caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > dos arquivos estranhos: Pechadas, alí dentro
> dos arquivos estranhos: Pechadas, alí dentro <

Ao longo do verán, e por aquilo de guiarme por esa boa máxima de escribir pouco e ler moito, vou ir recuperando textos aparecidos hai algún tempo no blog e que seguramente serán descoñecidos para boa parte dos leitores que chegaron até este recuncho redeiro moito despois da súa apertura. Empezo por un contiño inxenuo nacido hai dous veráns entre amigos e cervexas. Aquí o teñen:

Pechadas, alí dentro

Polas noites, a escuras, mentres todos durmimos, as cores mestúranse aproveitando que non as vemos. É posíbel decatarse disto cun pouco de habilidade: todo consiste simplemente en acender a luz con rapidez, sen dar tempo a que as cores volvan aos seus sitios orixinais. Eu soio ver o fenómeno xogando coa porta da neveira: por un intre collo despistadas ás leitugas, vestidas co traxe vermello duns tomates que á súa vez fican sen cor algunha que botarse á pel. Por máis veces que o faga non deixo nunca de sorprenderme. É unha imaxe estremecedora e desconcertante que inevitabelmente conduce á risa. Non se imaxinan o divertido que é ver espido a un tomate.

Algo semellante pasa cos libros. Seguramente vostedes xa saben que as súas letras non permanecen fixas, pegadas ás follas, senón que gostan de intercambiar as súas posicións mentres os libros están pechados. Algunhas delas, as máis ousadas, mesmo se botan a cambiar non xa de liña ou de páxina, senón tamén de volume. Non é raro que logo non saiban volver ao lugar de onde marcharon. Achei unha vez letras saídas dun poema de Walt Whitman perdidas entre uns versos de Fernán Vello que mesmo chegaron a me parecer bos por un momento.

Foi aí que eu tiven unha gran idea. Durante varias horas tecleei no ordenador de xeito febril e compulsivo até dar por rematado un relato que -debo confesalo- nin sequera acadaba a categoría de mediocre. Era absolutamente infame, pero non me preocupou. Xuntei as once ou doce follas de que constaba e metinas nun sobre. Ese sobre segue pechado e ben á vista no meu escritorio. Sei que alí dentro as letras do meu conto xogarán a mudar de sitio unhas coas outras, e chegará o día no que froito desa recombinación acaben por conformar, ao chou, algunhas liñas de boa literatura. E alí estarán. Algún día, non sei cando, pero estarán. Pechadas, alí dentro.

2005-07-17, 01:06 | 2 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/31752

Comentarios

1
De: folerpa Fecha: 2005-07-21 18:36

De inxenuo nada. É ben fermoso.
Eu agardo máis verbas rebuldeiras desas.



2
De: Martin Pawley Fecha: 2005-07-22 01:34

Grazas, folerpa. Nas próximas semanas irei repoñendo algúns textos que xa viran a luz aquí pero que até eu mesmo tiña xa algo esquecidos.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.167.215.35 (f09bef978c)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley