caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Feira do libro 2005
> Feira do libro 2005 <

Brétemas fálanos da Feira do Libro da Coruña e condúcenos até o seu programa de actos. Nesta edición é, si, algo mais denso, pero segue amosando a mesma desacougante falta de imaxinación de todos os anos, coa presenza do mellor do noso star-system literario, un feito tan agradecido como inevitábel, e a habitual serie de convocatorias tipicamente coruñesas, en especial esas presentacións de libros imposíbeis, xa sexan biografías de personaxes que un xuraría que xamais existiron ("Chucha Mendoza, memorias de una sufragista"), ensaios-tocho sobre fascinantes cuestións históricas ("Buques de tres palos en La Coruña del siglo XVII"), libros de poemas de ambicións humildes ("Piélago de frondosos versos") ou pseudo-novelas editadas por unha desas librarías do centro nas que soen mercar libros as persoas que non len libros e que levan títulos do tipo "El callejón de los proscritos". Dito isto confésolles que eu son un visitante sistemático da Feira, unha das referencias xa clásicas do verán coruñés; e non tanto polo dez por cento de desconto, que tamén, como polo ambiente que se vive nos Xardíns de Méndez Núñez, cheos de xente e de casetas, e polo rito das sinaturas de libros, que nalgúns casos para min foi converténdose nun costume tradicional. O ano pasado probei unha variante que se revelou moi práctica: mercas o que queres onde sempre, con mais comodidade e mergullando pola inmensa oferta, e logo paseas as bolsas polos Xardíns mentres saúdas aos amigos que vas atopando.

Xa que sei o programa bo será compartilo con todos vostedes. Aquí teñen o para min mais interesante da Feira do 2005:

Día 2, martes

19.30: Suso de Toro firma exemplares do seu libro Outra idea de España, publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20.00: Recital de poesía presentado pola Asociación Cultural O Facho, coa participación de Lucía Aldao, Emma Couceiro, Ramiro Torres, Alfredo Ferreiro, Táti Mancebo, José António Lozano e Luis Mazás.

Día 3, mércores

20.00: Presentación do libro Tres Trebóns, do escritor Xurxo Souto, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Presenta o acto Manuel Bragado Rodríguez.
20.30: Ramona Maneiro asinará exemplares do libro Querido Ramón, publicado pola editorial Temas de Hoy.
21.00: O escritor Xosé Neira Vilas presenta o seu libro Xentes e camiños, publicado por Edicións Xerais de Galicia.

Día 5, venres

19.30: Xosé Manuel Beiras asinará exemplares do libro A estrela na palabra, publicado por Edicións Espiral Maior. Tamén participarán no acto Miguel Anxo Fernán-Vello e Francisco Pillado Maior, realizadores do libro.

Día 6, sábado

20.00: Presentación do último número da Revista Grial (nº 166), publicada pola Editorial Galaxia. Participarán no acto Ramón Villares, Henrique Monteagudo, Xosé Luis Barreiro Rivas, Xosé Ramón Quintana e Víctor Freixanes.
21.00: O escritor Ramiro Fonte presntará o seu libro Os ollos da ponte, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participa no acto Manuel Bragado Rodríguez, director xeral da editorial.

Día 7, domingo

21.00: O escritor Miguel A. Mato Fondo presentará o seu libro Xope de Liliana, publicado por Baía Edicións. Xunto co autor, participarán no acto Xabier Docampo e a Directora editorial Belén López Vázquez.

Día 8, luns

16.00: Realización en directo do programa El ojo crítico, de R.N.E., dirigido por Arrate Sanmartín, sobre o libro en Galicia, coa participación de Manuel Rivas, Xosé Neira Vilas e Rosa Aneiros.
19.30: O escritor Manuel Rivas firmará exemplares dos seus libros.

Día 9, martes

21.00: O escritor Xavier Alcalá presentará o libro Nas catacumbas (da triloxía Evanxélica memoria), publicado pola Editorial Galaxia.

2005-07-30, 23:40 | 24 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/32023

Comentarios

1
De: Mrs. Russell Fecha: 2005-07-31 00:08

O luns 1 hai un recital de poesía no que intervén a musa do blogomillo, pero infelizmente non vou poder ir. Ficarei coa dúbida de saber se Estíbaliz cantará ou non Como una ola e perderei os lonxincuos poemas daquel que querendo foder non dá fodido.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2005-07-31 01:03

Morda a lingua, señora Russell :-P



3
De: bretemas Fecha: 2005-08-01 00:05

O programa afortunadamente é máis denso que noutras edicións, o que constitúe unha boa noticia. Estou con vostede en que aínda lle falta vivacidade e imaxinación. É decepcionante que a maioría das casetas expoñan só os mesmos "libros de éxito". Con todo, a feira precisa visibilidade. Agradézolle a difusión do programa nun espazo tan visitado como o seu.



4
De: Martin Pawley Fecha: 2005-08-01 15:58

Tampouco sei moi ben como resolver algúns dos problemas das feiras, entre eles o que vostede cita da reiteración nuns mesmos libros en todas as casetas. Entendo que á hora da verdade os libreiros aposten sobre seguro ofrecendo fundamentalmente as novidades de mais sona. O que non teño claro é que ás "librarías de verdade" lles compense unha feira coma esta e nun mes como o de agosto durante o cal moitas delas están xa bastante atarefadas cos libros de texto. Ademais, as características que dan valor a unha libraría -abundante oferta, eficacia, capacidade para organizar actividades- nin se detectan nin se premian nas feiras, tendo en conta que o cliente medio merca os exemplares na primeira caseta que lle cadra. Atender unha caseta sete horas ao día ao tempo que se mantén a pleno rendemento a libraría-nodriza supón un sobre-esforzo que quizá para moitos non pague a pena.

Paréceme que os que deberan aportar vivacidade e imaxinación tirando do carro dos libreiros son xustamente as editoriais. Todas elas teñen cadansúa caseta que serve só de exposición muda do que teñen en catálogo. Onde están as actividades de animación para rapaces, para adultos, para a terceira idade? Onde está a música, o teatro, a poesía, o xogo? Onde as conferencias, as charlas, os debates, por suposto abertos sempre a un público ao que se lle ten que convidar a participar (mesmo empuxándoo), para evitar que estes actos acaben converténdose en batallas de flores entre os presentadores e os presentados? E alén da maior ou menor simpatía de cada un, non cabería desexar dos escritores en xeral unha maior disponibilidade e un maior entusiasmo á hora de atoparse cos seus leitores? Eu fixen cola moitas veces os días nos que asina Manuel Rivas -facelo acabou volvéndose case unha tradición para min- e sempre me chamou a atención o ben que dosifica o seu tempo coa xente, comentando algunha cousa, meditando ou facendo que medita a súa dedicatoria, debuxando algúns trazos, meténdolle logo algo de cor... Escenifica extraordinariamente ben os seus encontros co público, creando ademais un leitmotiv recoñecíbel para cada ocasión (as flores de toxo, o mar). A xente espera unha hora se for preciso e acaba marchando encantada. Pola contra, todos temos visto a algúns escritores que tras pasar un par de horas case en soidade no interior dunha caseta ao mais que chegan é a poñer a súa sinatura e diante un xenerosísimo "Cordialmente".



5
De: Anónimo Fecha: 2005-08-01 18:32

foder non foderemos, pero gañas temos...

sinto tanto perderme esta cita imperdíbel!
e de certo que é fermosa polo ambente e non polo contido :(
quizais os coruñes@s temos parte de culpa, por non escreber ó axuntamento pra que inclua determinados actos feiro-libreiros no seu "programa de verán"
inda que acabarn sen facer caso, alomenos teríamolo intentado e tamén actuariamos en consecuenza.

NOTA: voto por escoller outra musa mellor!!!que non se basee tanto no atractivo físico e que haxa participado algunha vez (por invitación ou espontaneamente)neste blog.(e lin aquela imaxe q valia mais q... e vos digo que ela non escribía...)



6
De: Estibaliz... Fecha: 2005-08-01 23:56

Non está mal, señora Russell, confundir á Jurado con Jobim. É como trabucar un yo-yó Russell con Bertrand ou con Rosalind.Pero de confusións desas nacen planetas, bazofias ou da Vincis. Así é o noso mundiño. Enchantée de saudala. E de non saudala.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2005-08-02 16:23

Anónimo, que lle parece Beatriz Manjón como musa? Ten pinta de ter moito sentido do humor.

Estibaliz..., acaso ten vostede algo en contra de Como una ola?



8
De: Eugénio Costa Almeida Fecha: 2005-08-02 19:47

Martin, obrigado por me conduzir ao La Voz de Galicia que me parece ser um bom órgão (prensa? é assim não é?).
Kandandu.



9
De: Anónimo Fecha: 2005-08-02 20:16

agora teño curiosidade por escoitar seu Jobim-Jurado

dende logo promete!

poucas fusións tan atrevidas fixéronse, e poderíase facer co "trono" de musa do blogomillo ;)



10
De: Anónimo Fecha: 2005-08-02 20:22

penso nunha musa con barba e nariz afiada
unha musa encorvada con moita retranca
vestida da fada
mixtura de quintela e touriño pero con sentidiño (de humor)



11
De: apacibel... Fecha: 2005-08-02 20:47

Queridinhos meus:
Remitollelovos estas verbas coa intençao de facer a contra do que nos "blogomillos" (xamais melhor dito) soedes facer; e dicir, foder un pouquiño, ¿podo? Espero no meu fondo que sí, jeje. Ben, por onde empeçar... Señor dono do blog mais importante de galiça: o seu estilo paréceme incribelmente mediocre, explícome, como "todo nada", "facendo amigos" (que ironía) ou demais blogs pecades de patetico amiguismo, de "bo rolho" vomitivo, os façedes a pelota entre vos de maneira alarmante e en canto sodes máis conhecidos mais os cortais de pensare, de disir, de serdes irónicos ou crítecos de verdade. En xeral galiça cheira a provinçianismo e templança aburrida e digna da herdança c'os caçiques acostumaron a moitas alminhas como as vosas.
O voso e faceros palhas mentais con musas humidosas.
Por çerto, Pawley, o voso escrito sobre non sei que merda agochada para non sei cando é unha auténtica imbeçilidadel que amoça o fáçile que é entre vos façervos eloxios. Gostaría aínda case máis das espantosas escritas d'outra musa-lela: Anxos Sumai, que cos seus recordos infantis entumece a este pobo máis ca reuma. Voume que me queda por façerlle unha mamada a Antón Reixa para saíres no Hotel Tívoli. Vémonos no próximo encontro.
Ata sempre na luta (¿ou lluita?) companheiros.



12
De: Anónimo Fecha: 2005-08-02 20:49

mais ben penso nunha musa con barba e naríz afiada, unha musa encorvada, sexi e educada con moita retranca. Filla de quintana e touriño
e con moito sentidiño

(e senso de humor, claro!



13
De: Estíbaliz... Fecha: 2005-08-03 01:33

Nada en contra de Como una ola. Encantaríame sabela. Quedaría bárbara en certos recitais... En fin, sírvanse destas letras que foron "como un ola". E un addio



14
De: Paco Penas de DORVISOU Fecha: 2005-08-03 03:18

É vostede, amigo pawley, como unha ola (XIGANTE). Alí por onde pasa non deixa indiferente a ninguén.
¡Ei parroquia!¡Saúde e terra!



15
De: Estíbaliz... Fecha: 2005-08-03 11:08

Iso é certo. Pero falando de mesturas, híbridos, Jobims-Jurados, cyborgs ou grifóns... que outra cousa cabería esperar dunha páxina que leva un centauro?
Chiiiildren!



16
De: Anónimo Fecha: 2005-08-03 15:36

a pesares de ser un@ auténtico maleducado o apacibel este, penso que a crítica literaria Galega en xeral peca de "amiguismo" e "crítica constructiva" MAL ENTENDIDA!!
pero nada que dicir/ver co seu blog
pódese argumentar en prol dunha lírica ou prosa mellor sen necesidade de insultar ou molestar.
é xente como apacibel a que emborrona os blogs, pero tamén é parte da vida...en fin, isto é así en todolos lugares, e Galiza dende logo non é nengunha excepción



17
De: María Fecha: 2005-08-03 16:19

Ostia que boa, como me perdín toda esta restra de comments??? Ten razón o anónimo, xa abonda de tanto amiguismo e de lambernos as carallas entre nós. Sr. Pawley, para que imos matarnos a rajar nos blog existindo a lei do mínimo esforzo? Abonda con postear o programa dunha feira do libro e a que se monta. E quen por aquí pasa, mi má.



18
De: María Fecha: 2005-08-03 16:23

Pero se lles gusta realmente a poesía estean atentos nas vindeiras horas aos Aduaneiros Sem Fronteiras. Nin comounaola nin leches, aí si que vai haber un antes e un despois! ;)

Pawley, probabelmente me pase hoxe pola de Xurxo. Convídoo a unha garimba se anda por aí. E logo podemos ir ao recital de Marta Sánchez, anímase?



19
De: Martin Pawley Fecha: 2005-08-03 18:50

Perdoen que non pasara antes por aquí, pero é que onte estiven feireando até a madrugada. Vaiamos por partes:

Anónimo 9: estou pensando en facer un concurso de versións de Como una ola. O premio, por suposto, un exemplar de Número e.

Anónimo 10 e 12: non, non nos describa a musa. Diga nomes! (ou poña fotos).

apacibel: pode foder canto lle pete, que eu non llo prohíbo. Agradézolle o do "blog mais importante da galiça" aínda que non vaia a serio, pero honestamente creo que é un eloxio inmerecido: aquí todos sabemos que o mellor blo é este. O do estilo mediocre non llo vou discutir porque ás veces eu tamén o penso, dependendo do día.

Ese bo rollo que tanto lle amola débese a que ademais de blogueiros algúns de nós tamén somos amigos, cousa que é bastante agradábel en xeral (o de intentar levarse ben coa xente é algo que lle recomendo vivamente). Non creo que María ou eu mudaramos moito desde que abrimos os blogs, pero se así fose sería absolutamente lexítimo. Niso do provincianismo e a templanza aburrida podería mesmo estar algo de acordo, pero realmente se algo bon ten a rede é que está aberta a todos, así que fica vostede convidado a abrir o seu propio recuncho onde deitar as súas ideas e empezar a revolucionar o país.

Non vexo moi ben a conexión entre o feito de que lle pareza unha merda un post meu e a facilidade para facer eloxios, pero imaxino que comprenderá que haxa xente que goste de cousas que a vostede lle horrorizan. Anxos Sumai non parece estar presente na conversa, así que se quere falar mal dela fágao desde o seu blog cando o abra, pero non aquí: iso de falar de terceiras persoas ausentes paréceme de moi mala educación. Que lle aproveite a mamada a Reixa (se se deixa). E na luta siga vostede, que eu paso.

Estibaliz: se é por iso, non hai problema. Aquí lla poño, para que a aprenda:

Grabe tu nombre en mi barca
me hice por ti marinero
para cruzar los mares
surcando los deseos.
Fui tan feliz en tus brazos
fui tan feliz en tu puerto
que el corazón quedó preso
de tu cuerpo y de tu piel.
Como una ola tu amor llegó a mi vida
como una ola de fuerza desmedida
de espuma blanca y rumor de caracola.
Como una ola.
Y yo quedé prendida en tu tormenta
perdí el timón sin darme apenas cuenta.
Como una ola,
tu amor creció
como una ola.
Bajé del cielo una estrella
en el hueco de mis manos
y la prendí a tu pelo
cuando te dije "te amo".
Pero al mirarte a los ojos
vi una luz de desencanto
me avergoncé de mi estrella
y llorando me dormí.
Como una ola tu amor llegó a mi vida
como una ola de fuego y de caricias
sentí en mis labios tus labios de amapola
como una ola.
Y me escapé contigo mar adentro
sin escuchar las voces en el viento.
Como una ola,
se fue tu amor
como una ola.
Y me escapé contigo mar adentro
sin escuchar las voces en el viento.
Como una ola,
se fue tu amor
como una ola.

Seguro que a señora Russell, e desde logo eu mesmo, estaríamos encantados de oírllela cantar.

Paco Penas: debe ser o pan de Piloño, que me dá enerxías para todo o ano ;-)

Anónimo 16: no do amiguismo concordo un pouco, aínda que tendo en conta que "amiguismo" vén de "amigo" non sei se esa é a palabra axeitada...

María: non podo dicir que ten razón, porque iso sería amiguismo; pero estou pensando en postear hoxe ou mañá a lista de casetas da Feira de Artesanía, a ver que pasa. Ficaremos moi atentos aos aduaneiros sen fronteiras. Vémonos na Feira. E no concerto, abofé.



20
De: Martin Pawley Fecha: 2005-08-03 18:52

Eugénio, en efecto, La Voz de Galicia é unha boa fonte de información. Bótelle un ollo tamén a Vieiros, en galego e exclusivamente para a rede.



21
De: Anónimo Fecha: 2005-08-05 19:08

mira que non por un nome.stop.saudos dende tódolos anónimos que son os mesmos.Stop.xa vexo que a teruka segue nesas feiras, mira que se perde unha boísima preofesional do e-learning.Stop.a mellor musa que se me ocorre é a imaxinación.Stop.o único é que a mercuriana/spokiana téñolle algo de manía.Stop.o mellor equivócome.Stop.Poña por min a foto do planeta, partícula ou enerxía inda por descubrer. GO



22
De: Anónimo Fecha: 2005-08-05 19:26

E MIRE, xa que atopei isto adiante os mares electrónicos, ¿qué lle parece como musa? ¿inspíralle pra actuar a prol dalgunha maneira? (xa que consideroo home de recursos,home, non sei seu desafogo monetario, enténdase como recursos de acción/reacción)

AGORA É O MOMENTO DE ACTUAR

COMUNICADO DE IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO SOBRE VIOLACIÓNS DE DEREITOS HUMANOS EN ETIOPÍA

O pasado día 8 de xuño e despois dun difícil proceso electoral, a posibilidade dun futuro democrático viuse fanada en Etiopía polos altercados entre a poboación civil da capital Addis Ababa, que reclamaba transparencia ante as sospeitas de fraude electoral, e as forzas armadas que cargaron e asasinaron a 36 perosas, máis da metade menores de idade. Neste momento as liberdades civís no país vense seriamente ameazadas, con detencións arbitrarias (máis de 7000 persoas están no cárcere), prohibición do dereito de reunión, intervencións telefónicas e desaparicións.

IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO (IND) é a única organización galega con presenza no país desde o ano 2003. IND traballa xunto con dúas organizacións locais, WOMEN SUPPORT ORGANISATION e OPRIFS. Tanto o persoal de ambas organizacións como as comunidades coas que traballamos están ben dentro das circunstancias.

IND quere facer un chamamento á sociedade civil galega para que se mobilice agora que aínda estamos a tempo para evitar un novo caso de violación dos dereitos humanos e xenecidio como os coñecidos de Ruanda e Darfur e presione connosco aos representates políticos e medios de comunicación para que non se permita a extensión da violencia nun país xa azoutado pola explotación e a fame. Nestes momentos máis ca nunca é o noso labor denunciar a situación de desidia internacional ante a situación dun país que paga 4 veces en débeda o que recibe do goberno español en axuda e que se ve esmagado pola catástrofe da explotación das cafetaleiras (máis do 50% do PIB do país depende da exportación de café).

IND quere facer tamén un chamamento ao compromiso que o noso traballo representa no reforzo da sociedade civil etíope a través de organizacións non gobernamentais como aquelas coas que traballamos e que son o único garante dunha sociedade en paz e democrática.

Se desexa facer unha doazón para reforzar o traballo de IND en Etiopía pode facer un ingreso nesta conta indicando ETIOPÍA e menciona o teu enderezo de correo electrónico para recibir máis información.
CAIXAGALICIA: 2091 0531 81 3040010798

IMPLICADAS/OS NO DESENVOLVEMENTO (IND)
Rúa das Camelias 14, Vigo
886111327
info@implicadas.org
www.implicadas.org



23
De: Martin Pawley Fecha: 2005-08-05 23:14

Non teño o pracer de coñecer a María Reimondez, pero non me cabe dúbida de que sería unha musa magnífica, considerando as súas crónicas en Vieiros. O texto que nos pon merece, penso, un post específico. Grazas por guiarnos até el, Anónimo.



24
De: anónima reincidente Fecha: 2005-08-08 11:43

o pracer e so meu



os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley