Este blog ten unha certa querencia pola Morte, que asomou coma personaxe en dous pequenoscontos -mínimos, mais ben- cuxa autoría non me avergoña demasiado. Non lles é tampouco descoñecida a miña profunda admiración por algúns textos de Mariasun Landa, en especial ese relato sublime, un dos mais fermosos que eu lin nunca, chamado Herioa eta Maistra (A morte e a mestra). En vésperas de Santos e Defuntos, mais unha vez, comparto aquí con todos vostedes esa excepcional celebración do poder da palabra e a imaxinación:
A Morte e a mestra Mariasun Landa
A Morte entrou paseniño naquel cuarto. A tarxeta que levaba na man era moi sucinta e dicía así:
Muller de sesenta e oito anos. Foi mestra noutrora. Viúva. Non ten fillos. Tranquila, teimuda e apaixonada pola leitura. Vive soa. Traballo sinxelo.
A Morte andaba depresa e vendo que se trataba dun caso sen dificultades dispúxose a cumprir canto antes coa súa obriga. Contodo, estrañouse ao se achegar cara a súa vítima: estaba na cama, por suposto, mais arrodeada de libros e dicionarios; estaba pálida, por suposto, mais escribindo con moito coidado algo nun caderno. Custáballe respirar, por suposto, mais no seu ollar aínda asomaba o resplendor da vida...
Ben, non era a primeira vez que tiña que levar alguén contra a súa vontade, así que se puxo diante dela e empregou a fórmula habitual:
-Ven comigo. Chegou a túa hora.
Aquela muller ergueu a vista do caderno e non fixo ningún xesto de abraio diante da Todopoderosa Morte que se presentara alí para cortarlle o alento definitivamente...
-Vexo, si, que vén vostede na miña procura, Todopoderosa Dama, e diríalle que estou preparada se soubera dar cun final para este conto que inventei. Ese é o delgado fío que me ata á vida e debo confesar que para min sería moi benvida a súa axuda para cortar por fin esa ligazón...
Á morte non lle pareceron raras aquelas palabras. Moitos eran os que ao final imploraban a súa axuda e a súa piedade. Ía responder cando, de súpeto, a que fora mestra dixo desde a súa cama:
-Trátase dunha muller que en tempos foi mestra e que ao recibir a visita da Todopoderosa Morte pídelle que a axude a rematar o conto que estaba escribindo...
-Vaites, vaites! -sorriu a Morte amosando os seus dentes negros negros.
-A Morte pensa que é unha cousa sinxela, mais ela tampouco é quen de acabar o conto...
-E logo pódese saber por que?-preguntoulle a Morte á mestra sarcasticamente, mentres afiaba a súa terríbel gadaña.
-A resposta é moi delicada. E hai moitas versións, Respeitabilísima Dama. Se cadra é que a Morte non leu libros abondo, nin escoitou contos abondo.
-Xa veremos!-moumeou a Morte desafiante. Arrancou o caderno das mans da mestra de xeito groseiro e torpe. E púxose a ler:
"A Morte entrou paseniño naquel cuarto. A tarxeta que levaba na man era moi breve e dicía así:
Muller de sesenta e oito anos. Foi mestra noutrora. Viúva. Non ten fillos. Tranquila, teimuda e apaixonada pola leitura. Vive soa. Traballo sinxelo.
A Morte andaba depresa e vendo que se trataba dun caso sen dificuldades dispúxose a cumprir canto antes coa súa obriga...
Contodo, estrañouse...
Mais no seu ollar aínda asomaba o resplendor da vida...
Ben! Non era a primeira vez...
Así que se puxo diante dela...
Ven comigo. Chegou a túa hora.
Vexo, si, que vén vostede na miña procura, Todopoderosa Dama, e diríalle que estou preparada se...
Á morte non lle pareceron raras...
Trátase dunha muller que en tempos foi mestra e que ao recibir a visita da Todopoderosa Morte ...
Vaites, vaites!
Amosando os seus dentes negros negros.
Ela tampouco é quen de acabar o conto.
E logo pódese saber por que?
Sarcasticamente.
Non leu libros abondo, nin...
A Morte arrancou o caderno...
E púxose a ler...
"A Morte entrou paseniño naquel cuarto...
A Morte andaba depresa.
Á Morte non lle pareceron raras.
Foi mestra noutrora.
Ao recibir a visita da Morte pídelle...
Sorriu a Morte.
A Morte pensa que é unha cousa sinxela.
Vaites, vaites!
Ela tampouco é quen de acabar o conto.
Afiando a súa gadaña.
Non lera libros abondo...
Non escoitara contos abondo...
Xa veremos!
E púxose a ler.
Incrible e inxeñoso conto. Grazas polo achádego. Faime lembrar aquel "Conto da boa pipa" que me contaba miña nai de pequecho. Como se chamarían agora... contos en bucle?...
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)