caderno dun rencoroso enfermo de cinefilia
Inicio > Historias > O neno que non quería medrar
> O neno que non quería medrar <

Seguro que o leron na prensa deste luns, aportando un pequeno alento de ledicia despois da terrível traxedia do tsunami: tal día coma hoxe de hai cen anos representábase por primeira vez en Londres a obra Peter Pan, or The Boy Who Wouldn't Grow Up, escrita por James Barrie. O personaxe de Peter Pan, contodo, xa era conhecido. Apareceu un par de anos antes en algúns capítulos doutro livro do autor, The Little White Bird, que foron logo reeditados baixo o título Peter Pan in Kensington Gardens. En 1911 publicou unha segunda novela sobre o personaxe, Peter Pan and Wendy, que é a que acaba por construír o mito de forma definitiva. Esta variedade de fontes fan que non sexa descabelado dicir que Peter Pan é o clásico da literatura infantil menos lido, e en xeral, tamén o peor lido. Non é imposível de atopar nas livrarías, mas tampouco é fácil, ou polo menos non tanto como a súa xigantesca popularidade faría pensar. Coma en moitos outros casos, a fama de Peter Pan nace non dos textos orixinais, senón de filmes e versións teatrais que simplifican a trama converténdoa nunha papa inofensiva e politicamente correcta.

Mais fascinante que o personaxe resulta o proprio autor, e en particular o xeito en que creou a obra que o fixo célebre. James Barrie inventou Peter Pan para entreter aos filhos da súa amiga Sylvia Llewelyn-Davies, da que estaba secretamente namorado. James casara en 1897 cunha actriz chamada Mary Ansell, mas o matrimonio foi un absoluto fracaso e mesmo hai quen cre que nin sequera chegaron a manter relacións sexuais. Divorciáronse en abril de 1910; catro meses despois desa data Sylvia, que daquela xa estaba viúva, morre dun cancro. James Barrie é designado tutor dos cinco filhos da parelha e na práctica acaba exercendo de verdadeiro pai. Tres deles acabarían tendo un final ben triste: George morreu na guerra en 1915, e Michael, o seu favorito, afogouse xunto ao seu melhor amigo en 1921 no que algúns pensan que puido ser un suicidio. Moitos anos despois e xa morto Barrie, en 1960, foi Peter, o mediano da familia e que deu nome á criatura literaria, o que se matou botándose á vía dun tren. Pechábase así o círculo da traxedia que para James Barrie empezara moi cedo, pois toda a súa infancia estivo marcada pola morte dun irmán e a depresión que iso provocou na súa nai, coa que mantivo unha relación algo obsesiva. A necesidade de amor e o medo a perder o afecto dos que nos queren é, de feito, un dos temas fundamentais dos livros de Peter Pan, que sen dúvida reflicten a propria inseguridade do autor, un home sempre na procura dunha felicidade que xamais chegou a conseguir. A vida rematou para el en 1937, deixando estabelecido no seu testamento que os dereitos da súa obra fosen para o Great Ormond Stret Hospital, adicado ao coidados dos nenos enfermos.

2004-12-27, 01:00 | 7 comentarios

Referencias (TrackBacks)

URL de trackback de esta historia http://pawley.blogalia.com//trackbacks/24776

Comentarios

1
De: Martin Pawley Fecha: 2004-12-27 23:33

Non deixa de ser curioso que os autores de algúns dos relatos mais fermosos da literatura infantil e xuvenil (de Andersen a Barrie, pasando por Lewis Carroll) fosen persoas marcadas polo sufrimento, polos complexos e pola falta de amor.



2
De: Lili Fecha: 2004-12-28 00:09

feliz navidad y un 2005 mejorcito, y que sigas escribiendo porque me gusta mucho tu blog. Un beso.



3
De: peke Fecha: 2004-12-28 16:52

Din que un bo escritor debe coñecer o sufrimento; tamén din que as grandes obras da literatura saen grazas a el.
Eu nin quito nin poño rei, e menos agora que hai tanto crítico e sabido por aí, mais concordo en que cómpre coñecer de primeira man os pozos negros da vida para poder crear algo vivo. Bicos, Martin, e que 2005 sexa para vostede un excelente ano.



4
De: willy Fecha: 2004-12-29 20:24

supoño que terá leído jardines de kensington, de rodrigo fresán, unha curiosa aproximación á vida de j.m. barrie



5
De: Martin Pawley Fecha: 2004-12-30 05:09

Pois a verdade é que non, willy...



6
De: willy Fecha: 2004-12-30 22:12

pois nada, se ten a oportunidade e gosta do tema barrié-peter pan, vai disfrutalo considerablemente; dende logo sobre a figura de barrié ten unha doble faciana moi inquietante, e polo tanto altamente fascinante



7
De: willy Fecha: 2004-12-30 22:12

sóbrame un "sobre"



Nombre
Correo-e
URL
Dirección IP: 54.224.230.51 (75e616cf27)
Comentario









os arquivos estranhos




correo:diasestranhos()gmail.com

O sistema de comentarios está á disposición dos lectores de "signos de vida" (antes "días estranhos") exclusivamente para a publicación de opinións e comentarios relacionados co contido deste blog. Calquera texto publicado por medio do referido sistema non reflicte necesariamente a opinión do autor deste blog. As opinións e informacións publicadas no sistema de comentarios son de autoría e responsabilidade integral dos leitores que del fixeran uso. O autor deste blog resérvase o dereito de suprimir os comentarios e textos que considere ofensivos, difamatorios, calumniosos, preconceitosos ou de algunha forma perxudiciais a terceiros. Textos de carácter promocional ou inseridos no sistema sen a debida identificación do autor (nome completo e enderezo válido de e-mail) tamén poderán ser eliminados.


Licenza de 
Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons. Blogalia

Blogalia

(c) Martin Pawley