Nun país coma este no que tantos e tantos escritores parecen escribir non porque gosten de facelo, senón porque se senten sometidos a un estraño e indefinido compromiso co povo e coa lingua; nun país no que tantas e tantas persoas parecen crer que sen a súa poesía e a súa prosa o mundo non sería como é, e que a súa obra non é simplemente boa ou mala, senón ante todo necesaria; nun país coma este, no que cada día se publican mais libros dirixidos a un número cada día mais reducido de leitores, e no cal mesmo hai quen considera que a súa vida é merecedora de encher dous tomos de catro centas páxinas cada un; nun país así, créanme, é tremendamente liberador ler unha novela como a que tiven ocasión de disfrutar onte e que o único ao que xoga é a pretender entreter ao leitor, intención que é de seu boa dabondo. Permítanme que non lles fale moito dela, ou mais ben que non lles diga nada, xa que a novela non está aínda disponíbel; teñan por seguro que María ha de manternos ben informados sobre todo o que aconteza ao respecto, que para iso o autor é un dos seus protexidos. Só lles direi que A lei da rotonda, que así é como se chama polo de agora, recibiu unha mención especial por parte do xurado do último Premio Blanco Amor; que conta cuns diálogos divertidísimos e moi frescos; que asume ao longo do relato algúns retos demenciais, como o de convertir en personaxe a certo coñecido xornalista galego, e que por debaixo do humor e do seu ton lixeiro agáchanse un feixe de emocións e de situacións que a todos nos resultan enormemente familiares. Non é por suposto unha novela que vaia marcar un antes e un despois na historia da literatura universal, nin falta que fai, por outra parte; pero si é un texto moi digno, ideal para ler nas paradas de autobús. A clase de novela que pode achegar á literatura en galego a un público xove ao que habitualmente teñen moi pouco en conta os diferentes axentes culturais, os mesmos que logo se queixan de que o futuro aparece cheo de nubarróns.
¶
Pois eu si que creo que esta novela é moi necesaria e estou convencida de que marcará un antes e un despois. O mundo será mellor en canto estea publicada, xa verán. En canto aos nubarróns, non desaparecerán, pero sempre nos quedarán as marquesinas para gorecernos cuns cantos folios diante e botar unhas risas... anque a algúns non lles faga tanta graza, e con razón. ;)
yomisma, non lin ese livro e nin sequera son visitante habitual dese blog, así que non podo falar nin ben nin mal do mesmo. Ha de saber moito mais Peke; pregúntelhe a ela, se acaso.
non tan conhecido, é que eu sempre dou coa expresión xusta (sobre todo falando de cine) :-)
María, non se merecen (as grazas), foi un pracer. Solidariedade de bairro, xa sabe. ;-)
Eu tamén espero que chegue esa rotonda, por varias razóns. A primeira, desquitarme coa axente; a segunda, desquitarme co autor; a terceira n'a conto. ;)
Entreter: Esa é a función da literatura. Como somentes un parvo se entreten con parvadas, somentes un parvo pensaría q o entretemento é unha parvada. Agardamos a saida con entretida expectación.
jej, porque fun algo negativo co primeiro produto deste autor e co primeiro produto da axente... e cáenme suficientemente ben uns e outros como pra querer colocarme en popa da súa navegación.
O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.