A noticia chegábanos onte da man do caseiro de Brétemas: a Biblioteca Internacional da Mocidade de Munich facía pública a lista dos livros distinguidos cos "White Raven" entre o mais destacado da literatura infantil e xuvenil do mundo, e que desta vez volve incluír varios títulos galegos: O brindo de ouro de Xesús Manuel Marcos, ¿Que contan as ovellas para durmir? de Kiko Dasilva, O armiño dorme de Neira Cruz (incorporado, desconhezo a razón, á lista española), e, last but not least, Bolboretas, de Xabier P. Docampo e Xosé Cobas. Os habituais deste blog entenderán que sinta unha especial ledicia por estes últimos: coa subxectividade que me honra eu xa escolhera esta obra como melhor livro do ano 2004, varios meses despois de lhe adicar estas palavras:
Bolboretas fálanos do amor. Do amor que nace como un xogo compartido, que se descobre e se transmite ao ser amado que nos leva da man na procura da felicidade. Porque a felicidade é ter milheiros de bolboretas a voar dentro de nós. O texto de Xabier é fermoso e delicado, como os bos recordos, pero o que acaba de convertir un relato magnífico nun livro único é o trabalho de Xosé Cobas como ilustrador. Cobas posúe a técnica e a imaxinación precisa para xogar cos conceptos visuais, desfácendoos e volvéndoos a facer, xerando nos leitores atentos multitude de sensacións. Crea imaxes enormemente expresivas, moitas veces desde a pura abstracción, facendo da cor un elemento cheo de forza narrativa. O labor de Cobas, sempre espléndido, benefíciase desta vez dunha edición que o presenta como se merece.
Parabéns, Xabier, Xosé, mestres. Xa me tarda ver editada esa outra maravilha vosa, De cores e de amores, un prodixio de simplicidade que retrata todas as formas do amor. E estean atentos, amáveis leitores, á próxima saída da tradución castelá de A chave das noces, unha excelente novela negra escrita cando aquí case non as había e que merecía saír por fin do estranho limbo galáctico.
¶
Dicir, para quen non o saiba, que saír no catálogo anual dos "White Ravens" non lhes é calquera cousa: pasa por ser, xunto coa lista bienal do IBBY, a mais prestixiosa referencia mundial da literatura infantil e xuvenil.
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.