O luns 31 ás 13 horas o concelleiro de Cultura de Santiago, Néstor Rego, vai presentar en rolda de prensa a programación deste ano da mostra de cinema Cineuropa. Facendo un repaso rápido polas películas escollidas atopo sen esforzo tres ducias de títulos verdadeiramente interesantes, o cal dá idea da espléndida selección feita este ano polos organizadores. Non vou entrar en detalles porque me pediron algo de discreción e eu son moi cumplidor; deixaremos iso para mañá, aínda que a pouco que busquen han descubrir todo o que queiran saber. Si lles adianto xa que o filme elixido para a xornada inaugural é magnífico, unha obra divertidísima e ao tempo profundamente inquietante...
-Imprescindíbeis, para ver de xeonllos: Ordet e Gerturd, de Carl T. Dreyer, que tamén van ser proxectadas en Cineuropa; e os Contos de Tokio de Yasujiro Ozu.
-Será interesante ver algúns dos "Quixotes". O de Pabst con Feodor Chaliapin Sr, o pai de Feodor Chaliapin Jr, o Jorge de Burgos de "O nome da rosa", e o de Kozintsev con Nicolai Cherkasov, unha das mellores voces escoitadas nunca no cinema. O refrito feito por Jess Franco dos restos rodados por Orson Welles nos anos 50 foi algo contestado, pero pagará a pena velo, con certeza.
-Moi recomendábel, aínda que só sexa por razóns históricas, o pase de cinco curtametraxes pioneiras do cinema galego, feitas pouco despois da morte de Franco.
-Curioso revisitar a Crónica dun amor agora que está en cartel o último traballo de Antonioni, con críticas algo demoledoras, por certo...
-E mais curiosa aínda a proxección dunha película de Bela Tarr, un raro entre os raros que vai ser homenaxeado no Festival de Cine de Sevilla: unha das súas películas, Sátántangó, esténdese ao longo de sete horas e media. O CGAI vai pasar As harmonías Werckmeister, que dura cinco horas menos. Haberá que botarlle un ollo.
Comentamos, xa postos, o que se verá no Fórum Metropolitano. Na Sala Marilyn Monroe programarán películas previstas para o mes pasado cuxas proxeccións houberon ser adiadas por mor da folga de transportes: La dolce vita, de Federico Fellini; Primavera, verán, outono, inverno e primavera, de Kim Ki-duk; Senso, de Luchino Visconti, e Ninguén sabe, de Hirokazu Kore-eda. Non sinto especial agarimo por Kim Ki-duk, pero si recoñezo que é un tipo interesante. A de Kore-eda é un filme que empeza moi moi moi ben pero acaba sendo algo frustrante, cun final innecesariamente melodramático e unha sensación xeral de que as ideas son boas pero non dan para cento corenta minutos. Na Sala Fernando Rey veremos varios documentais. Obrigado Os espigadores e a espigadora, de Agnès Varda. Haberá que descubrir A vida sen Brahim, de Laurent Chevallier, e Non me veñas con historias, traballos que se achegan ao tema do racismo. Tout pres des etoiles é un documental sobre os bailaríns da Ópera de París, dirixido por un fillo de Bertrand Tavernier. Por último, En el mundo a cada rato é un benintencionado conxunto de cinco episodios que reflicten a situación da infancia no mundo, dos cales só o final, rodado por Javier Fesser, é verdadeiramente estimulante: Binta y la gran idea, unha delicia que paga a pena ver.
Tamén meten algo chamado El espigón, que sospeito debe ser o excelente La Jetée de Chris Marker, un fascinante e provocador exercizo de estilo que inspirou os Doce monos de Terry Gilliam.
Días 17, 18 y 19 de noviembre: "En el mundo a cada rato"
O de Cineuropa é todo un luxo. En poucos sitios poden disfrutar de semellante carteleira e con eses prezos. Nunca estaremos suficientemente agradecidos.
Eu vou intentar pillar un bono de 10 películas e xa teño elexidas 8 (A cova do can amarelo, O arco, O ocaso do samurai, O pozo, A elección, Naina, CSA e Un día en Europa) Haber se me podías recomendar dúas, que ando un pouco perdido...
Confederate States of America pode verse, pero teña seguro que na programación hai cousas mais valiosas. Na súa estrutura imita a un documental de televisión con cortes publicitarios e todo (e tan falsos como o propio documental). O problema é que acaba sendo demasiado reiterativo, e en canto desaparece a sorpresa (ao cabo de vinte minutos) o filme vai esmorecendo pouco a pouco e mesmo resulta un chisco longo de mais.
Sorpréndeme, ifrit, que na súa selección non apareza o mais apetecíbel dos produtos orientais desta edición: O sabor da sandía, de Tsai Ming Liang...
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.