caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Match Point
> Match Point <



O último de Woody Allen, Match Point, é unha obra mestra indiscutíbel que supón un inagardado xiro na filmografía do cineasta. Seca, áspera, dura, atrevida, practicamente sen ningún xesto de humor, Match Point é unha nova proba da capacidade que ten este xenio para reinventarse, empregando a violencia como recurso para rematar a historia e construír con ela un discurso ideolóxico de enorme potencia. Un Woody Allen afastado dos clixés e os recursos que o fixeron universalmente coñecido, que somete o espectador á perversidade de se identificar cun asasino, e que vai arroupado por un excelente reparto no que sobresae o protagonista, un colosal Jonathan Rhys-Meyers, adorábel e odiábel a partes iguais. (Vieiros, 25/09/2005)

Custa recoñecer en Match Point a man do grande director neiorquino. Está, e moi presente, pero non se ve dun xeito tan explícito e claro coma noutros filmes. Woody Allen despístanos mudando o seu escenario habitual pola paisaxe gris de Londres e poñendo no centro da acción a uns personaxes que, por idade e por orixe, nunca antes viramos na súa filmografía. O protagonista de Match Point é Chris Wilton (Jonathan Rhys-Meyers), un ex-xogador de tenis que se pon a dar clases nun clube para ricos e grazas a iso chega a formar parte da alta sociedade ao casar coa filla dunha familia adiñeirada. Ao mesmo tempo cae fascinado por unha rapaza americana (Scarlett Johansson) prometida co seu cuñado, e inicia con ela unha relación adúltera con tráxicas consecuencias. As relacións de parella de Match Point son tipicamente allenianas: tremendamente apaixonadas até un certo momento no que, sen saberse moi ben a razón, os sentimentos cambian e a atracción esvaece de xeito case abrupto. O personaxe de Jonathan Rhys-Meyers está fatalmente enganchado ao de Scarlett Johansson, cousa que se fai evidente en moitas escenas pero sobre todo na que pasa por ser a miña favorita: aquela na que el lle suplica tras un encontro casual nun museo que lle dea o seu número de teléfono, amosando desesperación e necesidade con mínimos e furtivos xestos, os de quen quere facer algo que sabe que non debe. O protagonista chegará logo a un punto sen retorno que intentará resolver pola vía rápida; aparecen entón ocasionais lóstregos de comedia por medio duns fantásticos investigadores da policía encarnados por James Nesbitt e Ewen Bremner, pero para esa altura da película o humor é xa necesariamente negro. O desenlace de Match Point engade aínda maiores doses de cinismo, pero coa suficiente intelixencia como para que poidamos facer leituras moito mais profundas e seguramente mais crueis. Mais emparentada con Crimes and misdemeanors que con Melinda and Melinda, pero aínda con mais toneladas de perversidade que a primeira, Match Point é -mentres ninguén me demostre o contrario- a mellor película deste 2005, unha xoia que nos confirma que os xenios o son xustamente porque sexan cales sexan as circunstancias podemos confiar sempre neles.

2005-11-04, 10:51 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/34384

Comentarios

1
De: Kamikaze Fecha: 2005-11-04 11:58

Non me poñas fotos destas, que me hipnotizo e non lle leo todo o (ben) que escribe.
:-)



2
De: Martin Pawley Fecha: 2005-11-04 13:22

Nada, home, foi unha foto que puxen ao chou. Apenas reparara nela, de feito. ;-)



3
De: jorge Fecha: 2006-01-15 14:00

Por fin conseguín ver "Match point"; xenial, incríble, decadente, crítica, e, ó mesmo tempo, pesimista; non vos queda ó final o regusto de que o xenio nos está dicindo que hai algunha xente (que soen ser guapos e ricos) que sempre se sae coa súa?
Por certo, o guión parece que tardara anos en facelo, do perversamente perfecto que é.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2006-01-15 20:40

Inesperadamente perfecto, mesmo para alguén como Woody Allen.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.16.10 (f23115c6d6)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley