caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Queimar escolas, 2 (Reflexión post-eclipse)
> Queimar escolas, 2 (Reflexión post-eclipse) <



Fico tan feliz pola contemplación do eclipse anular que acabo por crer que todo o mundo está compartindo a miña mesma emoción, o meu inmenso entusiasmo ao ver o Sol convertido nunha rosca fina, cuberto pola Lúa, cos meus ollos debidamente protexidos por esas gafas que unha señora se empeñou en querer comprarme por menos do que valían e que outra quixo levar no bolso "como recuerdito". Quen poderá esquecer a espectacular imaxe dos centos de soles desparramados polo chan ou subindo polas escaleiras do parque de Santa Margarita, o froito fermosísimo da viaxe da luz a través das follas das árbores? Ese será, por riba de todos, o recordo que eu gardarei da mañá do tres de outubro, xunto coa ledicia de compartir outra xornada fantástica con xente que se revela sempre moi agradecida.

Por iso me estrañou tanto oírlle dicir pola tarde a un estudante de E.S.O dun instituto coruñés que só puido ver o eclipse apenas un minutiño durante o recreo, e iso grazas ás gafas que levou unha amiga. Sorprendeume descubrir que o seu profesor de Física continuou hoxe, como fixo os días anteriores, dictando estúpidos exercizos de cinemática sobre móviles que se desprazan desde un punto A até un punto B, sen reparar en que este era un día estupendo para dar unha clase práctica de astronomía. Tampouco me explico como é que o profesor de Tecnoloxía non pensou en saltarse o temario e dedicar unhas horas a construír cos rapaces artefactos de proxección como o que propuxo Vendell que puideran ser empregados para a observación do eclipse. Non podo comprender que ningún dos seus profesores tivera o mais mínimo interese en botar un ollo por fora da xanela, nin o de matemáticas, nin o de inglés, nin o de lingua, ou o de lengua, ou quen fose. Que ningún deles, en suma, desexara que os seus alumnos vivisen unha experiencia que para a maior parte deles non se vai repetir até dentro de vinte anos.

Eu xuraría que iso do coñecemento serve fundamentalmente para entender o mundo que nos rodea, pero parece que hai quen cre que todo o que aprendemos tan só vale para meter logo por riba outras cousas diferentes, na medida do posíbel ben abstractas e intanxíbeis. Atendendo a esa lóxica a ciencia non debe buscar respostas á pregunta "por que sucede todo o que sucede" senón que unicamente debe intentar explicarse a si mesma, amparándose en teorías e resultados que funcionen, na práctica, como puros dogmas. Pola mesma regra de tres nada na arte é opinábel nin admite discusión: o que é, é, e polo tanto serán grandes escritores aqueles que o libro diga que o son. E o espírito crítico, se hai sorte, que quede para o recreo. Como os eclipses anulares.

dos arquivos estranhos: Queimar escolas * Idiomas pobres, jitanos con navajas e outros mitos do mundo moderno

2005-10-04, 02:22 | 10 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/33517

Comentarios

1
De: Vendell Fecha: 2005-10-04 08:21

E os rapaces... ¿cómo é que non se rebelaron? ¿O é que non sabían do eclipse tanto como os profesores?



2
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-04 10:59

Pois diría que:

1) Os rapaces nunca se rebelan por cousas así. Dan por bo que a cultura consiste unicamente no que poden aprender nunha aula. O resto, ou non é necesario, ou non é cultura.

2) Algúns deles seguramente sabían sobre o eclipse tanto como os profesores, é dicir, o que contou a televisión os días previos. Pero boa parte dos rapaces seguramente nin se enterou, ou polo menos non tiña unha idea moi clara do que ía suceder e do que podería observar.

3) En todo caso, aos que lles correspondería saber moito do eclipse é aos profesores, por idade e por oficio.

4) O ensino e a divulgación consiste na transmisión de coñecementos. E como dita transmisión non depende só do emisor, senón tamén do receptor, soe ser moi conveniente que o emisor lle poña algo de interese e entusiasmo. Se un nin sequera ten interese en comunicar aos seus un fenómeno mais ou menos excepcional, non vexo como poderá comunicar logo con graza a lei de Ohm.

5) O das paranoias esas que contaba a prensa de xente que recomendaba pechar aos nenos en ximnasios ou taparlles os cristais dos autobuses para que non tivesen a tentación de mirar ao ceo, mellor non falo. Certamente é un perigo: quizá a algún rapaz se lle ocorra facelo e ao ver o baile agarrado da Lúa e o Sol acabe preguntándose por cuestións gravitatorias moito antes de que lle aparezan no libro de texto.



3
De: yildelen Fecha: 2005-10-04 22:37

Comprendo su mosqueo, a mi me pasó algo parecido cuando intenté, junto con otros profes, organizar la observación con todos los alumnos del centro. Desde jefatura se nos contestó que era una actividad incontrolable, que suponía implicar a todo el profesorado para que se hiciera cargo de su grupo, que todo era muy precipitado, etc.. Al final conseguimos llevarnos a unos cuantos cursos fuera del centro y no hubo ningún problema.

Hay profes para todo... Pero está clara la importancia de mostrar entusiasmo e interés, siempre hay alumnos que responden a ello con creces. Y no se me ocurre recompensa mejor para un profesor.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-04 22:48

Hoxe faláronme doutro instituto no cal a dirección decidiu (e ordeou) que o luns os nenos non saísen ao recreo para evitar "o risco" de que mirasen ao Sol. Eu xa fico sen palabras, a verdade.



5
De: David Fecha: 2005-10-05 16:16

O luns faltamos un amigo e eu á clase para ir ao parque de Santa Margarida a ver o eclipse. Foi precioso!!! E o meu amigo e eu faltamos porque na miña escola non nos ían deixar velo. E vou en 2 da ESO! Vírono desde a ventana da clase porque un rapaz levara as gafas, que senón nen o vían. E o simpático é que a clase que coincidía nesa hora era Ciencias da Natureza! Sen Comentarios...

PD:Está moi ben o teu blogue. Cando queiras visita o meu ;-D.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-05 23:21

Pois non lle digas ao teu profesor e aos teus pais que cho dixen, pero penso que fixeches moi moi moi moi moi ben, David. Iso é ciencia aplicada, si señor, e o demais son lerias.

Visitarei o teu blog encantado se me dis cal é, claro.



7
De: David Fecha: 2005-10-06 14:39

Ah xD! Perdoa, púxeno no cadro que pon URL porque pensei que se ía ver ;-D. É davidfontan.blogspot.com.



8
De: David Fecha: 2005-10-06 14:41

Por certo, faltei á clase con permiso, que me deixaron os meus pais xD.



9
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-06 15:23

Para que apareza o teu nome coa ligazón ao teu blog tes que poñer no cadro correspondente o enderezo URL enteiro, co http:// diante. Así: http://davidfontan.blogspot.com. O que quedará despois á vista será isto: David.

E transmítelle os meus parabéns aos teus pais, por teren mais sentidiño que os teus mestres. ;-)



10
De: David Fecha: 2005-10-06 15:32

Ok, transmitidos serán ;-D.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.166.238.61 (01bd5c8f63)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley