caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Fuera maricones
> Fuera maricones <

Leo en Vieiros a noticia dun curioso aniversario. Resulta que hai hoxe vinte e cinco anos dous gais entraron na moi céntrica cafetería Manhattan da Coruña coa intención de tomar unha cervexa, ou unha mirinda, vaian vostedes a saber, e o único que recibiron como resposta por parte do dono do local foi que "a xente coma eles non se lles atendía". A xente como eles deben ser, imaxino, os cidadáns que van de dous en dous, chamados polo común "parellas", en especial as que se queren, ou as que se queren o suficiente como para exhibir xestos que delaten o seu amor a distancia, facéndoas recoñecíbeis á vista do primate que estaba detrás da barra. Ao mellor é que ían collidos da man, ou que se bicaron, ou calquera cousa así de horríbel. A quen se lle ocorre, bicarse. Que barbaridade.

A historia non acaba aí, non. Unhas poucas horas mais tarde formouse diante do local unha concentración de gais, lesbianas e xente próxima a organizacións de esquerda que se dedicaron a pedirlle consumicións ao dono do bar para despois saíren á rúa sen pagalas. Uns tres centos, disque, no que vén sendo o primeiro gran acto de protesta homosexual celebrada na Galiza. Coma o de Stonewall, pero mais pacífico: un xenuíno acto de rebeldía ao estilo Rosa Parks.

Mudaron moito as circunstancias neste tempo, pero non tanto como deberan. Para conmemorar a efeméride, a Federación Aturuxo de Colectivos LGBT quixo organizar un acto de homenaxe aos pioneiros daquela loita, e pretendeu facelo na mesma cafetería Manhattan como un símbolo do cambio, pero o propietario negouse por completo (xa saben, pois, onde non deben ir tomar cafés cando estean na Coruña). O caso é que o acto vai ter lugar, finalmente, no Fórum Metropolitano, o venres 28 ás 20:30. A esas horas eu andarei exercendo de aborixe cinéfilo, pero en canto acabe marcho para alá a facer vulto. E vostedes tamén deberan ir, e de paso saquen entradas para ver alí mesmo e en versión orixinal Ferro 3, a de Kim Ki-Duk, que ten unha primeira metade boísima e unha segunda metade inintelixíbel.

2005-10-26, 01:50 | 9 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/34112

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-26 01:57

Hai mais cousas que cumplen este ano vinte e cinco aquí na Coruña, e bastante mais gratificantes por certo, pero para iso hai que agardar ao 29 de decembro.



2
De: Zeitnot Fecha: 2005-10-29 17:06

Sutil manipulación, muy sutul...



3
De: Zeitnot Fecha: 2005-10-29 17:26

O que quería decir é que iso de face-lo post en galego salvo o de Fuera Maricones parece un poco reotorcido.

Non quería facer spam. Saudos



4
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-29 18:14

Os posts aquí aparecen sempre en galego. O título é sensacionalista a propósito; quero que o post se lea, canto mais mellor, e sobre todo na parroquia blogalita que me acolle. Ten vostede todo o dereito do mundo a considerar "condenable" o post e o seu título, pero verdadeiramente non vexo a razón. Se o título fora un rotundo Fora panascas, sentiríase igualmente ofendido?



5
De: Zeitnot Fecha: 2005-10-29 18:25

A miña pregunta é porqué o título va en castelán e o post en galego. ¿Non hai homófobos galegoparlantes?



6
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-29 18:56

Obviamente, si. Debe deducirse dun título en español que "todos os que empregan esa lingua son homófobos"?

Pobres os alemáns, entón. Dígoo por aquilo do Arbeit Macht Frei.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-29 19:01

Por certo, se segue paseando pola páxina verá que entre os últimos posts, todos eles en galego, hai títulos en español, en portugués e mesmo en inglés. Pódeme dar a súa interpretación dos mesmos?

Fuera maricones sae en cursiva. Inspíralle iso algunha análise?



8
De: Zeitnot Fecha: 2005-10-29 19:31

A miña interpretación é que vos escribides en galego. E agás cando citades algo noutro idioma, os títulos tamén van en galego.

Se co uso das cursivas está a dicir que a frase é unha cita, entón puiden equivocarme. Pero eu nin me decatara delas, e dende logo non pensei que estiveran citando a ninguén.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-29 20:06

Pois interpreta vostede mal.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.225.16.10 (f23115c6d6)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley