Contra a exhibición impúdica de españolismo rancio vou camiño do Castrillón, a pasear un pouco as miñas convicións inxenuas e infantís, aquelas que me din que baixo o ruído dos tanques e os efe-dezaoitos non parece fácil construír a paz. A miña participación manifeirante dura dez minutos, os xustos para escoitar os tradicionais berros de antiespañolismo pasmón e primario, palabras ferintes baseadas en verdades reveladas que só están ao alcance dos que pertencen á secta. Uns e outros, en extremos opostos da cidade, vestidos con uniformes diferentes e armados de bandeiras diferentes, amosan no fondo unha mesma mentalidade, tribal e manola, mais dotada para a consigna repetida a xeito de mantra que para o pensamento libre e luminoso.
Estes non son días estranhos, abofé. Son días de ilusión e de esperanza, días de falarmos de creatividade, de mobilización e de futuro. Dun país novo que deixou de laiarse porque como di un amigo xa chorou dabondo Rosalía por todos nós. É o país dos do si, un país que non se resigna a converterse nun parque temático de símbolos e defuntos e que mira para si mesmo con verdadeiro orgullo cidadán. Un país que pensa que o 19 do xuño non é un final, senón que por riba de todo, e aconteza o que aconteza, é un principio. Ese é o meu país, o único que quero, e tanto me ten que forma ha de ter no mapa.
¶
Esta tarde pasei por onde pasaran os desfilantes unhas horas antes, á beira do mar, baixo a bandeira. Gustáronme os buracos excavados na area da praia polos comandos, e tamén un par de bandeiras colgadas en balcóns: a de Portugal e outra rosa-laranxa-rosa, se cadra a española pasada pola lavadora.
O peor de todo é que esa bandeira enorme vai ficar aí, según conta A Coz. E na base as enseñas das 17 comunidades autónomas... Como se non tiveramos xa dabondo coa contaminación lumínica das farolas, agora tamén contaminación estética!
Si, iso xa o pensei eu... A bandeira vai ser un entretemento da mocidade nas noites de fin de semana, como o de arrincarlle o nariz á estatua de Cunqueiro da Praza do Humor ou o que lle fan en Oviedo ás gafas de Woody Allen.
Hoxe si que o vexo positivo. Gustoume a súa mensaxe. ¡Votariao e todo!
Espero que non sexan os eflúvios do licor de café.
¡Felicidades!¡Oxalá cumpra vostede tantos como a momia!
Chegan a tempo, chegan a tempo. O día 30 é o mellor día para os parabéns, pero admítense tamén o día seguinte e o anterior, que é cando un empeza a recoller presentes. Grazas, pois, Vendell, peke, IaRRo, paleón, Paco e opaco. Siloam, sorpréndeme iso de ser "outro aéreo do zodiaco": acaso os touros voan? :-)
A celebración gorda deixámola para o día 19 de xuño, a iso das nove e media ou así.
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.