súas mans na rede? Como é que non se interesan por ela aínda que só sexa como un recurso mediante o cal dar a coñecer os seus traballos, para se daren promoción, en suma? Por que xente que demostra ter vontade de amosar publicamente as súas creacións, non confía na rede para expoñelas?

Vou aínda mais alá: nun país como este no que, para que negalo, hai un feixe de persoas que se consideran xenios marxinais, ignorados e maltratados por unha industria que non soporta a súa orixinalidade creativa, estética e lingüística, como é que todos eles non se aproveitan da liberdade e ausencia absoluta de regras que lles ofrece Internet? Por que non se botan a un medio no que as oportunidades son, en esencia, idénticas para todos?

Non teño unha resposta definitiva para estas preguntas, e a diferenza de Teresa Moure a min non me parece superficial facer preguntas por facelas, sen agardar unha solución. Si podo intuír varias posibilidades que comparto agora con vostedes. Unha, que non lles dea a gana, simplemente, de abrir o seu recuncho en Internet, razón que nunca podemos descartar. Dúas, o xigantesco atraso tecnolóxico polo cal unha parte enorme da poboación galega non ten aínda posibilidade real e práctica de acceder á rede, ou polo menos a unha boa rede. Tres, o feito de que os blogs non reportan ningún beneficio económico (polo menos en principio), de tal xeito que haberá quen pense que podendo escribir artigos nos xornais e revistas cobrando uns cartos, para que facelo na rede, e de balde. A cuarta e última explicación que se me ocorre é, para min, a mais importante: a un sector importante da sociedade, e non precisamente o mais novo e dinámico, Internet e en xeral calquera adianto tecnolóxico séguelles soando a cousa frívola, pouco seria, moito menos seria desde logo que un simposio ou un recital poético (moitísimo máis importante un recital poético, onde imos parar!). Supoño que pensan que a rede lles chegou tarde de mais, e polo tanto non poden sentir por ela o agarimo e a confianza que nos transmiten as cousas coas que estamos habituados a convivir.

Unha das preguntas que nos formulabamos como posibilidade sobre a cal pensar neste simposio era a de "Cal é a importancia real dos blogs no mundo?" Como resultado de todo o dito eu creo que a importancia dos blogs é nula, e probabelmente sexa mellor así. Porque os blogs son un espazo de liberdade, complexo, inabarcábel, caótico, desordenado, incluso tumultuoso, e niso reside xustamente o seu interese: en que non están en absoluto domesticados. Esa (utilísima) ausencia de control, que tanto medo mete, é a que pon aos blogs á marxe, como un produto exótico que a algúns lles chama moito a atención pero que de ningunha maneira levarían para a casa.

2005-11-06, 20:00 | 21 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/34453

Comentarios

1
De: João Oliveira Santos Fecha: 2005-11-06 20:33

Ora e será dessa nulidade constantemente somada que se competirá com os grandes rios de opinião. Aí na Galiza não sei, mas por aqui os blogs começam a contar. São autênticas correntes subterrâneas, não sujeitas a lobbys nem partidos, interesses ou famílias, mas que se regem exclusivamente por pura cidadania, interrogação inteligente e direito natural. Será tudo uma questão de tempo. Nem todos acordam ao mesmo tempo.
Abraço
ps a a ouvir S.Stevens, ...Illinoise



2
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-06 20:49

Poden influír como correntes subterráneas, non o nego, pero tamén me parece que a rede non dá repercutido noutros medios. Aquí na Galiza houbo fenómenos de difusión masiva coma o filme Hai que botalos que só tiveron existencia em Internet, e ningunha nos xornais, por exemplo (minto, houbo algunha alusión, case sempre negativa e procurando non citar demasiado o tema).

Paréceme que os medios non poden darlle demasiada importancia ás páxinas persoais porque non é algo que poidan non xa controlar, senón nin sequera imitar. O seu negocio é outro e fica suxeito a outras convencións nas que non caben hoxe por hoxe os mais valiosos costumes da rede: a frescura e inmediatez na xeneración de información, a retroalimentación constante dunhas páxinas a outras, a libre difusión de contidos, etc.



3
De: Vendell Fecha: 2005-11-06 23:20

Pois eu gosto moito das súas ocorrencias. Se cadra porque son un deses que entende a rede coma vehículo de información e lecer, non coma unha plataforma de negocios.

Por certo, falando de escritura, galego e rede. ¿Vostede sabe onde hai un diccionario decente?



4
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-06 23:41

Na web da Xunta hai un dicionario, e tamén na da CRTVG. Por raro que pareza entre os wikcionarios con mais entradas está o de galego. Se en algún momento lle serve un en plan reintegrata, o Estraviz é moi manexábel.

Aquí ten un dicionario galego-inglés/inglés-galego; e neste enderezo, un tradutor español-galego bastante curriño.



5
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-07 00:21

Insisto en recomendarlles o post de Brétemas con esa longa ristra de preguntas.



6
De: acedre Fecha: 2005-11-07 01:22

Tes muita razon. Os blogs son espacios libres onde unha persoa escribe o que quere.
Sobre a non difusion das pistas sobre por que a xente non abre un blog e estas acertado. Eu penso que co tempo habera mais e mais blogs. Pensa que hai uns poucos anos case ninguen tinha enderezo electronico e agora muita xente teno. E custion de tempo.

Con respecto a relacion de xente que ten internet e non ten un blog hai que comparar coa cantidade de xente que sabe ler e escribir e o numero de persoas que len e que escribe e unha minima parte.
Un saudo.



7
De: peke Fecha: 2005-11-07 12:33

Canto me aleda que puxese isto no blog, porque alí en persoa apenas lle escoitei nada.
Bicos, Martin. :)



8
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-07 12:39

E iso que me advertiu de que falara con calma, pero xa ve, a esta vaca non hai quen a quite do seu rego...

Ademais das preguntas de Brétemas, non deixen de ler as conclusións de Folerpa.



9
De: mourullo Fecha: 2005-11-07 15:21

Pawley comentado:

http://periodistas21.blogspot.com/2005/11/citas-os-blos-e-creacin-cultural.html#comments



10
De: folerpa Fecha: 2005-11-07 18:15

Foi un pracer oilo e saudalo :-)



11
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-08 00:58

Igualmente, folerpa.

Grazas, mourullo, polo aviso. O que mais me fascina de verme un texto meu en Periodistas 21 é comprobar que a anterior persoa citada é César Casal...



12
De: Pedro Lemos Fecha: 2005-11-08 14:14

E o Carta Aberta fechou.
:(
Temo-no ainda no Diarinho, uma pequena compensação.



13
De: peke Fecha: 2005-11-08 15:27

Sen ánimo de xeneralizar nin de ofender a ninguén, póñolle aquí unhas ideas sobre por que os escritores non se lanzaron coma hienas a crear o seu blog.
Agás Cau (http://pernascochas.blogspot.com) e unha servidora en Delirios (http://ficcions.blogspot.com), os escritores non son moi dados a compartir sen cobrar por iso dereitos de autor. Tampouco está de máis ter en conta o medo ao plaxio, porque en xeral os escritores son moi celosos das súas ideas e temen que llas rouben, quizais porque esquecen que as ideas non son de ninguén, que están aí para quen as quiera pillar, que o importante non é tanto a idea en si canto o tratamento que se lle da.
Teño máis ideas ao respecto, pero polo momento e se lle segue interesando o tema, continuarei noutro momento.



14
De: peke Fecha: 2005-11-08 15:29

Quixen dicir que polo momento abondaba; se lle segue interesando o tema continuamos noutro momentiño.



15
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-08 22:41

O texto da miña intervención, en español en Libro de notas.



16
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-08 22:49

Interésame moito o tema, peke. Eu tamén creo niso de que os autores non están moi polo labor, en xeral, de non cobrar polo que escriben. Paréceme que entenden que o que escriben de balde son cartos deixados de gañar, e de feito é moi frecuente que cando certo tipo de institucións ou entidades lles piden colaboracións ás que non poden renunciar pero que saben que non van cobrar, escriban unhas cousas horrendas, pavorosamente malas, uns exercizos cheos de boas intencións pero literariamente indignos. Como se o talento que tiveran, pequeno ou grande, o reservaran para "os libros de verdade", os que se cobran, os que se presentan a premios... Nese senso, a rede non pode ser territorio para eles. Aquí nos blogs un pode escribir mellor ou peor, uns días ben e outros mal, pero mais ou menos sempre coas mesmas ganas e intencións, porque se non quixeramos escribir, non escribiríamos. Non estamos atados a unha "columna diaria", a tantos euros por liña. Escribimos porque nos peta, e punto.

Tamén creo que moitos deles desprezan á rede como unha cousiña menor, do mesmo xeito que algúns novelistas desprezan aos que fan relatos, algúns narradores desprezan aos que fan poemas e algúns poetas desprezan aos que fan prosa (e todos, ou case todos, aos que fan teatro).



17
De: peke Fecha: 2005-11-08 23:13

¿Por que non o dixemos no seu momento e nos limitamos a dar voltas ao pote? Señor Pawley, vostede e mais eu temos que falar polo miúdo destas cuestións. Creo que a ambos os dous nos viría ben.



18
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-08 23:21

A referencia aos cartos xa a fixen alí, aínda que non insistín moito, porque sendo importante a min paréceme mais relevante aínda o desprezo por Internet. Por exemplo, un escritor perdería o cú por saír na tele, no arradio ou nun xornal, aínda que sexa cativo, sen cobrar un peso. A rede, porén, non cren que lles dea prestixio.

Falamos polo miúdo cando queira, peke, que cada vez que nos xuntamos váisenos o tempo sen que teñamos ocasión de dicir esta boca é miña. Eu este domingo andarei pola aldea sagrada desde a mañá á noite, sen ir mais lonxe (hai manifestación e todo). E se non, calquera outra fin de semana argallamos un xantar de confraternización.



19
De: IaRRoVaWo Fecha: 2005-11-09 17:20

Eu ao final non puiden asistir. Foi unha pena. Ás 7 tiña dentista e non me coincidian os horarios do tren...



20
De: Anónimo Fecha: 2005-12-23 14:19

nada que ver:
felices fiestas!!!!!!!
feliz blog!!!! :D

iria (avid1)
&xan
PD. algún día te llamaré para cotillear sobre la ilusiones visuales :)



21
De: Martin Pawley Fecha: 2005-12-23 15:10

Iso, iso, que hai moitas novidades ;-)

Bo Nadal!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.227.126.69 (ca58b4fcd4)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley