Este outono fará dez anos da concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a "Cando petan na porta pola noite", do meu amigo Xabier P. Docampo. Quero hoxe compartir con vostedes un magnífico texto sobre esta obra que lle serve á (tamén moi fordiana) D. R. Cartwright como carta de presentación do blog múltiple no que ela deitará de cando en cando a súa prosa sempre ben medida:
A paixón pola palabra
De xeito inequívoco xa desde o prólogo,
Cando petan na porta pola noite pretende erixirse en homenaxe e reivindicación da tradición oral, dos relatos que se transmiten de boca en boca e de xeración en xeración. Sendo rigorosos nin sequera cabería falar de relatos, senón mais ben de "sucedidos", de historias que xa sexan certas ou falsas cóntanse sempre como verdadeiras, introducindo nelas personaxes ou lugares familiares para quen as escoita co fin de darlle maior verosimilitude. As narracións populares posúen, ás veces, certas pretensións didácticas; delas pódese tirar algún consello ou algunha ensinanza (ese é o caso de moitos dos contos compilados polos
Irmáns Grimm); nesta clase de relatos aos que me refiro co nome de "sucedidos" o que conta é, pola contra, o puro pracer por explicar historias, entendendo con claridade que o que se conta pode ser importante, pero mais aínda o é a maneira na que se conta. O propio autor,
Xabier P. Docampo, explica que o seu pai era un gran
contacontos, alguén a quen os veciños lle pedían que lles contase historias, mesmo aquelas que xa sabían. Dese espírito beben os catro relatos de
Cando petan na porta pola noite.
É moi significativo o uso da violencia nos relatos: atopamos descricións de actos violentos mais brutais do que soe ser habitual na literatura que se supón apta tamén para lectores novos. O asasinato da vella en
O Fornadas, por exemplo, é tremendamente físico; o autor métenos dentro da acción detallando incluso os sons dos ósos que creban ou o cheiro da carne queimada, feito que serve para facer explícito que no crime, sexa quen sexa a víctima, nunca hai nada de heroísmo nin de dignidade. Esa
fisicidade, porén, non admite unha representación visual; a narración non é nada cinematográfica e de feito é tan grande a aposta pola oralidade que ningún dos relatos, a excepción quizá do último, admitiría ben o paso á pantalla: quitaríalle toda a forza aos elementos que si a posúen, e moita, no papel. As imaxes do ollo do ferreiro ou as aparicións da vella poderían asustarnos ou provocarnos noxo, pero carecerían totalmente de misterio.
Unha das claves do libro é o medo. A literatura debe servir para que entendamos mellor o mundo, debe ofrecernos os alicerces cos cales logo construiremos a nosa particular explicación para as cousas que pasan. As historias, ao recibírmolas, facémolas nosas, e por iso hai tantas coma persoas dispostas a contalas e a escoitalas. E é ao facelas nosas cando acabamos co medo. O autor convídanos a ler os relatos de
Cando petan na porta pola noite "sen medo, aínda que parezan de medo", e así é, de feito. Non explotan o temor primario ao "sobrenatural", aínda que xoguen con el e desemboquen en finais ás veces crueis, ás veces ambiguos; asumen o misterio con normalidade, como un elemento mais da vida. Pero o que verdadeiramente debe aterrarnos non son os lobos nin os mortos que se aparecen aos vivos; o que debe meternos medo é a morte a destempo, a violencia inútil, a perda dun fillo, a vida vivida sen paixón.
Tan valiosa ou mais que os catro relatos é a lista final coa cal o autor fala de si:
"Eu teño medo... A quedar só no mundo. A morrer pronto. A que os que quero non me queiran". Imposíbel non asumir como propia esa lista que incide no elemento humano (e humanista) que debe ter a literatura. A boa literatura.
D. R. Cartwright
¶