caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Eclipse anular
> Eclipse anular <



Pouco despois das nove e media da mañá do tres de outubro a Lúa empezará a aparecer por diante do Sol, ocultándoo progresivamente ao longo dunha hora até cubrir o 90% da súa superficie a iso das once menos dez. Nese intre o Sol só nos amosará unha estreita franxa circunscrita á Lúa, suficiente en calquera caso para iluminar mais que de sobra a parte da Terra que nos rodea. O eclipse non é total, senón anular, e polo tanto non chegará a "facerse de noite" por uns minutos; para iso deberemos agardar outros vinte anos, até o eclipse do 2026, pero con certeza a experiencia de mañá será igualmente valiosa, e a redución de luz durante a ocultación, non sendo absoluta, si será mais que aprezábel (reparen outra vez no dato: no momento do máximo só un 10% do disco solar ficará á vista).

No suplemento La Voz de la Escuela poden ler un estupendo artigo de Marcos Pérez sobre o eclipse. Na web da agrupación Io hai unha completísima sección con todo o que vostede quixera saber sobre o tema pero nunca se atrevería a preguntar. Mais aínda: un grupo de compañeiros da agrupación está neste mesmo momento desprazándose a Zamora, lugar desde onde o luns retransmitirán o eclipse por Internet, así que estean moi atentos. E por se todo isto non lles parece dabondo, visiten a páxina que creou a xente do Planetario de Pamplona; a do Clube Vega compostelán; o blog de Víctor R. Ruiz e o de Ángel R. López Sánchez, e por suposto InfoAstro, que inclúe unha interesantísima entrevista con Javier Armentia.



Seguro que o saben porque xa o escoitaron milleiros de veces, pero sempre paga a pena insistir: é extremadamente perigoso mirar ao Sol sen a protección axeitada, pois poderíamos sufrir queimaduras irreparábeis na retina. Non serven de nada os típicos trucos caseiros, como o emprego de radiografías, CDs ou negativos velados, e por suposto tampouco valen as gafas de sol, debido a que estes obxectos só filtran unha pequena parte da luz visíbel pero non impiden o paso da radiación ultravioleta e a infravermella, co cal o perigo é o mesmo que ollando a simple vista ou maior incluso por mor da aparente e falsa sensación de seguridade que poderían proporcionarlle a un observador incauto. Só podemos mirar para o Sol empregando gafas para eclipse homologadas, que levan filtros específicos cun elevadísimo factor de protección. Estas gafas están deseñadas para a observación a simple vista e non poden ser empregadas en ningún caso como filtro para uns prismáticos ou un telescopio. Revisen que o seu estado de conservación sexa perfecto, descartándoas inmediatamente se detectan nelas pequenas roturas ou rabuñazos. Aínda coas gafas postas non é recomendábel ollar para o Sol por espazo de mais de tres ou catro minutos seguidos.



Unha alternativa cómoda, eficaz e totalmente segura consiste en proxectar a imaxe do disco solar sobre unha pantalla, tal e como nos amosa o gráfico que aparece sobre estas liñas. É unha técnica moi sinxela ao alcance de todo o mundo: construír un instrumento como o que nos propón Vendell neste PDF lévanos mais ou menos o mesmo tempo que tardamos en tomar un café. Unha última opción é achegarse ás observacións públicas que os diferentes museus científicos e agrupacións astronómicas teñen previsto para o luns. Na Coruña será como sempre a Casa das Ciencias (no Parque de Santa Margarita) o escenario central de todas as actividades.

Mais nada. A disfrutar!

dos arquivos estranhos: Tránsito e infortunio * Atendendo á estrela panadeira * Unha escusa para mirar ao ceo.

2005-10-02, 19:35 | 2 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/33474

1
De: Cuaderno de bitácora Fecha: 2005-10-02 19:50

Preparativos para el eclipse (III): «Última y definitiva predicción del Instituto Nacional de Meteorología: «En la franja geográfica en la que el eclipse será anular, es decir, desde el oeste de Galicia hasta Valencia y Alicante, los cielos estar»



Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-10-03 15:11



A derradeira imaxe captada polos compañeiros da agrupación.



2
De: Pedro Lemos Fecha: 2005-10-08 20:28

Gostei das fotos, Martin! Parece ter sido um bonito eclipse. As dicas para a observação foram perfeitas: eu mesmo estou pensando em comprar um óculos de soldador (sabe, que faz soldas em metal?) para acompanhar os próximos eclipses que tiverem aqui pelo Sul. O próximo eclipse total do Sol por estas bandas será na Argentina e parece que a faixa passará por Buenos Aires, a capital!! Um abraço!!



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.224.109.48 (753af037c7)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley