Paradise now, de
Hany Abu-Asad. Un retrato intelixente e honesto de dous xoves palestinos escollidos para cometer un atentado suicida. Unha obra imprescindíbel e chea de verdade que intenta comprender as razóns polas que un ser humano acepta morrer matando. Cine valente afastado dos tópicos que mesmo se permite algún xiro de humor negro (reparen na escena da gravación do comunicado dos terroristas) e que ofrece noventa minutos de máxima intensidade e emoción, ao estilo do mellor cine político de Costa-Gavras ou Gillo Pontecorvo. Soberbios os dous protagonistas, Kais Nashef e Ali Suliman, polos que é imposíbel non sentir simpatía xa desde a primeira escena.
Holy Lola, de Bertrand Tavernier. Un filme épico sobre parellas que se queren e que optan pola adopción internacional, padecendo infinidade de sacrificios burocráticos até acadar os seus obxectivos. Unha película sobre o amor, a amizade e a solidariedade; unha nova arma de construción masiva -e perdoen o
autoplaxio- construída por quen é sen discusión
un dos mais grandes cineastas en activo.
¶