caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > dos arquivos estranhos: Vendell
> dos arquivos estranhos: Vendell <

Estou aproveitando a miña menor actividade blogueira deste verán para revisar todos os posts publicados e, xa postos, ir gardándoos nun ficheiro, cousa que até agora non fixera. Este de hoxe apareceu en setembro do 2003, pero posto que o borrei hai uns días sen querer póñoo agora de novo, algo cambiado iso si. Xa lles dixen moitas veces que o de Vendell é o mellor blog do universo coñecido, así que non ficarán sorprendidos polas miñas palabras; fican convidados a deixar por escrito nos comentarios por cal dos textos aparecidos en "Una cuestión personal" senten vostedes mais estima.

Vendell (endogamic days, 2)

Non coñezo blog ningún do que goste tanto como de Una cuestión personal. É posíbel que haxa algún mellor, non o descarto; pero si lles podo asegurar que, se existe, eu non sei del. Non se trata simplemente de que Vendell teña ideas magníficas e que saiba poñelas por escrito con notábel sentidiño; por riba de todo iso o fundamental é que el atopou o formato axeitado para un blog. Isto require unha explicación máis detallada, pero non se preocupen: será soamente medio folio.

O principal acerto de Vendell é a extensión dos seus posts. Editados en caracteres xenerosos, os seus textos enchen máis ou menos as pantallas dos seus navegadores; moi raras veces lle saen longos, e para compensar noutras ocasións vólvese lixeiro e impresionista. Así resulta que os seus posts poden lerse con facilidade e sen grande esforzo; a súa leitura lévanos só uns minutiños e nunca aburre (non crean que esta última precisión é innecesaria: eu sei de textos brevísimos profundamente adormecedores). Prodúceme unha certa envexa esa capacidade que ten para dar coa dimensión xusta dun texto, porque eu teño unha tendencia natural ao exceso e á dispersión. Esa limitación no espacio non lle permite (nin sequera a el) unha absoluta precisión e detalle nas cousas que conta, e iso dá pe a outra das súas virtudes: o misterio. Os seus escritos teñen sempre un certo ar enigmático, como se non quixese dicir todo o que sabe ou non quixese contar todo o que pensa. Que ninguén tome isto como que eu estou acusándoo de indefinición ou mesmo de covardía; antes polo contrario, nos seus posts tense pronunciado con firmeza sobre múltiples cuestións. Ademais, eu disfruto moito con ese ton lixeiramente ambiguo ao que el ás veces recorre, aínda que sospeito que xa é un pouco tarde para eu pretender seguir os seus pasos nesa liña: todos cantos me len xa saben que son un defensor de preitos pobres que censura comentarios. Quizá algún día abra un novo blog con outro nome e consiga imitar o seu estilo. Escribindo en galego e empregando como pseudónimo Braxton Rutledge é case seguro que ninguén me identificaría.

Hai blogs limpos e claros como os arroios dos contos de fadas. O de Vendell, sempre sinuoso, esixe unha certa complicidade do leitor. Non quere dicir que para disfrutar del haxa que estar ao tanto de estrañas claves ocultas, nin moito menos; pero si é posíbel que se sinta completamente perdido un leitor que o atope ao chou e dea cun dos seus textos máis abstractos, moi próximos ao espírito provocador das vellas vangardas (o que poderiamos chamar actos vendélicos). Una cuestión personal gaña co uso, é ao lelo día tras día que un vai decatándose da súa xenialidade. Agora que hai xente a dicir que a blogosfera en conxunto lle resulta decepcionante, eu non teño inconveniente en afirmar que eu sinto xustamente o contrario: disfruto enormemente descubrindo que hai por aí adiante xente perfeitamente descoñecida pero chea de ideas moi interesantes e con talento para expresalas. Iso, por exemplo, non sempre sucede na prensa escrita convencional, malia a que eses medios teñan moito prestixio e non sexan de balde. Eu non sei hoxe por hoxe de ningún columnista de prensa que me pareza non xa mellor, senón simplemente igual de bon que o proprio Vendell. E se coñecen vostedes a algún, fáganmo saber.

Para rematar: todos os que gostamos de ler tarde ou cedo acabamos escribindo. Postos a ese labor tardamos pouco en comprender que nos desenvolvemos con máis fortuna cunha certa clase de recursos que con outros. Uns manexan moi ben a tenrura, outros a ironía e algúns botan man do lirismo sen naufragar no intento. Vendell saca partido de rexistros moi diferentes, aparentemente sen esforzo. E sen darse importancia, que é o mellor.

2005-07-26, 21:55 | 4 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/31922

Comentarios

1
De: ElPez Fecha: 2005-07-26 23:02

A ver si, aparte del rescate de este bello texto, conseguimos rescatar al propio Vendell de su huida fuera del hiperespacio...



2
De: Martin Pawley Fecha: 2005-07-27 18:11

Estará descansando, supoño. Ou surfeando.



3
De: Moebius Fecha: 2005-07-27 19:14

Me he ido al blog de Vendell para repasar cuál era el mejor de sus posts, y lo son tantos que no me he podido decidir. Muchas veces me ha recordado al mejor Manuel Vicent.



4
De: Paco Penas de DORVISOU Fecha: 2005-07-29 11:40

Tanto monta, monta tanto...
A sua "capacidade" tamén é moi grande.
Son deses blogs dos que non precisan dos meus comentarios. Abonda con visitalos.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.196.74.142 (bdb57ed074)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley