caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Agardando o grande salto adiante
> Agardando o grande salto adiante <

Unhas cantas horas despois do previsto por mor da enésima -e desta vez leve- caída blogalita póñolles aquí no blog a miña análise post-eleitoral, que en versión castelá leva todo o día disponíbel en Libro de notas. O que pasou onte é bastante doado de entender: o PP non ten maioría de governo e porén o PSOE e o BNG xuntos si, pero para non perder o costume dos últimos meses os primeiros están intentando que pareza que sucedeu o contrario; acabarán falando, xa verán, de fraude no voto emigrante, cousa que ha de producirnos moita risa a todos. O título do artigo vai resultarlles vagamente familiar a algúns; recoméndolles en todo caso que ademais de ler prendan a bon volume os altofalantes.

Agardando o grande salto adiante

un: o PP é a forza mais votada nas catro provincias, pero iso xa o sabiamos. O PP perdeu varios puntos porcentuais sobre as eleicións do 2001, pero iso tamén o sabiamos. Boas noticias: cae por debaixo do 50% en Lugo e perde sete mil votos en Ourense. Un feito case heroico dadas as especiais circunstancias deses territorios. Por outra parte, crer que o PP podía padecer unha derrota moi severa non é mais que unha proba de inxenuidade. Cando pensabamos nun PP con 34, 35, 36 deputados, do que estabamos falando realmente era dun PP cun 43 ou un 44% de voto. Non tivo moito mais: ficou con algo menos dun 45%, e está sacándolle o máximo proveito que se lle pode tirar a ese 45%, obtendo o último escano en tres das catro provincias. Iso é ter moita moita puntería, a verdade.

dous: a suma conxunta PSOE-BNG sácalle cento dez mil votos ao PP en toda Galiza (PP: 704202, PSOE-BNG: 816589). É unha victoria contundente da oposición, aínda que non se reflicte ben dabondo na asignación de escanos. Bastaría que a circunscrición eleitoral fose única en lugar de facerse un reparto por provincias para que os resultados en número de deputados fosen tamén igualmente contundentes: 35-25-15. É dicir, PP 35, PSOE-BNG 40, e todos borrachos coma preas celebrándoo. Non é así, pero iso é algo que tamén sabiamos. A realidade é que temos polo de agora un 37-38, unhas cifras que falan de cambio. Non hai razón hoxe por hoxe para estarmos tristes: a estas horas o povo galego deulle a Fraga unha maioría insuficiente e convidou a Touriño e a Quin a formar governo. Fica todo nas vosas mans, Emilio, Anxo, así que portádevos ben.

tres: nin sete mil, nin oito mil, nin gaitas. Eses votos non chegan para mudar o resultado de Pontevedra. O último escano desa provincia, o número 22, fica en mans do PSOE e cunha ventaxa significativa sobre o PP. As operacións son relativamente fáciles de botar. Chamémoslle "x" aos votos que o PP obteña entre os emigrantes, e "y" aos que saque o PSOE; o PP acadaría entón na provincia de Pontevedra 223588+x, fronte aos 168549+y do PSOE. Os cocientes en xogo son o undécimo do PP e o oitavo do PSOE, así que para que o PP lle arrebate ese deputado decisivo ten que suceder que o número (223588+x)/11 sexa maior que (168549+y)/8, ou o que é o mesmo, debe ser x > 8166,875+1,375*y. Uns datos como os das autonómicas do 2001 serían, por exemplo, claramente insuficientes. Até o luns que vén non saberemos exactamente cal é o reconto definitivo, pero en principio non vexo razóns para supoñer que o voto emigrante poida ter aumentado espectacularmente nestes comicios, de tal xeito que non creo que a cifra total de votos se afaste demasiado da que se produciu daquela. Mentres esa cantidade se manteña nesa orde de magnitude o escano para o PSOE está practicamente asegurado, pois para que o PP poidese recuperar toda esa diferencia tería que facerse aproximadamente co 70% do total de voto, cousa que agora, co PSOE gobernando en Madrid, parece bastante impensábel.

catro: o BNG perdeu uns trinta e cinco mil votos respecto das anteriores eleicións autonómicas, o cal non é como para botar foguetes, claro, pero, honestamente, non está demasiado mal. Non podemos esquecer que o BNG levaba varios anos en caída libre, e de feito se comparamos os seus resultados de agora cos que obtivo o ano pasado nas xerais do 14-M mellorou as súas cifras en mais de cen mil votos, poñéndose outra vez por riba dos tres centos mil. Hai só dous ou tres meses, en medio do "affaire Beiras", pensaban vostedes -sexan sinceros- que o BNG ía saír ben parado das eleicións? Eu, que en tantas ocasións critiquei a permanente miopía do Bloque, digo agora que fixeron unha campaña estupenda, seguramente a mellor da súa historia recente, e que Anxo Quintana fica consolidado como líder dunha formación que, contodo, debe pensar con tranquilidade o seu futuro. E por moito que lle doa a Beiras, o certo é que non o botamos nadiña de menos.

cinco: no peor dos escenarios posíbeis o PP revalidaría a maioría absoluta, pero xa nada é igual que antes: o seu triunfo no parlamento sería moi axustado, o cal impediría os excesos doutrora e obrigaría ao presidente a ter unha presenza permanente no Hórreo; Fraga segue tendo a mesma idade e a mesma saúde que hai vintecatro horas, e ao longo dunha lexislatura de catro anos sería inevitábel retomar o complicado debate sucesorio dentro do PP, co que iso supón e cunhas importantísimas eleicións municipais no 2007; e ademais, enfronte tería a unha oposición organizada e compacta que representa a un número moi superior de votantes, e o que é mais importante, a unha cidadanía que espertou do letargo desta longa noite de pedra. Podemos ser, aínda nese caso, razoabelmente optimistas.

seis: levamos dezaseis anos agardando pola primavera. Acaso non imos poder esperar unha semana mais?

2005-06-21, 00:57 | 24 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/30962

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-21 01:51

Púxeno como comentario no choio da señora dot, e repítoo aquí tamén: eu, que presto moi pouca atención ao futebol, dei en pensar onte na Copa do Rei que gañou Arsenio Iglesias hai agora dez anos. A final xogouse contra o Valencia, equipo ante o cal o Dépor empatara a ceros o ano anterior naquel histórico partido do penalty de Djukic que a ponto estivo de darlle ao equipo coruñés a súa primeira liga. Pois ben, o partido empezou a xogarse un 24 de xuño, sábado, e cando todo pintaba bastante ben empezou a chover a mares en Madrid, tanto que houbo que suspender o encontro. Os minutos que faltaban, oito, xogáronse uns días despois, o martes 27 de xuño, e resolveuse a favor do equipo de Arsenio cun gol rápido de Alfredo Santaelena: un home mais ben baixiño que marcou inesperadamente de cabeza...



2
De: EMF Fecha: 2005-06-21 09:32

Nom concordo co seu ponto quinto: há que botalos e já!. Nom tenhem, agora mesmo, nengumha lexitimidade para (des)governar o País outros catro anos, agardando que o dinosaurio ainda estea por ahí para que nom se lhes desfaga o negocio.



3
De: opaco Fecha: 2005-06-21 10:08

Dacordo con vostede, pero non concordaría, no ponto catro, que o votante medio (o que só coñece as caras dos candidatos) lle tería dado máis votos ao Beiras que ao Quin? (Sendo Beiras o malo coñecido e Quintana o bo por coñecer)



4
De: Nuala Fecha: 2005-06-21 10:48

Uff... saudos señor Pawley.
Grazas pola súa análise. O certo é que cando lin que a decisión quedaba nas mans dos extranxeiros como di Quico Cadaval pensei que estaba todo perdido. Agardo estar equivocada, sobre todo despois de le-la súa xustificada disertación.
Boltarei a estar comunicada co mundo exterior o luns... o que supón que para entón coñeceremo-lo resultado. Eu xa o festexarei (por se acaso) nestes días no festival do barro e a música.

Por certo, cal e a canción que ten no blog? adoreina



5
De: Akin Fecha: 2005-06-21 14:18

Eu non quería agardar catro anos máis.

E dentro de catro anos terán un sucesor importante capaz de calar ós da boina e ós do birrete: Mariano Rajoy. Coido que un home abondo coñecido para non só manter o eleitorado de Fraga senón para gañar votos ó PSOE. En definitiva, se aguantan estes catro anos máis coido que aguantarán outros catro cando menos (xa non sei o que ten que suceder que non sucedera nesta lexislatura para que perdan, salvo que morran moitos vellos e algúns novos acaden a idade de votar)

Rajoi, nin de coña, aguanta catro anos en Madrid, e xa se sabe que este é un retiro dourado para os ex-presidentes do PP.



6
De: Cesare Fecha: 2005-06-21 14:24

Non o entendo, señor Opaco... cre sinceramente vostede que Beiras recibiría máis votos ca Quintana? Un menos dende logo.



7
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-21 16:02

EMF, ese é o peor dos escenarios e hai que contemplalo. E se tal cousa sucede non hai tempo para a tristeza, hai que seguir adiante, e seguramente hai que seguir doutra maneira, ou sexa, hai que pensar. Contodo si me parece obvio que non é mesmo governar con 38 fronte a 37 que con 41 fronte a 34; non é o mesmo arrasar en voto que governar en contra da vontade dunha maioría rotunda; non é o mesmo ter ao "governo amigo" en Madrid amparando todas as túas falcatrúas que ter alá a un partido francamente aberto a moitas cousas, incluída a revisión do modelo de estado. Todo sería diferente, aínda nese caso que non desexamos. E a sucesión segue aí, latexando.

opaco, Cesare: pois ás probas nos remitimos, non? O BNG obtivo os seus mellores resultados con Beiras como líder, pero tamén é certo que esas cifras producíronse no tempo dun PSOE en descomposición. O BNG leva perdendo votos desde daquela e con Beiras á cabeza, feito especialmente acusado nas municipais do 2003, nas xerais do 2004 e nas europeas... Eu si creo como Cesare que hai un tipo de votante que conecta mais coa louzanía amábel de Quin que co estilo de catedrático encabronado de Beiras, a verdade; e de feito o BNG
sacou agora bastantes mais votos dos que eu agardaba hai doce meses. Tampouco podemos esquecer que o PSOE volve estar na cresta da onda, governa en Madrid e exhibe ún xa característico "buen talante" que sempre dá moitos réditos eleitorais, independentemente de que estea mais ou menos cheo de contidos.

Akin, eu non creo que Rajoy poida volver á Galiza. O mais lóxico é que Rajoy siga liderando o PP toda esta lexislatura e que sexa o candidato nas próximas xerais, porque... quen querería liderar o PP nunhas eleicións, as xerais do 2008, que con rotundidade van perder? Os nomes de futuro do PP -Rato incluído- non accederán ao risco dunhas eleicións que saben facilmente perdidas. A Rajoy tócalle camiñar polo deserto, como a Almunia. A gloria, que oxalá non lles chegue nunca mais, será para outros.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-21 17:12

Esquecíame, Nuala! A canción é Waiting for the great leap forwards, de Billy Bragg. Pode ler a letra nun dos comentarios do post inmediatamente anterior.



9
De: xisbe Fecha: 2005-06-21 19:06

Agardemos pola primavera agora que entrou o verán, vou confiar na sua análise optimista. Non concordo con vostedes no do BNG, Quin é un monicreque e Beiras xa lle pasou a hora, pero mentras non desaparezan eses crápulas da dirección non hai futuro.



10
De: Pep Fecha: 2005-06-21 19:08

"Honestamente":

Del resultat –encara provisional– de les eleccions gallegues destaca una dada: el fracàs del Bloc Nacionalista Galego (BNG), que ha perdut gairebé la quarta part dels seus escons. Aquesta situació pot quedar ocultada en el futur per la seva participació en el Govern. Però el BNG ha fracassat.

Se lo digo yo.



11
De: Pep Fecha: 2005-06-21 19:12

El BNG ha fracasado. Lo mire usted por donde lo mire
(lo del "no hay tiempo para la tristeza" quedaría bien en una canción de Karina).

Es usted tan voluntarioso como cursi.



12
De: Akin Fecha: 2005-06-21 19:22

Sí Martin, pero esquece vostede que Rajoi ten tempo para perder unhas xeráis e presentarse a unhas galegas, tería algo máis dun ano entre unhas e outras.



13
De: Xurxo Fecha: 2005-06-22 00:15

Completamente de acordo con cada ponto da análise, Pawley.

O único matiz que non comparto é a tranquilidade polo voto emigrante. Dado o control que ten sobre él o PP e a facilidade para o fraude, creo que hai que estar preparado para todo.

Veremos o 27.



14
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-22 00:16

Si, señor Pep, ten você moita razón: para o BNG será un grande fracaso participar no governo de Galiza, desde logo non comparábel ao "colosal éxito" que viviron até agora ocupando permanentemente e en case todas as institucións -concellos incluídos- as cadeiras da oposición. En canto ao de voluntarioso e cursi, pois nada, fico moi agradecido polas súas apreciacións, que sempre son benvidas, aínda que non deixa de sorprenderme que esta clase de comentarios só aparezan por aquí cando se fala de política e, en particular, de nacionalismo ou de partidos nacionalistas.

Akin, Rajoy carece do "prestixio" que para boa parte do eleitorado ten Fraga. A Fraga sempre o viron en coche oficial, e sempre xerando arredor de si o mito de "son ese home ao que lle cabe o estado na cabeza". Rajoy non é un "galego coma ti", e non poderá selo a ollos de boa parte da povoación e, sobre todo, a ollos de xente como Cuíña e Baltar. Ademais, para xubilar a esta clase de dirixentes xa está ao parlamento europeo.



15
De: regueifeiro Fecha: 2005-06-22 00:35

eu tamén creo que foi un enorme suceso o resultado do BNG. O seu teito eleitoral de 400.000 foi un espellismo froito do voto de castigo ao PSOE dos Gal e a corrupción. E non esquenzamos que dende as xerais do 14-M recuperou 100.000 votos. Non estivo nada mal tendo en conta que habia un candidato novo, acusacións de inducción ao terrorismo, todos os medios na súa contra, Beiras facéndolle o xogo ao inimigo en pleno ataque de megalomanía e un clima de antinacionalismo brutal no Estado.

E a todo elo hai que engadirlle o moito "voto útil" antifraga que foi parar ao PSOE.

Aínda así, como se sacasen 100.000 votos. Ficou demostrado que 17 escanos e 400.000 votos non valen de nada na oposición. A única cuestión é que vai a haber un executivo parcialmente nacionalista, co que iso significa para o incerto futuro da nosa nación en vías de extinción. un auténtico ponto de inflexión na Historia do noso Povo. Tempo ao tempo.



16
De: EMF Fecha: 2005-06-22 09:32

Umha cousinha que nom vim em ningures; vou falar máis ou menos a título persoal, por certo.

No meu concelho a participaçóm é muito alta, máis ou menos um 75%. E é así em practicamente tódalas eleiçóms que eu lembre. O reparto de votos, por outra banda, vem sendo similar dende tempos inmemoriais: ganha o PP por maioría absolut(ist)a fluctuando numha banda dum 60%-70%.
Nestas eleiçóms o PP baixou practicamente nada -ao contrario que muitos concelhos, onde a baixada foi evidente- e bem é certo que o PSdeG-PSOE subiu dabondo -debeu recolher parte do voto do PP e um chisco do BNG-. O BNG baixou case tres puntos. Pero mirando o número de votos é practicamente o mesmo; o que motivou a baixada de puntos foi a alta participaçóm.
Iso, unido á baixada de votos, fai que parece que o BNG perda muito apoio dos eleitores. Em troques, o que amosa para mim este resultado é que o BNG, agora mesmo, já nom é um partido marxinal; máis bem ao contrario, tem umha base muito sólida para, como bem sinala o noso regueifeiro, cum candidato novo, acusaçóms "gratuitas" de pro-terrorismo, negaçóm absoluta da súa existencia nos mass-media além Pedrafita, etc, etc... com esa base eleitoral, poder crecer dende o governo e, sobre todo, facer "um pais novo", umha crtvg nova, umha relaçóm cos medios de comunicaçóm galegos nova, umha Cidade da cultura (e a relaçóm com esa cultura) nova, e o resto.

PS: Agardo que nom quedara mui mitineiro O:-)



17
De: regueifeiro Fecha: 2005-06-22 10:02

concordo plenamente. o importante é ter unha base social sólida, a proba de modas, bombas e talantes. Até a vindeiras eleccións non saberemos se esa base social incondicional é de 200.000 ou de 300.000 pero o que está claro é que (aínda) non é de 400.000. Pero dende logo unha boa xestión na Xunta pode aumentala significativamente como aconteceu en Pontevedra.



18
De: Moebius Fecha: 2005-06-22 12:27

A mí me parece que en Galicia está empezando a pasar lo que en el resto de España. Hay mucha gente que elige entre el PSOE o la abstención. En cuanto este partido, está un tiempo sin meter la pata, o los demás la meten demasiado, esta gente vota y acaba decidiendo las elecciones.



19
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-22 13:30

Pois que así sexa, Moebius, teñen todo o dereito a facelo. Concordo en parte coa súa reflexión, pero engado outra mais: o verdadeiro problema segue residindo no feito de que mais de tres de cada dez cidadáns chegado o momento de votar prefiren non facelo. Un 30% é moita xente; haberá algúns que non voten porque non crean no sistema, haberá quen non poida, outros aos que estas cousas chéganlles xa demasiado tarde... pero con certeza hai dentro dese 30% un feixe de persoas que pensan que a política é algo que non vai con eles, que non lles afecta. Xente que debe pensar que se as vivendas están caras, os contratos son precarios e a costa fica enlamada polo chapapote debe ser por cousa do destino e non froito dunha acción de governo...



20
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-23 00:56

Aos da boina paréceme que non os controla nin sequera Fraga. Outra cousa é que se toleren mutuamente, que asuman que están mellor xuntos que dispersos. Pero iso non será así sempre, con certeza.



21
De: Xose Fecha: 2005-06-23 23:29

Saludos a todos, es mi primer comentario, y quiero deciros que me parece un buen blog.

Mi opinion es que finalmente gana la izquierda, y no sólo en galicia, tambien en España. La ventaja de la derecha, es que sólo hay una, grande, y presa de la ultraderecha, y eso si que da miedo.

Por otro lado tiene GÜEVOS, que quien decida si se hace o no, esta u otra carretera, o un pabellón de deportes, o un hospital, sea gente, que en el mejor de los casos un día nació na Galiza, por no decir que a lo mejor fué su abuelo el que nació.



22
De: RoiXordo Fecha: 2005-06-26 17:55

Para o que queira explicar o resultado destas "ereccions", so tem que ver uma pelicula alemana: "Os edukadores".
E curioso que esteja a pasar o mesmo em toda Europa. Debe ser o ocaso da civilizaçao occidental que tanto se propagandou anos atras.



23
De: Anónimo Fecha: 2005-08-26 21:23

Los gallegos damos pena, que gobiernen los nazis del BNG, es triste



24
De: Anónimo Fecha: 2005-08-26 21:35

BNG= Separatismo NAZI.
BNG= Pobreza de territorio
BNG= CACIQUES separatistas.
BNG= Anticonstitucionalistas y antimemócratas.
Y luego hablan.......



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.211.79.150 (3c89e56345)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley