Un vello post aparecido aquí hai dous anos serviu de base para a miña intervención nesa mesa redonda sobre blogs na que tamén participaron María Yáñez, Xabier Cid, José Luís Capón e o monstro do cánon:
Unha análise moi simple da blogocousa
Iago é un rapaz novo de Marín que ten un blog. Nel conta cousas da súa vida cotiá: un concerto ao que asistiu, unha cea de fin de curso cos compañeiros, unha manifestación en Santiago ou a súa intención de pasar unha noite de agosto ao relento vendo as Perseidas. Non pretende aportar luz sobre os aspectos máis escuros da mecánica cuántica e tampouco nos explica os hábitos alimenticios do
homo antecesor; nin sequera se ocupa de elaborar teorías políticas de alto nivel. Trátase simplemente dunha páxina persoal e en consecuencia fala fundamentalmente da súa persoa. Como outros moitos miles de cidadáns escribe o que lle peta, pero en lugar de facelo nunha libretiña de tapas duras faino publicamente a través da rede. Un pode pasar polo blog de Iago e sentirse decepcionado porque alí non se discute sobre Ortega y Gasset; cada un é moi libre de sentirse decepcionado cando lle veña en gana, e mesmo de falar ben ou mal da xente, aínda que eu teño a sensación de que criticar un blog persoal por ser en esencia persoal é como esbardallar contra o
Hola porque non explica cando se poderá ver Venus. Se un quere saber de astronomía, que compre o
Sky & Telescope e xa verá como entón non se sinte enganado.
Internet ten dúas facetas fundamentais: a
transmisión de información e a
comunicación. Internet é unha xigantesca biblioteca global que pon ao alcance de calquera cidadán infinidade de datos, noticias, textos, sons e imaxes de toda condición; ponnos a todos ás portas do coñecemento. Doutra banda, Internet pon en contacto a millóns de individuos do mundo enteiro por medio do correo electrónico ou dos sistemas de mensaxeiría instantánea. Permíteme ver e escoitar en tempo real ao
Pedro Lemos, el en Florianópolis, eu na Coruña, e ao mesmo tempo podo estar lendo as edicións dixitais da prensa. Isto non deixa de ser unha simplificación, posto que realmente non hai fronteiras ben definidas entre ambos planos e o natural é que os dous acaben por solaparse, en especial desde que apareceron as ferramentas de software que facilitan a edición de páxinas web, feito que fixo posíbel que calquera puidese crear o seu recuncho na rede para enchelo cos contidos que lle pareceran, xa fose o relato pormenorizado da súa vida ou ben para demostrarnos a todos o moito que sabe sobre a historia dos mundiais de fútbol. Os blogs foron un paso máis, e sen dúbida non o definitivo, para o achegamento do medio aos usuarios. Permítennos dispoñer, sen saber apenas nada de informática, do noso propio espacio no cal depositar ideas, opinións, sentimentos... Ás veces referímonos aos blogs como se estes fosen un xénero novo, cando realmente un blog non é mais que un soporte ou un formato apto para facer con el calquera cousa. Nas bitácoras caben os pensamentos máis elevados e as receitas de cociña, as pretensións literarias e a linguaxe con k das mensaxes de móbil. A variedade de bitácoras é tanta como variados son os seus autores. Eu sospeito que nunha ampla porcentaxe as bitácoras son máis unha ferramenta para a comunicación que para a transmisión de información, e de feito eu non leo a Iago para aprender nada (aínda que nun momento determinado eu poida descubrir con el algo que descoñecía), senón para saber que tal lle vai. Pero non todos os blogs falan de un mesmo. Que haxa moitas páxinas de intencións puramente persoais non quita que hoxe por hoxe os blogs sexan sobre certos temas unha referencia infinitamente mais válida que a prensa xeneralista, que deixou hai tempo aparcado iso do rigor e a pluralidade. No fondo, a blogosfera en conxunto non deixa de ser unha representación diso que chaman a "intelixencia colectiva", ou o que é o mesmo, a expresión virtual do vello dito de que catro ollos ven mellor que dous. A exposición pública dos textos sometida á valoración independente, desinteresada e igualmente pública dos lectores pode acabar pulíndoos con mais eficacia que todo un exército de correctores.
O caso galego é neste senso especialmente significativo; é xa innegábel que o
blogomillo amosa unha variedade e unha vivacidade que non se ve noutros medios, que dito sexa ao paso soen dirixir cara a Internet unha ollada a metade de camiño entre o escepticismo e a superioridade. A ese dinamismo non é allea a linguaxe específica dos blogs, esa combinación de palabras, imaxes e ligazóns que se mesturan entre si creando estructuras inesperadas que ultrapasan a rixidez do papel, acadando, como sucede cos obxectos fractais, non mais dimensións, senón dimensións intermedias. O hipertexto acabou por se converter nun recurso de estilo específico, de tal xeito que a conexión acertada dun vocábulo cun determinado enderezo da rede permítenos crear metáforas que escapan fóra da pantalla.
Ademais de todo o dito, as bitácoras tamén serven para descubrir afinidades e puntos de unión entre persoas que con frecuencia chegan a facerse explícitos á luz dunhas cervexas. Ao final todo acaba sendo unha cuestión de simpatías, como sempre. E é que a obxectividade non existe, amigos. Nin aquí, nin en ningunha parte. Un pode construír criterios aparentemente obxectivos para avaliar aspectos técnicos, pero en última instancia que eu goste do blog de
Vendell ou do de
Cesare, dos libros de
Xabier Docampo ou dos filmes de
John Ford, é algo que fica alén de toda análise. Inspíranme todos eles un afecto intensamente subxectivo e incorpóroos con entusiasmo á miña crecente colección de referentes intelectuais. Son consciente de que todos eles (incluso John Ford, que xa é dicir) poden ser perfectamente prescindíbeis para moita xente, e non pasa nada. Cada un vai deixándose guiar polas súas preferencias, os seus pensamentos e as súas emocións. Por iso leo o que leo. Por iso non leo o que non leo.
¶