A vella cuestión de qué estrutura política e social é a mellor para o mundo parece ter sido xa respondida. Gañou o Capitalismo. A forma última das sociedades do futuro é a das "democracias consumidoras", que son vistas como "civilizadas" e "boas". Nun senso darwiniano o "bo sistema" gañou. E gañou tanto pola vía de convencer aos seus inimigos como pola de eliminalos.
Quen así fala é Hubert Sauper, o director de Darwin's nightmare (O pesadelo de Darwin), un documental escalofriante e incribelmente inspirador que constrúe con limpeza unha poderosa metáfora sobre a Nova Orde Mundial e os seus mais nefastos resultados. Nos anos 60 foron introducidos no Lago Victoria, en Tanzania, uns exemplares de perca do Nilo, unha especie comestíbel que se adaptou divinamente ao seu novo contorno acabando coas que eran propias do lago. Ao redor da perca naceu unha industria tan espectacular como efémera, cunhas exportacións diarias de mais de cincocentas toneladas de peixe en filetes que dan de comer a dous millóns de europeos e xaponeses. O Terceiro Mundo alimenta ao Primeiro e garda para si as raspas; a cambio, o Primeiro Mundo premia ao Terceiro coas armas e as guerras que o manterán mergullado na pobreza: debe ser iso o que chaman "globalización". Unha verdadeira obra mestra que poderán ver mañá na Coruña ás oito e media no CGAI.
Había tempo que non lía uns versos que dixeran algo, que non se limitaran a ser tan só palabras unhas detrás das outras, cumprindo a maldición da poesía moderna. Estes de Amadeu Baptista que me acaban de pasar por Messenger péganse como unha luva ás imaxes de Hubert Sauper:
Lava pés
Cinguido o corpo aos vossos pés solenes,
com os joelhos em terra e as mãos na água,
inclinando-se a cabeça para o chão e o olhar
à tensão das coisas submetido,
suporto-vos a maldição de serdes homens,
criaturas da terra que o céu acossa.
¶
Acabo de ler nun antigo post teu que falabas sobre "A Nova Pataca". Alí fun eu! Gústame moito o sitio, ten un mural precioso e fan tapas moi ricas ;-D! Ao mellor vou mañan ata alí tomar algo despois do concerto de Susana Seivana. É ás 8:30 ou 9:00 en María Pita.
Un saúdo
Desacougante e necesario viaxe ao corazón das tebras, onde aprender aínda tanto da condición humana con eses pilotos da ex URSS, as prostitutas, o director dunha factoría, o garda, o reverendo, o neno a carón do lago que desexa ser piloto, etc. Fermosísimo relato da crueldade.
mourullo, pois se vai mañá a ver Presidente Miterrand ou o sábado a de Kore-eda, aínda habemos de coincidir. Saúde e/ou convide a un café, faga o favor. ;-)
david, a min tamén me encanta "A Nova Pataca", e de feito é mais que probábel que mañá ou pasado pase por alí a tomar unha cervexa ou un viño, acompañado dun deses xa míticos bistecs.
Non sei se alguén interesado neste documental lerá esto un mes despois da aparición da nota de Pawley, de todos xeitos comento: Darwin's nightmare proxectarase en Cineuropa (Santiago) o sábado 19 e o domingo 20 de novembro. Detalles na páxina de cineuropa. Saúdos.
O sistema de comentarios está á disposición dos leitores de "días estranhos" exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.
(texto copiado hai anos do Carta aberta, que á súa vez llo agradecía ao Inagaki)