caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Cábalas do 20-X
> Cábalas do 20-X <

Medio en broma, medio en serio, onte á noite dous dos analistas políticos mais brillantes do país estiveron facendo cábalas e contracábalas sobre algúns dos escenarios posíbeis despois das eleicións do 19-X. Aquí teñen, en exclusiva mundial, algunhas das súas conclusións:

1. O PP acada 38 deputados e obtén unha nova maioría absoluta. O PSOE mellora os seus resultados, e Touriño fica como líder da oposición á espera de que Fraga colla a baixa. A alta participación fai que o BNG obteña uns resultados históricos en número de votos, aínda que perde algún(s) escano(s). Na análise post-eleitoral o BNG bótalle a culpa ao mal tempo, ou ao bon tempo, e todo segue igual, á espera de que Fraga colla a baixa.

2. O PP é o partido mais votado pero non acada a maioría absoluta, quedando con 36 deputados, fronte aos 23 do PSOE e os 16 do BNG. Esta é a hipótese mais razoábel. Damos por suposto que ao día seguinte das eleicións Pérez Touriño e Quintana reuniranse para almorzar, xantar, cear e mesmo foder se for preciso co fin de acordar rápida e cordialmente un pacto sólido de governo. Fraga retírase a Perbes a escribir varios libros para chegar, por fin, á cifra de cen dentro da súa produción. Mentres tanto, os da boina e os do birrete empezan a meterse navalladas uns aos outros que acaban cos Baltares largándose coa mirada posta xa nas municipais do 2007.

3. Os resultados son os de antes (PP 36, PSOE 23, BNG 16), pero as negociacións de governo entre estes dous últimos amosan diversas dificultades, cuns socialistas moi crecidos pola hipótese de presidir a Xunta e un BNG sabedor de que os seus magníficos resultados lle permiten presionar un pouco. Os teléfonos do Concello da Coruña empezan a quentarse de tantas chamadas como se fan á Deputación de Ourense e á casa do fillo do muiñeiro, e agroma unha nova posibilidade: os Baltares "sacrifícanse" a prol da governabilidade do país e oferécenlle ao PSOE os seus escanos (dez ou doce en total, oito deles por Ourense) para constituír unha Xunta "moderada e de progreso". Si, si, sabemos que hai un pacto antitransfuguismo que foi varias veces vulnerado nos concellos pero nunca nunha institución deste rango; pero neste caso poden aportar algunhas xustificacións, pois xa hai un historial previo e recente de tensións co PP e séntense herdeiros do "nacionalismo centrista" de Coalición Galega. Ademais, con certeza atoparían algún gran medio de comunicación disposto a facerlles un bon lavado de imaxe.

4. Os mesmos ou parecidos resultados (PP 36, PSOE 23, BNG 16). Imbuído do espírito ZP, Pérez Touriño di durante a campaña que só está disposto a ser presidente caso de ser el o candidato mais votado, cousa obviamente imposíbel. Nas reunións e negociacións posteriores ao 19-X o PSOE faise o duro e acaba permitindo un governo do PP en minoría, moi fráxil, deixando que o partido se descompoña durante un ano e medio. Fraga non chegaría a ser presidente ou seríao durante moi pouco tempo, feito que abriría as liortas internas polo tema sucesorio, unha excusa perfeita para que os Baltares se decidan a formar grupo proprio disposto a toda clase de pactos no futuro. Nas eleicións municipais do 2007 o PP fica severamente tocado e vense obrigados a convocar eleicións antecipadas, nas que o PSOE acaba superando en votos ao PP-xenuino e forma governo cos Baltares reagrupados no novo partido "Boinas de Galicia", despois de intensas reunións de traballo arredor do tema ¿Qué hay de lo mío?. Entre tanto, e conscentes de que as súas posibilidades de tocar poder desapareceron por moitos anos, no seo do BNG prodúcense durísimos debates internos, xenerosamente reproducidos en primeira plana pola prensa amiga. O BNG acaba estoupando definitivamente, dividíndose entre os do SI, os do NON e os do DEPENDE.

2005-06-02, 00:01 | 10 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/30327

Comentarios

1
De: J. Manuel Outeiro Fecha: 2005-06-02 01:20

Análise mui completa de possibilidades e factores que influirám no resultado final, mas faltou mais umha hipótese, ou variante da primeira: Na noite eleitoral, o PP nom consegue 38 deputados (ponhamos que tem 36 ou 37). O PSOE e o BNG começam a negociaçom para formar governo. Nove ou dez dias depois, quando se conheçam os resultados definitivos do escrutínio do voto emigrante, o PP ganha os assentos necessários para chegar aos 38, em diminuiçom do BNG.

Nessa possibilidade, que ocorreria? Desligitarám o PSOE o voto emigrante por falta de garantias? Cairá a sociedade num torpor definitivo, afundida pola verificaçom de que a alternativa nom é possível mesmo que o queira a maioria dos residentes no país?



2
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-02 01:37

Hehehe, esa hipótese xa a puxen aquí por escrito hai cousa dun mes, nun post que se chamaba A Apocalipse de San Xoán. Se iso acontece, non pasaría nada realmente; volveríamos ao escenario 1 e logo nas seguintes eleicións a abstención aumentaría de xeito considerábel.



3
De: J. Manuel Outeiro Fecha: 2005-06-02 02:07

Obrigado, Martin, pois nom o tinha visto. Eu acho também que se isso acontecesse a abstençom aumentaria nas seguintes eleições, pois renovaria-se essa velha crença de que "nom hai nada que fazer", que parece estar sendo por fim combatida de forma mui efectiva. Por isso, seria mui negativo para o país que esta hipótese vinhese a verificar-se.



4
De: dot Fecha: 2005-06-02 08:30

Tamén está o Tamayismo. ;)



5
De: Nuala Fecha: 2005-06-02 13:34

As 4 analises parecenme moi boas, se non lle importa, senhor Pawley vou linkar este texto seu no meu blog.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-02 21:43

Si, dot, o Tamayismo tamén existe. Onde cren que sería mais probábel pescar votos tránsfugas, no PSOE ou no BNG?

Nuala, pode linkar calquera cousa deste blog sempre que o desexe.



7
De: Nuala Fecha: 2005-06-03 00:53

Obrigado, señor Pawley



8
De: Fragagá Fecha: 2005-06-08 09:30

Visita fragaga.org

e non teño nada máis que dicir!



9
De: Nilde Fecha: 2005-06-09 16:22

Danme arrepíos de pensar na posibilidade 1, con ou sen voto emigrante. O goberno do PP na xunta empeza a amitárseme ao desodorante de bola, que non é eterno pero o parece.



10
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-10 22:47

Fragagá, xa coñezo a páxina: recomendáronma hai xa cousa de quince días.

Nilde, non se preocupe, que non vai acontecer iso.



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 107.22.46.150 (aeafe2fbf3)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley