caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Carme Adán + Folga na RTVG + Haikus electorais
> Carme Adán + Folga na RTVG + Haikus electorais <

um

Carme Adán, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, acaba de abrir blog está a ponto de abrir xa abreu blog. E un blog de verdade, ademais, con comentarios, fotos e ligazóns. Pola miña parte fica desde este momento convidada ao próximo xantar do blogomillo, se é que lle deixan algún oco os seus compromisos no governo de Galiza, que é onde estará para daquela.

dois

Recibo un interesantísimo correo dunha persoa que traballa nos servizos informativos da RTVG. Paga a pena lelo con atención:

"Ola, amigos, gatekeepers do blogomillo, marcadores de tendencias e xente avisada en xeral.

Escríbovos para contarvos algo que probablemente vai ocupar pouco espazo nos medios, a pesar de que ten que ver con eles, ou precisamente por iso, pero que lles afecta directamente a máis de 800 persoas e, indirectamente, a case tres millóns de cidadáns. Mañá, mércores 25 de maio, os traballadores da CRTVG estamos convocados polo noso comité interempresas a un paro de catro horas (dúas na quenda da mañá, de 12:30 a 14:30, e dúas na da tarde, de 18:30 a 20:30). É a primeira xornada de folga dun calendario de mobilizacións que, se cómpre, se prolongará durante a precampaña e a campaña electoral, para acabar na noite do 19 de xuño. Dúas razóns concretas: unha prioritaria e urxente, esixir o que chamamos unha "ampliación de catálogo", unha ampliacion nun número razoable do plantel fixo de traballadores da TVG, a RG e a Compañía; outra que parece máis frívola pero tamén é xusta, reivindicar unha suba salarial do 5% para os traballadores fixos. A de fondo: esixir a mellora das condicións laborais coma primeiro paso para conseguir uns medios públicos dignos que cumpran a función para que o foron creados.

Un conflito laboral máis, diredes, nestes tempos difíciles de reconversión xeral e permanente e de emigración xuvenil masiva. Se cadra egoistamente, penso que aquí todos nos xogamos algo máis.

A historia de desencontros entre os cidadáns galegos e os medios públicos do país é longa, triste e coñecida. Moitos alardean de non velos ou escoitalos, e se por casualidade o fan, ven confirmados os seus prexuízos: uso partidista dunha televisión e dunha radio que pagamos todos, ocultación e maquillaxe da realidade, galego de Valladolid, haxiografías populares, mixtificación da nosa identidade e da nosa cultura, folclorismo mal entendido, mediocridade intelectual, o pantagruelismo como ideoloxía...; un insulto ético e estético, vamos. (Creo de xustiza recordar que a RG e a TVG tamén fixeron cousas de mérito, pero esa é outra historia para outra ocasión.)

Houbo moitos episodios bochornosos nos últimos anos, pero o divorcio escenificouse coma nunca durante a marea negra do Prestige, coa RG e a TVG rendidas á versión oficial, mentres o fuel asolagaba a costa e as conciencias. Nunca o desprezo e a carraxe contra os seus traballadores foi maior nin máis xustificado: insultos a xornalistas e reporteiros gráficos, berros de "televisión, manipulación" en cada manifestación, en cada vila costeira. Cidadáns
xustamente indignados e traballadores descorazonados e avergonzados, admitindo a súa indignidade sen atreverse a suxerir que a ira cidadá alcanzase tamén outras instancias aínda máis incompetentes.

Non reclamo comprensión para o imperdoable, pero calquera pode imaxinar que as razóns deste esperpento no que se converteron os medios públicos galegos son variadas e complexas: o medo de case todos, a covardía de moitos, a vaidade dalgúns, as prebendas doutros tantos, a indecencia duns poucos e tamén, e non é a menos importante, a precariedade laboral.

Neste momento, aproximadamente o 33% dos profesionais da CRTVG traballan en precario (unha porcentaxe que se duplica en departamentos coma a redacción de informativos), mediante fórmulas diversas e imaxinativas: contratos temporais e por obra que se encadean -ou non- mes a mes, día a día, durante lustros, contratación a través de ETTs, contratos artísticos a xornalistas, prácticas mal pagadas e bolsas que se eternizan... Ademais, externalizáronse (subcontratándoos a produtoras "amigas") case todos os programas de entretemento e parte dos servizos informativos, o que non reduciu os custos de produción pero si a nómina e a seguridade laboral dos traballadores. Todos, os de dentro e os de fóra, convivimos diariamente coa censura e a autocensura, coas faltas de respecto profesional e persoal, con ameazas veladas e explícitas... En fin, non quero pintarnos coma vítimas nin aburrirvos, pero non é difícil imaxinar as consecuencias que estas condicións laborais producen na calidade e na honestidade da información que se ofrece; non tedes máis que ver calquera telexornal.

Está por ver se a xornada de folga vai ter algunha incidencia visible na programación. A empresa ten moitas tácticas -que van do inmoral ao ilegal- para evitalo pero, máis alá diso, e a menos de un mes das eleccións, o que máis dano pode facerlles é tamén o máis difícil, que isto se saiba alén de San Marcos.

Todos temos que merecernos os medios públicos que queremos, nosoutros e vosoutros. Así que só vos pido que fagades o que nós, con todos os nosos medios, delegacións, cámaras web, reporteros dicharacheros e enviados especiais a Mónaco e ao Vaticano, non podemos facer, contalo. Aos vosos coñecidos, veciños, compañeiros, familias políticas, a todo o mundo subterráneo do que non teño correo electrónico e, se o considerades necesario, aos vosos lectores".

tres

Suxírolle a un amigo que manda correos brevísimos que probe a facer haikus. En poucos minutos envía este de sabor claramente eleitoral:

Os das mudanzas
alegran Montepío.
Chega o verán.

Eu propuxen unha versión algo mais gótica, pero non necesariamente pesimista:

Anuncia o xílgaro
que os coches da mudanza
son coches fúnebres.

2005-05-25, 01:59 | 11 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/30044

Comentarios

1
De: Cesare Fecha: 2005-05-25 12:08

;)



2
De: Cesare Fecha: 2005-05-25 13:42

Ah, e o blog de Carme Adán será público dentro dunhas horas... :)



3
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-25 20:55

Ah, entendín. Xa me parecía a min raro ser mais rápido que ascárida e maría no descubrimento de blogs. As ligazóns é o que teñen, que se pillan axiña. :-)



4
De: Flavia Fecha: 2005-05-25 21:30

Estou paseando por aqui...



5
De: dot Fecha: 2005-05-25 22:50

Off topic: Martin Pawley, acabo de velo bañandose en The Searchers. Que guapo!



6
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-25 23:06

The searchers é con certeza a mellor película xamais filmada. Non sei se é nesa escena cando se queixa de que por non ter non ten nin sequera roupa de seu, véndose obrigado a empregar a dun morto. Jeffrey Hunter participou noutros dous filmes de John Ford, a estupenda The last hurrah (Donmanuel, debera você vela antes do 19-X) e un dos meus favoritos, Sergeant Rutledge, acompañado por un colosal en todos os aspectos Woody Strode.

Jeffrey Hunter morreu xove, pero non creo que deixara un cadáver moi bonito tendo en conta que a morte chegoulle por culpa dun accidente. Esta



7
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-25 23:09



Esta é a foto que metín no meu perfil de Yahoo!, vestido de cowboy.



8
De: opaco Fecha: 2005-05-26 00:39

Moi bo o de falapovofala.mp3 para agardar polo blo da Carme :-) E o paro na tele, aparte a info de Vieiros, como foi?



9
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-26 00:52

Pois di a duquesa que "o primeiro paro saíu moi, moi ben" e que xa nos seguirá informando. No blo de María di tamén que "dos que fixeron folga na quenda da mañá, un cento eran traballadores contratados, o nunca visto". E para mais información, Vieiros, coma sempre.

O blog da Carme disque se presenta "oficialmente" o xoves, así que mañá a estas horas xa debera estar disponíbel no enderezo que será definitivo, que é parecido pero non idéntico ao que puxen onte no post e que, of course, xa borrei...



10
De: duquesa Fecha: 2005-05-26 16:05

Na redacción de informativos da tele quedaron traballando os de servizos mínimos e 5 máis. Máis de 200 persoas se concentraron na porta, e a metade eran contratados. Ninguén esperaba algo así. Foi realmente emocionante.
Aínda non se conseguiu nada, fóra de recuperar a voz e a autoestima, e iso xa o é todo.
Este domingo tócalles aos da quenda de fin de semana. A próxima xornada de folga é de 24 horas, desde as 10 da noite do xoves 2, coa pegada de carteis do comezo da campaña, ás 10 da noite do venres 3.



11
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-26 22:42

Folga no comezo da campaña. Ficaremos sen ver a Fraga pegando carteis ao vivo? :-)

O blog de Carme Adán, por fin:



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.227.126.69 (ca58b4fcd4)
Comentario
¿Cuánto es: mil + uno?









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley