caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > Dez razóns para ver Hai que botalos
> Dez razóns para ver Hai que botalos <

Polos palcos da segunda planta do Teatro Principal non se vían mais que blogueiros. Por alá andaban María, a señora dot, Dagha, paleón e tamén ElDa, con quen sempre dá gosto falar, e mesmo vimos a un tal Quin que di no seu blog que quere ser presidente da Xunta. O motivo, no caso de necesitarmos algún para vernos e botar unhas risas, era a presentación de Hai que botalos, "un filme libre e colectivo sobre Galiza cun obxectivo: estimular o boto nas eleccións do 19 de xuño do 2005". Vinte e catro propostas feitas con mínimos recursos que poden ver e descargar na web e entre as que como é natural hai de todo, cousas moi malas como a perpetrada por Margarita Ledo Andión (Lavacolla 1939) e algunha verdadeiramente extraordinaria como a que nos pon diante dos ollos ese fenómeno tan noso da carretaxe de votos. Houbo un tempo no que neste blog eran habituais as listas dos domingos, e hoxe é un bon día para recuperar a tradición oferecéndolles dez razóns polas que hai que ver "Hai que botalos":

Punto final, biografía de Donmanuel con guión de Manuel Rivas chea de verdades que escocen na memoria. Dirixe Emilio MacGregor.
En plan Galicia, de Quique Costas e o grupo Chévere: o esforzado mantemento dun cartel do plan a cargo dun feixe de operarios. Moi simpático e ben editado.
Nunca mais?, de Carlos Alberto Alonso, un eficaz repaso daqueles días inesquecíbeis do Prestige no que sobra o exercicio de auto-odio dos rótulos finais.
Carretaxe, de Roberto Ribao, Tomás Lijó e Pixi, unha pequena maravilla que remata cun plano para a historia do audiovisual galego: o do colexio eleitoral/velorio. Unha xoia. María, dilles que eu quero ver o resto.
Din que chove, de Josiño Díaz, reflexión a xeito de zapping sobre o despilfarro de fondos europeos.
Monótono fungar, de Marcelo Martínez, unha curiosa e ben resolta vídeo creación. Iso si: que alguén me explique que significan as sardiñas, por favor.
Incendios, de Enrique Banet, un documental claro e didáctico sobre a lacra dos incendios forestais na Galiza.
A cada cerdo lle chega o seu San Martiño, de Juan Lesta e Belén Montero, outro reconto de frases e declaracións de políticos populares tralo afundimento do Prestige.
O partido, de Suso Sueiro. O guión é unha estupidez, pero o plano-secuencia quedoulles moi feitiño.
Untos, de Chiqui Pereira e Berrobambán, unha delirante marcianada musical que fai risa da corrupción do PP ourensán. É unha mágoa que o son sexa nefasto e a canción non se entenda moi ben que digamos. Impagábel Paula Carballeira con perruca verde e gaita de pega.
A dúas velas, de Quique Otero, con Miguel de Lira e Víctor Mosqueira. Debera acabar co plano da casa e os aeroxeneradores ao fondo, pero en conxunto é bastante correcto.
O señor do telexornal, de Alex Sampaio e con guión de Rosa Aneiros. Moi moi moi bonito. Que lles dean aos cativos un premio AGAPI deses, porque son uns fenómenos.
A canción de Xoán Rubia, Fala, povo, fala / vota, povo, vota / pero non vooootes / a quen te explotaaaaa. Acaba sendo pegadiza.

2005-05-23, 03:09 | 28 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/29974

Comentarios

1
De: Boss Fecha: 2005-05-23 15:53

Ainda não as vi todas, mas também estou encantado com tanta criatividade ao serviço da boa política. Estão todos de parabéns! :)



2
De: Anónimo Fecha: 2005-05-23 20:18

Xa vin o comentário. Obrigado pola visita.
Agora só falta o final feliz e que non tenha mais que dizer. E as medalhas de volta à Galiza. Saúde e dignidade.



3
De: Galeidoscópio Fecha: 2005-05-23 20:21

A mensaxe anterior era minha (Galeidoscópio). Sinto que quedara como Anónimo.



4
De: MH Fecha: 2005-05-23 20:43

Estaría bien ¿no? Yo me apuntaría a la celebración con una de licor-café.



5
De: Vendell Fecha: 2005-05-23 22:24

Carretaxe é absolutamente estremecedor, en sintonía con esta nova que traía hoxe El Correo Gallego.



6
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-23 23:26

Vendell, é moito mellor o tratamento que ese mesmo medio deu da noticia na versión en papel. Póñoa logo como post, xa verá.

MH, fica vostede convidado á celebración.



7
De: Vendell Fecha: 2005-05-24 00:22

Vin a nova no xornal nun bar. Dende lonxe supuxen que os astronautas chegaran a Marte, ou que a Igrexa decidira repartir os seus bens entre os pobres. Non podía nin imaxinar outro aconcetemento que puidera merecer foto a 4 columnas e 3 liñas ¡3! de titular na portada do Correo.



8
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-24 00:34

Pois imaxine cando morra o vello...



9
De: Cesare Fecha: 2005-05-24 01:36

Iso vai ser o máis triste.
Cando morra o vello non vai pasar nada.



10
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-24 01:58

E a vostede, Cesare? Que lle pareceron as curtas?



11
De: Cesare Fecha: 2005-05-24 13:31

Xa quedou dito... ando moi atarefado estes días.



12
De: EMF Fecha: 2005-05-24 15:23

Concordo absolutamente coa sua opinióm nas catro primeiras, que forom as que vim polo d'agora.



13
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-25 00:38

Xa vin, Cesare, xa vin. EMF, repare nos dous comentarios que vou pegar a continuación sacados do meu blog cinéfilo.



14
De: Carlos Alberto Alonso Fecha: 2005-05-25 00:38

Auto-odio non compañeir@, eso nunca. Auto-critica moito millor, e esperemos que nos sirva para reflexionar...

Graciñas polo de eficaz.

Saudos dende Barna

CAAlonso



15
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-25 00:40

Autocrítica si, pero honestamente creo que é innecesaria. E ademais nin sequera é correcta, ou non o é se carecemos do contexto apropriado. Por exemplo, non é certo que o PP non saíse bastante perxudicado nas municipais do 2003, as primeiras eleicións nas que a suma PSOE-BNG foi significativamente superior á do partido de Manuel Fraga. Certo que gañaron en Muxía, claro, pero o raro sería que non sucedera así, como ben explicaba Manuel Rivas nun celebrado artigo: mesmo hai que quitar o sombreiro en homenaxe aos votantes que decidiron non votar polo PP e provocaron que nesa vila o partido perdese algúns votiños, malia todos os conselleiros que se pasearon por alí durante a campaña e a ameaza nada sutil de Donmanuel de que as axudas e subvencións serían mais probábeis de contar nos concellos con "governos amigos".

É cuestión de escala. Eu podo lamentar a pouca visión de futuro e mesmo a covardía e o medo que ten algunha xente, pero en ningún caso me doe tanto como a de aqueles que si teñen capacidade para facer que as cousas muden e non o fan. Eu non lle vou esixir heroísmo e espírito crítico a unha paisana da Pastoriza que xa dabondo ten con sobrevivir coa súa pensión de viúva, ou a unha mariscadora que vendo en perigo o seu porvir átase ao que ten mais a man. Gostarei mais ou menos das súas atitudes, pero elas non son o problema, e non creo que sirva de moito facelas sentir culpábeis de nada. Porque os culpábeis están noutros lugares, vivindo moi ben e comendo moi ben, e son a eles aos que hai que botar.



16
De: CAAlonso Fecha: 2005-05-25 13:15

Entendo que a vostede lle pareza innecesaria, pero obviamente eu penso o contrario.
Por outra banda, nos créditos do final da nosa peza poñemos exactamente: “O PP saíu a flote en toda Galicia nas Eleccións Municipais deste ano” non tiñamos espacio nin tempo para entrar nos detalles de si saíu mais ou menos danado, que como moi vostede ben di, é certo que “foron as primeiras eleicións nas que a suma PSOE-BNG foi significativamente superior á do partido de Manuel Fraga”, por tanto non vexo a incorrección.
Eu non lle esixo heroísmo e espiritu critico a ningunha paisana de Pastoriza ou a unha mariscadora, non entendo moi ben coma “¿Nunca Mais?” pode chegar a provocarlle esa reflexión a ninguén, pero sí prego certa coherencia e sentido común a hora de exercer o seu voto (secreto, coma ben todos sabemos), non creo que vivir nun punto xeográfico ou noutro, ou traballar nesa ou noutra profesión influa en ter capacidade de razoamento.
Esta claro que non son eles (supoño que se refire a todos nos) os que hai que botar, pero sí son eles os que teñen que ir as urnas, a eles vai dirixido todo Hai que Botalos!, para espertar as súas conciencias. Ese foi o meu intento, critico, e sen odio, por favor, que ademais esa foi a miña única apreciación o seu comentario inicial... con bastante mala leite, pero sen odio.
En calquera caso, os culpábeis certamente son os que vostede di, e a miña curta mais ou menos acertadamente vai contra eles, contra ninguén mais.
Un saúdo.
CAAlonso



17
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-25 23:25

Pois non creo que poida dicirse que "saeu a flote", tendo en conta que non estaba afundido (nin moito menos) e que acabou tendo os seus peores resultados en moitos anos. Eu sigo sen entender que necesidade había de que a súa curta acabase citando ás confrarías que apoiaron ás teses oficiais, facendo recaer nelas implicitamente un sentimento de "culpabilidade" ou mesmo de "traición". Non creo que iso contribúa moito a espertar conciencias, a verdade, do mesmo xeito que non me parece nada útil o estilo zafio que asoma na curta que imita South Park ou na de Lixo verbal, que poden valer como chiste para os convencidos (cada un ri do que lle peta), pero que non creo vaian facer pensar moito a boa parte dos destinatarios do filme.



18
De: CAAlonso Fecha: 2005-05-26 00:41

“Saíu a flote” cando moitos pensaron/amos que se quedaría afundido coma o propio Prestige, un xogo de palabras, unha licencia... desculpen.
A ver se me podo explicar, farei un ultimo intento antes de ir durmir...
“Carretaxe” por exemplo, esa “pequena marabilla que remata cun plano para a historia do audiovisual galego“, opinión súa coa que estou totalmente de acordo, a que eu ademais añadiria “que se trata da mellor peza desta longa colectiva”. Pois ben, non sei se habería algunha outra maneira de rodar esta historia sen dalo nome do pobo, o resultado das votacións e incluso sen mostralo rostro destes veciños “carretados” ate este colexio eleitoral/velorio, pero Ribao e Lijó valentemente así o decidiron e fixérono, penso que moi acertadamente. Francamente non sei o sentimento que fará recaer nestas xentes cando se vexan retratadas neste fantástico documento, quizás “culpabilidade” e “traizón” sexan termos que se queden curtos neste caso (e insisto que no mesmo caso que “odio” continúan parecéndome pouco acertados e excesivos para relacionar coa nosa peza “¿Nunca Mais?”). Sen pretender entrar en comparacións entre “Carretaxe” e o noso humilde traballo (considero que o dos compañeiros esta moi por riba do noso), penso que nos dous falamos do mesmo, do caciquismo no seu estado mais extremo e noxento, da manipulación das xentes humildes por parte do poder, de que mexan por nos e hai que dicir que chove, etc... As formas son outras, pero o fondo e o mesmo, prego un pouco de obxectividade, se puidera ser.
Sobre os traballos dos demais compañeiros podo estar ou non de acordo con vostede, pero o que esta claro e que o ton un pouco mais distendido ou festivo dalgúns serve para compensar a gravidade e densidade no conxunto que provocan outros (coma o noso), e esto fai que o Hai Que Botalos! non nos faga saír a todos do seu visionado coma dun velorio... ou colexio eleitoral, que coma a partir de agora xa sabemos, en Galicia nunca se sabe.
Saúdos
CAAlonso



19
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-26 01:41

Si, pero é que non é o mesmo. Sería parecido se Ribao e Lijó acabaran a súa curtametraxe poñendo un rótulo no que puxese "os veciños de Vilar de Barrio están firmemente convencidos de que a carretaxe de votos é un procedemento xusto, libre e escrupulosamente democrático", ou algunha cousa polo estilo. As "xentes humildes" que nos amosan Ribao e Lijó son responsábeis dos seus actos, por suposto, pero son mais vítimas que culpábeis, na miña modesta opinión, e por iso non creo que haxa necesidade de cargar as tintas contra eles. Pois o mesmo coas confrarías. Entre os que compran e os que se deixan comprar, eu procuro gardar todo o meu desprezo para os primeiros.

Contodo, volvo insistir en que a súa curtametraxe me parece moi útil, e que todo o filme, en conxunto, é bastante satisfactorio. É inevitábel que sexa irregular, posto que reúne 24 pezas de autores diferentes, pero en liñas xerais é unha obra valiosa, representativa do momento que vivimos; e alégrome moito de que poidamos debater con serenidade sobre ela, cousa que, con certeza, axuda sempre á súa difusión.



20
De: CAAlonso Fecha: 2005-05-26 02:58

Benquerido Pawley...

Teño a sensación de que poderiamos estar así ate o infinito...

So dicir, que creo firmemente que todos son víctimas, e espero que sexa esa a lectura definitiva que se de da miña proposta e non outra que me converta nun malparido. Recoñezo que non me andei polas ramas, pode ser que cargara as tintas, pero e que a imaxe que se deu cara o resto da península e do mundo naqueles e posteriores días, cara a tantos e tantos voluntarios que foron limpar as nosas praias, a cidadáns solidarios galegos e non galegos que se manifestaron aquí e acola, non é para menos que intentar darlles -darnos- unha explicación, que aínda así so uns poucos conseguimos entender, pero e que creo que a situación merece que corrámolo risco. Todo é real Pawley, desgraciadamente non inventei nada. Asegúrolle que non hai nin unha gota de desprezo para esa xente pola miña parte, foron protagonistas, interpretaron o seu papel coma puideron e eu non fun capaz de borralos do retrato, retiralos da escea. Os veciños de Ribao e Lijó teñen unha actitude moito mais escalofriante ante as cámaras que a sensación que poidan provocalos créditos finais de “¿Nunca Mais?”, pénseo friamente, estou convencido de que sabe o que me refiro...

Celebro que lle resulte útil a miña contribución, que non fora así seria moito peor que o feito de que lle parecera “un exercicio de auto-odio”, con todo o doloroso que supón ese comentario para min, moito peor... Creo firmemente que a existencia deste traballo conxunto xa nos esta dando a oportunidade de que vivamos un momento único na historia de Galicia, e que todos estamos vivíndoo, que algúns teñamos o privilexio de facelo tan preto éncheme de emoción e orgullo. Por suposto que e un pracer debater sobre o HQB, e nas condicións de respecto e cordialidade que o fago con vostede, moito mais.

Para desdramatizar un pouco... A partir deste momento pode chamarme Ethan... Ethan Edwards, será o mais apropiado ;) (The Searchers do mestre Ford ¡Homérica!)

Saúdos

CAAlonso



21
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-26 04:15

Hai unha cousa que segue parecéndome moi curiosa, e moi inxusta, arredor de como reflectiron os medios de comunicación a victoria do PP en algúns concellos da Costa da Morte: pareceu case unha "ofensa" ao labor de tantos e tantos miles de persoas que limparon chapapote e exerceron a súa condición cidadá diante das autoridades. Porén, a ninguén lle pareceu unha ofensa que Rita Barberá gañase en Valencia ou Ruiz Gallardón en Madrid, malia os centos de miles de persoas que saímos/saíron ás rúas protestando contra a guerra no Irak; a ninguén lle pareceu unha ofensa que Esperanza Aguirre gañase unhas eleicións meses despois de que Rafael Simancas non puidese ser elixido presidente polo transfuguismo de dous golfos, etc etc etc. Todo iso é "normal"; o de Muxía, seica non. Se os cidadáns de Muxía votaron coa carteira, con que votaron os de Madrid, co corazón?



22
De: CAA Fecha: 2005-05-26 06:49

Sí, certo moi inxusto.

Síntoo, non son comentarista político, nin periodista. Digamos que antes de comezala labor de cambialo mundo, e sempre dende o meu punto de vista de cidadán-cineasta-galego, ando atendendo o da nosa casa... Nos créditos da nosa peza falamos de "os pobos costeiros" podes comprobalo, non especificamos. O que iamos, Hai que Botalos!



23
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-26 21:25

Oia, CAA, non se me poña susceptíbel, home, que agora non estaba falando da súa curta :-)



24
De: Martin Pawley Fecha: 2005-05-26 22:55

Escoiten isto.

Yo no pienso injuriar a nadie, di Donmanuel na súa nova e descoñecida faceta de crítico de cinema (seguindo nesa liña alguén que o vexa que lle pregunte que pensa do guión de Raza). Non pensa "injuriar", pero emprega palabras como "morralla", "porquería", "incultura"...

A min o filme non me deu "asco", do que deduzo que eu non son "cualquiera".



25
De: J. Manuel Outeiro Fecha: 2005-06-01 05:22

Concordo em geral coa tua opiniom sobre as curtas de "Hai que botalos" mas acho horrorosa a cançom de Xoán Rubia. É mui setenteira, nom é? Sabe alguém de que ano é? ou está feita para este filme?



26
De: Martin Pawley Fecha: 2005-06-01 23:10

Pois supoño que debe ser da segunda metade dos anos setenta, si. Eu non me atrevería a dicir que é unha canción bonita, pero realmente tanto ten: acabará vencellada na nosa memoria a uns días de ilusión e esperanza. Todos asociamos certos momentos importantes das nosas vidas con algunhas cancións, non necesariamente boas. Este será o caso, tamén.



27
De: X. Ordovas Fecha: 2005-06-02 14:31

"Fala Pobo" de Xoan Rubia, que pecha o filme, é unha versión adaptada da canción que xa foi empregada para alentar ao voto nos tempos da "anterior" transición, entón foi a "Canción promocional do Referendum para a Reforma Política" do Ano 1976, lóxico que soe a outra época, e sí certamente un tanto trasnochada. Pero a intención percíbese boa, que é o que conta.

Mais info:
http://pruebameteo.webcindario.com/habla.htm



28
De: francesca Fecha: 2006-03-12 18:07

hola soy una chica italiana!!!VIctor mosqueira eres un graaaaaaan actoooorrrrr!!!besos Francesca



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.166.238.61 (01bd5c8f63)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley