caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Cinema e Premios Nobel
> Cinema e Premios Nobel <

Sen a mais mínima dúbida é o dramaturgo británico Harold Pinter, entre todos os galardoados co Nobel de Literatura, quen ten unha relación mais estreita e persistente co mundo do cinema. As primeiras notas de prensa tralo anuncio do premio citaban repetidamente o seu guión para o filme de Karol Reisz The French Lieutenant's Woman, polo cal recibiu a súa primeira nominación ao Oscar, feito que se repetiría dous anos despois con Betrayal, sen éxito para el en ambos casos. Algo mais de tempo tardaron algúns en lembrar que era Harold Pinter o guionista de varios dos mais celebrados traballos de Joseph Losey no seu exilio británico, como The Servant, Accident e The Go-Between, que algunha televisión pública debería rescatar urxentemente. Pinter mesmo chegou a dirixir unha película, Butley, e apareceu en varias como actor, a última The Tailor of Panama, e un pouco antes na excelente adaptación que fixo Mike Nichols para a HBO da obra Wit, onde facía do pai da protagonista, Emma Thompson.

Pinter non é, nin moito menos, un caso único. Consultando unha base de datos como IMDB un acaba descubrindo nomes tan inesperados como os de Elfriede Jelinek, Pearl S. Buck ou Gunter Grass, que disque botou unha man cos diálogos de Die Blechtrommel (O tambor de folla de lata). Non tan ignorado é o labor como guionistas de Gabriel García Márquez e Naguib Mahfuz, aínda que os seus filmes resulten na inmensa maioría dos casos completamente descoñecidos. O italiano Dario Fo fixo tamén cinema e televisión, e a primeiros de novembro poderemos velo no estupendo documental de Sabina Guzzanti Viva Zapatero!. Outro rebelde do teatro, Samuel Beckett, está detrás de Film, unha das últimas aparicións na pantalla de Buster Keaton. O novelista americano Saul Bellow asomou nunha das obras maiores de Woody Allen, Zelig, e Camilo José Cela fixo o propio nun filme infinitamente menos valioso, La Colmena.

Quizá algúns de vostedes saiban que George Bernard Shaw gañou por Pygmalion un Oscar de Hollywood trece anos despois de obter o Nobel, e que o escritor irlandés considerou iso case un insulto. Non gañou o Oscar, e tanto ten porque con certeza non o recollería, Jean Paul Sartre, nominado en 1957 por Les Orgueilleux. Tampouco tivo esa sorte John Steinbeck, e iso que estivo proposto aos premios da academia en tres ocasións, polos argumentos de Lifeboat, de Alfred Hitchcock e A Medal for Benny, e logo polo guión de Viva Zapata, de Elia Kazan, con quen tamén colaborou en East of Eden aínda que non estea acreditado. Outro dos guións de Steinbeck é o de La Perla, que levou ao cinema o inxustamente esquecido Emilio "Indio" Fernández.

O mais grande de todos os escritores-guionistas é, contodo, William Faulkner. Participou de xeito mais ou menos anónimo en tres grandes películas de John Ford dos anos trinta, Four men and a prayer, Submarine patrol e Drums along the Mohawk, e mais adiante nun famoso melodrama de Michael Curtiz, Mildred Pierce, e nun título mítico de Jean Renoir, The Southerner, pero o verdadeiramente salientábel son os guións que escribiu para Howard Hawks, un deles xa despois de recibir o Premio Nobel: Land of the Pharaohs, filme algo delirante ambientado no Antigo Exipto protagonizado por Jack Hawkins e unha xovenciña Joan Collins, moito antes de converterse na mala de Dinastía. Dez anos antes, To have and have not amosábanos a unha Lauren Bacall aprendéndolle a asubiar a Humphrey Bogart, pero a mellor de todas é The big sleep, versión da novela homónima de Raymond Chandler que acabou sendo unha das mais perfectas pezas do xénero negro. Pouco importa que non entendamos ben de que trata exactamente: nin sequera o entendían os seus autores. Contan que Howard Hawks, non sabendo quen mataba a un dos personaxes da película, pensou en preguntarllo a Faulkner en calidade de guionista. Cando este dixo que el tampouco o sabía decidiron consultalo co propio Raymond Chandler, quen recoñeceu non ter a mais mínima idea respondendo cunha frase clixé: The butler did it. Foi o mordomo.

Actualización 2006: O turco Orham Pamuk tamén ten un pasado cinematográfico: foi guionista do filme Gizli yüz, que competiu no Festival de Venecia do 1991.

2005-10-16, 19:15 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/33842

Comentarios

1
De: IVAN Fecha: 2005-10-18 00:48

boas martin,non e o lugar mais apropiado, mirei o que me dixeras entra en http://www.fmcva.org/ e mira na programacion do segundo semestre,saudos dun traballador



2
De: Carolina Fecha: 2005-10-18 09:45

E Scott Fitzgerald? Fixo algo interesante na súa triste a etílica etapa de guionista?

Que curioso o de George Bernard Shaw con Pygmalion, non tiña nin idea...

Sobre "The French Lieutenant's Woman", eu lera o libro moito antes de ver a película e, aínda que a fun ver predisposta a que me resultaría unha decepción (que maravilla de novela, con eses deslumbrantes saltos no tempo, como en Ada, de Nabokov, ou en Orlando, de Woolf) gustoume a adaptación que se fixo dela.

Como apetece ver outra vez todas esas películas de Losey!



3
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-18 16:16

Scott Fitzgerald non chegou a aparecer acreditado como guionista en case ningún dos filmes nos que traballou; apenas en Three comrades. Un dos filmes nos que deixou algunha pegada é nin mais nin menos que Gone with the wind: a el atribuéselle a frase de Ashley "My men are barefooted now, and the snow in Virginia is deep", "Os meus homes van descalzos e hai moita neve en Virginia".

De todos xeitos, Scott Fitzgerald non obtivo o Nobel de Literatura.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-18 16:25

A muller do tenente francés non é, por certo, a única novela de John Fowles adaptada ao cinema con singular fortuna. Lembre o caso de O coleccionista, na miña opinión unha das mellores películas de William Wyler.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.224.184.33 (69dce31260)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley